DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 19 de agosto de 2024 Páx. 47063

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de xullo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Salgueirón, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mos, no concello de Mos (expediente RE22031).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Salgueirón, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mos, no concello de Mos (expediente: RE22031).

O 12.3.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emitiu o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 22.9.2022, con número de rexistro de entrada 2022/2326063 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante CMVMC) de Mos, parroquia de Santa Eulalia de Mos (Mos), solicitou a revisión parcial do esbozo do monte veciñal en man común (en diante MVMC) de Salgueirón co ID 2901 (exceptúa a revisión da parcela Baloutas). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22031. Consta no expediente a seguinte documentación:

– Proposta para a revisión do esbozo da carpeta ficha do monte veciñal en man común de Mos, concello de Mos, Pontevedra, asinada pola enxeñeira técnica forestal núm. 1.227 do COETF de Galicia en setembro de 2022.

– Certificado da secretaria coa conformidade do presidente da CMVMC de Mos, do 27.3.2023, da aprobación na asemblea xeral do 26.3.2023.

– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM ZONE 29N EPSG:25829.

A memoria técnica da revisión parcial do monte Baloutas indica que:

– O monte Baloutas componse dos coutos redondos Salgueirón, Figueiriña e Trabes.

– Revísase o perímetro na súa estrema coas propiedades de particulares. A liña proposta baséase nun deslindamento executado no ano 2011, que se someteu a exposición pública no edificio do Pazo de Mos durante varios meses, co fin de que os estremeiros puidesen formular oposición, de ser o caso, antes de realizar a marcaxe.

– A revisión recolle a avinza coa CMVMC de Xinzo (Ponteareas) expediente Avinza 04/2012.

– Na proposta descóntanse do monte veciñal Salgueirón 6 encravados de propietarios particulares.

– Reflicte os deslindamentos administrativos en trámite coa CMVMC de Louredo (Mos) e CMVMC de Cans (O Porriño) e expedientes DC22014 e DC22011.

Segundo. O MVMC Salgueirón e Baloutas foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 25.11.1981, cunha superficie inicial de 501 ha. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– Avinza núm. 4 do ano 2012 coa CMVMC de Xinzo.

– Deslindamento parcial realizado coa CMVMC de Cans (concello do Porriño) (DOG núm. 18, do 25 de xaneiro de 2024).

– Deslindamento parcial realizado coa CMVMC de Louredo (concello de Mos) (DOG núm.15, do 22 de xaneiro de 2024).

– A CMVMC de Mos dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360123 e vixente ata 2030.

– No ano 2008 expropiouse unha superficie de 17,96 ha para o parque empresarial de Mos.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total do MVMC de Salgueirón é de 420 ha e 23,51 km. A descrición da resolución de clasificación do 25.11.1981, do Xurado de MVMC de Pontevedra, modifícase cos nomes, cabidas e límites que a continuación se consignan:

Monte: Salgueirón.

Superficie: 418,98 ha.

Norte: Rego da Fraga, predios de particulares das Coutadas de Pedrafita e monte veciñal en man común de Louredo (Mos).

Leste: monte veciñal en man común da parroquia de Xinzo (Ponteareas), denominado Seixo e Forna (antigo monte de U.P número 321 do Catálogo) e, consecuentemente, termo municipal de Ponteareas, nunha liña determinada polos seguintes lugares (de norte a sur): Chan do Marco (punto común na confluencia dos montes veciñais de Mos (Mos), Louredo (Mos), Ribadetea (Ponteraeas) e Xinzo (Ponteareas)), Chan das Pousas, Fonte Chafarís, Carballo Furado, Bragán ou As Barandas, Liñar da Raíña, Penedo do Postigo, Penedo Franquiño, Chan de Vilardela, Chan de Mos, Chan da Ermida e Mollón Tres Termos, na confluencia do municipios de Mos, Ponteareas e O Porriño.

Sur: termo municipal do Porriño, entre o Mollón Tres Termos e Cogomelos, pasando polas localidades de Costráns e de Carballo ou Carballo da Cancela; linda ao longo da liña (de leste a oeste) con predios de particulares, no primeiro terzo da liña, e cos montes veciñais, primeiro de Cans e, a continuación, de Santa María do Porriño.

Oeste: predios de particulares, entre os lugares de Cogomelos, Carballo ou Carballo da Cancela, no extremo sur da liña, ata a estremia, no extremo norte, co Rego da Fraga.

Monte: Figueiriña.

Superficie: 0,58 ha.

Norte: predios de particulares.

Leste: predios de particulares.

Sur: predios de particulares.

Oeste: predios de particulares.

Monte: Trabes.

Superficie: 0,44 ha.

Norte: predios de particulares.

Leste: predios de particulares.

Sur: predios de particulares.

Oeste: predios de particulares.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acordou solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Mos (Mos), expediente RE22031, coa finalidade de dar cumprir o establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo do monte veciñal Salgueirón da CMVMC de Mos proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola comunidade e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a cartografía que consta no expediente.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Salgueirón e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este Xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Salgueirón, clasificado a prol da CMVMC de Mos (Mos), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 29 de xullo de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra