Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Chan do Marco, Loma Chorosa e Cruz, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sendelle, no concello de Crecente (expediente RE22017).
O 14.5.2024, o Servizo de Montes deste Departamento Territorial emitiu o seguinte informe:
Feitos:
Primeiro. O 7.9.2022, co número de rexistro de entrada 2022/2216408, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Sendelle, parroquia de Santa Cruz de Sendelle (Crecente), solicitou a revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Chan do Marco, Loma Chorosa e Cruz (ID 2624). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22017. Consta no expediente a seguinte documentación:
– Revisión do esbozo da carpeta ficha do monte veciñal en man común de Sendelle, parroquia de Santa Cruz de Sendelle, concello de Crecente, asinado polo enxeñeiro técnico forestal colexiado núm. 883 do COETF de Galicia, o 14.2.2024.
– Certificado da secretaria coa conformidade do presidente da CMVMC de Sendelle, do 8.4.2024, da aprobación na Asemblea Xeral do 1.4.2023.
– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM ZONE 29N EPGS:25829.
Revisada a memoria técnica achegada da revisión dos montes veciñais, indícase:
– O límite co monte veciñal de Angudes acordouse mediante a demanda de menor contía núm.125/1997, ante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Ponteareas. Chegouse a acordo mediante o Auto do 29.1.1998.
– O límite co monte veciñal de Freixo correspóndese co levantamento topográfico realizado no ano 2004, apoiado en marcos existentes no monte, que coincide co recollido no expediente de clasificación e non presenta problemas de identificación no terreo.
– Respecto do límite cos propietarios particulares, levouse a cabo un levantamento topográfico das parcelas con GPS de precisión centimétrica no cal se percorreu todo o perímetro con varios membros da xunta reitora da comunidade de montes.
Segundo. Os montes veciñais Chan do Marco, Loma Chorosa e Cruz foron clasificados polo Xurado de MVMC de Pontevedra, o 7.12.1979, cunha superficie inicial de 123 ha. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:
– Consta un contrato de xestión coa Administración forestal co número de elenco 3615697 e unha superficie de 53,00 ha.
– A CMVMC de Sendelle dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360098 e vixente ata 2019.
– Non constan actos de disposición que modifiquen a superficie do monte.
Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 90,24 ha e 7,59 km. Non se modifican as estremas consignadas na Resolución de clasificación do 7.12.1979, do Xurado de MVMC de Pontevedra.
A superficie proposta obtense da medición sobre a cartografía achegada con rexistro de entrada número 2024/1182391.
Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acordou solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Sendelle (Crecente) (expediente RE22017), coa finalidade de cumprir o establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
Segunda. A revisión do esbozo dos montes veciñais Chan do Marco, Loma Chorosa e Cruz, da CMVMC de Sendelle, proposta polo Servizo de Montes queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro e na memoria técnica da enxeñeira competente en materia forestal indicada no feito primeiro.
Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Chan do Marco, Loma Chorosa e Cruz e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este Xurado, por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Chan do Marco, Loma Chorosa e Cruz, clasificado a prol da CMVMC de Sendelle (Crecente), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.
Pontevedra, 23 de xullo de 2024
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de
Clasificación de Montes Veciñais en Man Común
