DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 9 de agosto de 2024 Páx. 46112

IV. Oposicións e concursos

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2024 pola que se declara a tramitación de urxencia no proceso selectivo de acceso por oposición libre (código de procedemento PR461B) e no proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461D) nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía, convocado mediante a Orde do 31 de maio de 2024 (Diario Oficial de Galicia número 114, do 13 de xuño).

Mediante a Orde do 31 de maio de 2024 (DOG núm. 114, do 13 de xuño) convocouse o proceso selectivo de acceso por oposición libre (código de procedemento PR461B) e o proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461D) nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía.

O dito proceso encóntrase regulado na antedita orde e no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos da policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local.

Coa finalidade de que sexa posible rematar neste ano os procesos de acceso libre e de provisión por mobilidade citados e así dar debido cumprimento ás necesidade dos concellos participantes en canto á cobertura do persoal do corpo da Policía Local que precisan é preciso recorrer ao trámite polo procedemento de urxencia.

De acordo co establecido no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando razóns de interese público o aconsellen, poderase acordar, de oficio, a aplicación da tramitación de urxencia, o que supón reducir á metade os prazos establecidos no procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Ademais, este artigo precisa que non caberá recurso algún contra o acordo que declare a aplicación da tramitación de urxencia ao procedemento, sen prexuízo do procedente contra a resolución que poña fin ao procedemento.

Debido ao elevado número de aspirantes que participan no proceso e o número e dificultade das probas, ademais da complexidade da baremación do proceso de provisión por mobilidade e coa finalidade de poder garantir aos concellos que delegaron a súa selección na Xunta de Galicia, logo da sinatura dos convenios preceptivos, a toma de posesión como funcionarios dos policías que superaron os procesos canto antes, constátase que existen razóns fundadas de interese público que aconsellan reducir á metade os prazos establecidos no procedemento ordinario.

Considerando, por tanto, que concorren os requisitos da tramitación de urxencia prevista no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, esta dirección xeral

RESOLVE:

Declarar a urxencia no proceso selectivo de acceso por oposición libre (código de procedemento PR461B) e no proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461D) nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía, convocado mediante a Orde do 31 de maio de 2024 (DOG núm. 114, do 13 de xuño), e, por tanto, reducir á metade os prazos establecidos no procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

A Estrada, 2 de agosto de 2024

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública