O ente público empresarial Augas de Galicia, mediante o presente anuncio, somete a competencia de proxectos a instancia presentada relativa á solicitude dunha concesión de reutilización de augas rexeneradas para uso industrial no concello de Pontevedra conforme preceptúan os artigos 104 e seguintes do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico (en diante, RDPH).
Nome e enderezo do peticionario: ENCE, Energía y Celulosa, S. A. (NIF: A28212264), avenida Marisma de Lourizán, s/n (Pontevedra).
Destino do aproveitamento: utilización de augas rexeneradas con destino a uso industrial.
Caudal de auga solicitado: 0,6 m3/s.
Corrente de onde se derivarán as augas: estación de rexeneración de augas da biofábrica de ENCE.
Termos municipais onde radican as obras: Pontevedra (Pontevedra).
A antedita petición tramitarase de conformidade co disposto no artigo 105 do RDPH e ábrese deste modo o trámite de competencia de proxectos para que no prazo dun (1) mes, contado desde a publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o peticionario presente instancia onde concrete a correspondente petición e demais aspectos previstos no antedito artigo 105 e xunte a ela o proxecto e demais documentación prescrita no artigo 106 do regulamento. Tamén se admitirán, durante este prazo, outras peticións que teñan o mesmo obxecto que aquela ou sexan incompatibles con ela, e poderanse presentar, xunto con estas, proxectos en competencia.
Denegarase a tramitación posterior de toda petición que supoña unha utilización de caudal superior ao dobre do que figura máis arriba como petición base do concurso, de acordo co artigo 105 do RDPH, sen prexuízo de que o peticionario que o pretenda poida, dentro do prazo fixado neste anuncio para a admisión de peticións, acollerse á tramitación indicada no parágrafo 3 do antedito artigo 105 do RDPH, remitindo a súa petición na forma prevista no artigo 104 do RDPH e solicitando a paralización do trámite da solicitude publicada inicialmente. Neste caso, coa petición achegará resgardo acreditativo do ingreso na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública dunha fianza pola cantidade de sesenta mil (60.000) euros, para responder da presentación do documento técnico correspondente á súa petición.
As peticións presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, utilizando o modelo xenérico de presentación de escritos (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A). Indicarase no destino a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Augas de Galicia, e farase referencia á clave do expediente que figura no encabezamento deste anuncio. Os documentos técnicos presentaranse en sobre debidamente precintado (catro exemplares: un en formato papel e tres en formato dixital), na forma indicada para a presentación de arquivos que superen os 50 MB, de xeito que se presentarán de xeito presencial nalgunha das oficinas de rexistro. No exterior deste sobre, indicarase tamén como destino a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Augas de Galicia, e farase referencia á clave do expediente que figura no encabezamento deste anuncio.
Alternativamente ao recollido no parágrafo anterior, o peticionario, se o desexa, poderá presentar, ao abeiro do disposto no artigo 106 do RDPH, a súa petición xunto coa documentación, en sobre ou paquete pechado debidamente precintado, perante o Rexistro do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Sur, á atención da Dirección de Augas de Galicia, e especificarase no exterior do sobre ou paquete, o expediente de solicitude da concesión de referencia e a súa clave que figura no encabezamento deste anuncio.
O desprecintado dos documentos técnicos realizarase na forma sinalada no artigo 107 do RDPH e terá lugar, se non se solicita a paralización do concurso, ás 12.00 horas do décimo día hábil posterior ao da conclusión do prazo de presentación de peticións, nas dependencias do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Sur, sitas na rúa San Salvador, 2, 4º, 36204 Vigo (Pontevedra).
Vigo, 24 de xullo de 2024
Susana Pérez González
Xefa do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Sur
