DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Martes, 6 de agosto de 2024 Páx. 45521

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2024, da Dirección Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e da necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello do Rosal (expediente IN407A 2021/284-4).

Expediente: IN407A 2021/284-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS e CTC Valdemiñotos.

Concello: O Rosal.

Feitos

1. O 12.11.2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS e CTC Valdemiñotos.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Victoriano González Lemos, colexiado 2980 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, no cal figura un orzamento total de 110.519,67 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a mellora da calidade da subministración no lugar de Valdemiñoto, no concello do Rosal, mediante as seguintes actuacións:

Instalación dun centro de transformación prefabricado 2L+1P do tipo manobra exterior, situado na parcela con referencia catastral 36048A06000142.

Liña de media tensión subterránea de 607 metros de lonxitude para alimentar o centro de transformación proxectado e conectada á rede ROS803.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello do Rosal, a Deputación Provincial de Pontevedra, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil e polo Servizo do Patrimonio Cultural.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. Mediante escrito do 30.12.2021, este departamento territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da referida instalación eléctrica á persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 30.12.2021, publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 26.1.2022.

Xornal Faro de Vigo: 21.1.2022.

Taboleiro de anuncios do Concello do Rosal.

Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

5. O 11.2.2022, Manuel Castro Berrecoso, en representación de Josefina Berrecoso González, manifestou a súa desconformidade coa expropiación da parcela 36048A06000142, alegando un grave prexuízo no cultivo do viñedo plantado na parcela afectada.

6. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. Na súa resposta UFD destaca que a instalación do centro de transformación non impide que a titular da parcela siga realizando as actividades relacionadas co cultivo de viñas, salvo no terreo expropiado e respectando a servidume subterránea, conforme indica o artigo 162 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

7. Os servizos técnicos deste departamento territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe, en que conclúen que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada, para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Con relación á valoración da parcela e aos prexuízos causados polas afeccións da instalación que se vai construír, informan que o poderán poñer de manifesto na presentación da folla de valoración que requirirá este departamento territorial. Ademais, nese momento, o titular concretará o valor en que estime o obxecto que se expropia, tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

Ademais, a alegante non xustifica o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161 sobre as limitacións á constitución da servidume de paso.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Dirección Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV con condutor tipo RHZ1, de 607 metros de lonxitude, con orixe no tramo ROS8030131 e final no mesmo tramo, facendo entrada e saída no centro de transformación (CT) proxectado.

Centro de transformación compacto prefabricado 2L+1P de tipo manobra exterior de 250 kVA e relación de transformación de 20.000/400 V.

As instalacións están situadas no lugar de Valdemiñotos, no concello do Rosal (Pontevedra).

4. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos deste departamento territorial, exponse:

Con relación ao prexuízo que causa a instalación do apoio na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, as persoas interesadas serán informadas do trámite de levantamento das actas previas á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que estime, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

Cabe informar que a servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar sobre el, deixando a salvo a dita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguridade. Poderá o dono, así mesmo, solicitar o cambio de trazado da liña, se non existen dificultades técnicas, e sendo á súa costa os gastos da variación, incluídos nos devanditos gastos os prexuízos ocasionados. Entenderase que a servidume foi respectada cando o cercado, plantación ou edificación construída polo propietario non afecte o seu contido e a seguridade da instalación, persoas e bens, de acordo co presente Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e CTC Valdemiñotos (expediente IN407A 2021/284-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial, acompañada da seguinte documentación:

As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 15 de xullo de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados-Concello do Rosal

Lugar

Cultivo

Referencia catastral

Titular

Apoio

Afeccións

núm.

m2

ml sub.

m2 sub.

1

Valdemiñotos

Rústico

36048A06000142

Pol.: 60, parc.: 142

Josefina Berrecoso González

1

16,81

1

4,62