Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Monte de Viso, Curros, Ceo, Pajariza, Bouza Vella ou Cordeiro, Ribeira e Raxadas da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Alxén, no concello de Salvaterra de Miño (expediente RE22016).
O 27.5.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:
Feitos:
Primeiro. O 7.9.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2216319, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Alxén, parroquia de San Paio de Alxén (Salvaterra de Miño), solicita a revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Monte de Viso, Curros, Ceo, Pajariza, Bouza Vella ou Cordeiro, Ribeira e Raxadas. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22016. Consta no expediente a seguinte documentación:
– Revisión parcial do esbozo da carpeta ficha montes denominados Monte de Viso, Curros, Ceo, Pajariza, Bouza Vella ou Cordeiro, Ribeira e Raxadas, parroquia de Alxén, concello de Salvaterra de Miño. Asinado pola enxeñeira técnica forestal núm. 908 do COETFG o 3.5.2024.
– Certificado da secretaria coa conformidade do presidente da CMVMC de Alxén do 19.4.2024 da aprobación en Asemblea Xeral do 23.4.2024.
– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM ZONE 29N.
Revisada a memoria técnica despréndese:
– No traballo de gabinete utilizouse a superposición sobre o voo americano de 1956 e levouse a cabo un levantamento topográfico con GPS de precisión centimétrica no cal se percorreu todo o perímetro con varios membros da Xunta Reitora da comunidade de montes, durante ese percorrido identificáronse os marcos, a maior parte do perímetro está delimitado por muros que o separan das propiedades particulares.
– Os montes veciñais de Alxén están compostos por 7 coutos redondos que limitan en todos os seus ventos con propietarios particulares individuais. A proposta achegada axústase de xeito coherente coa cartografía catastral actual do Ministerio de Facenda.
– Estes montes están inscritos no Rexistro da Propiedade de Ponteareas, no tomo 951, libro 173 de Salvaterra, folio 36, predio 19.885.
Segundo. O MVMC de Alxén foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 20.9.1984 e unha superficie inicial de 60 has. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:
– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.
– A CMVMC de Alxén dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360258 e vixente ata 2030.
– Constan dúas permutas do ano 1999 con Benjamín Fernández Noval e coa mercantil Seguridade Galega Nosa Terra, S.A.
Terceiro. A superficie planimétrica e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 59,85 ha e 12,79 km e segundo o indicado na memoria técnica non se modifican os lindes establecidos na Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 20.9.1984.
Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Alxén (Salvaterra de Miño), expediente RE22016, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
Segunda. A revisión do esbozo do MVMC Monte de Viso, Curros, Ceo, Pajariza, Bouza Vella ou Cordeiro, Ribeira e Raxadas da CMVMC de Alxén proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola comunidade e queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica indicada no feito primeiro.
Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Monte de Viso, Curros, Ceo, Pajariza, Bouza Vella ou Cordeiro, Ribeira e Raxadas e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Monte de Viso, Curros, Ceo, Pajariza, Bouza Vella ou Cordeiro, Ribeira e Raxadas clasificado a prol da CMVMC de Alxén (Salvaterra de Miño), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.
Pontevedra, 23 de xullo de 2024
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
