A Orde do 29 de abril de 2024, publicada no DOG número 94, do 15 de maio, vai dirixida a persoas físicas ou xurídicas que sexan escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras e que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e no ámbito da Comunidade Autónoma galega, co fin de facilitar a súa participación en actividades do dito sector que se realicen no ano 2024 e que cumpran os requisitos seguintes: a) Inscribirse, asistir ou participar nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro fóra de Galicia no prazo establecido na presente convocatoria. b) Acreditaren o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro maioritariamente no ámbito da Comunidade Autónoma galega. c) Ter publicada obra en Galicia, polo menos unha obra, como persoa escritora, ilustradora, tradutora ou editora, para a cal se solicita a subvención, nos cinco anos anteriores á publicación da presente orde.
A súa finalidade é crear novas vías de difusión da obra dos creadores e creadoras galegas e da súa produción editorial, facilitando a asistencia a eventos de difusión e de comercialización do libro, así como a outros espazos de creatividade.
As subvencións reguladas nesta orde fináncianse con cargo á aplicación orzamentaria 43.03.432A.770.01 (código de proxecto 2015 00309), cun crédito inicial de trinta mil euros (30.000,00 €).
No artigo 4.3 da Orde do 29 de abril recóllese expresamente a posibilidade de ampliar a contía máxima do crédito dispoñible para esta convocatoria, de conformidade co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30 do seu regulamento.
O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
Dado o elevado volume de solicitudes de subvencións presentadas, e coa finalidade de facer partícipe da subvención o maior número de beneficiarios posible, cómpre ampliar o importe do crédito destinado á concesión das subvencións para apoiar a actividade dos creadores galegos. Consecuentemente con todo o anteriormente exposto, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Ampliación de crédito
1. Amplíase o importe total do crédito destinado ás subvencións que se concederán ao abeiro da Orde do 29 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras e editoras nas actividades que se celebren no sector do libro, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT221A).
O importe total do crédito, que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 43.03.432A.770.01, é de corenta e dous mil catrocentos euros (42.400,00 €), correspondente ao código de proxecto 2015 00309.
2. A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2024
José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
