DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 12 de agosto de 2024 Páx. 46392

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2024, da Dirección Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Arzúa (expediente IN407A 2023/311-1).

Expediente: IN407A 2023/311-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Proxecto: instalación de telecontrol na LMT POR706 en AOU0MJGK//77-A10-A4.

Concello: Arzúa.

Feitos:

1. O día 22.6.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica mencionada co fin de mellorar a calidade e seguridade do servizo eléctrico no lugar de Calvos, parroquia de Calvos, concello de Arzúa, e proxéctase a instalación dun elemento de seccionamento telecontrolado nun apoio existente de formigón para substituír por un de tipo metálico na liña de distribución LMT POR706 Ponte Carreira 6 (expediente 52.268), procedente da subestación Portodemouros.

Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado instalación de telecontrol na LMT POR706 en AOU0MJGK//77-A10-A4, asinado o día 13.2.2023 por Ángel Pérez Vidal, enxeñeiro técnico industrial graduado en enxeñaría eléctrica, número colexiado 4.781 de Vigo; e a relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da instalación proxectada.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo publicado nos seguintes medios:

• Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

• DOG: 10.11.2023.

• BOP: 25.10.2023.

• Xornal La Voz de Galicia: 10.11.2023.

• O 19.10.2023 e o 24.1.2024 solicitouse ao Concello de Arzúa a exposición pública do proxecto e a correspondente acreditación de realización dese trámite, sen que conste no expediente a emisión da dita certificación.

3. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación nin suxestión relacionada coa documentación obxecto de publicación.

4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Arzúa, Augas de Galicia e Servizo de Infraestruturas Agrarias. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para tal efecto.

5. O día 4.7.2024 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

2. Lexislación de aplicación.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas.

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas no lugar de Calvos, parroquia de Calvos, concello de Arzúa, e as súas características técnicas son as seguintes:

Reconectador telecontrolado no apoio número AOU0MJGK//77-A10-A4 de formigón para substituir por un tipo C-2000/14, na LMT POR706 Ponte Carreira 6 (expediente 52.268), procedente da subestación Portodemouros. Retensado dos vans adxacentes.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o esixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.

A Coruña, 11 de xullo de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados-concello de Arzúa

Instalación de telecontrol en LMT POR-706-apoio AOU0MJGK//77-A10-A4.

Parcela proxecto

Propietario/titular

Referencia catastral

Lugar

Afección pleno dominio
(CT e/ou apoios)

LMT aérea-voo

(servidume de paso de enerxía eléctrica)

Natureza do terreo

CT/Número do apoio

Superficie (m2)

Lonxitude (m)

Superficie (m2)

1

Manolo Suárez Vázquez

15006B511010050000UO

Agra das Latas

Novo apoio número 77-A10-A4 (ITC)

2

Rústico. Agrario. Labor ou labradío de secaño