Antecedentes:
Con data do 3 de maio de 2024, publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 87 o Anuncio do 8 de abril polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado de mellora da OU-212 (primeira fase). Rectificación de trazado (Beariz) e humanización da travesía de Liñares (Avión), de clave OU/23/189.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto.
En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,
RESOLVO:
Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5 de agosto de 2024, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de mellora da OU-212 (1ª fase). Rectificación de trazado (Beariz) e humanización da travesía de Liñares (Avión), de clave OU/23/189.06, que se recolle como anexo a esta resolución.
Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que lle pon fin á vía administrativa, poderase formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.
No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/ ante a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2024
Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas
ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5 de agosto de 2024, polo que se aproba o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de mellora da OU-212 (1ª fase). Rectificación de trazado (Beariz) e humanización da travesía de Liñares (Avión), de clave OU/23/189.06
1º. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do proxecto de trazado de mellora da OU-212 (1ª fase). Rectificación de trazado (Beariz) e humanización da travesía de Liñares (Avión), de clave OU/23/189.06, sen modificacións respecto ao trazado sometido a información pública.
2º. Aprobar definitivamente o proxecto de trazado de mellora da OU-212 (1ª fase). Rectificación de trazado (Beariz) e humanización da travesía de Liñares (Avión), de clave OU/23/189.06.
Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos de Beariz e Avión, nos que se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación o revisión.
A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.
