Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada dos montes veciñais denominados Seixo e Forna, Chan da Cruz 1, Chan da Cruz 2, Costa e Cabernouro, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Xinzo, no concello de Ponteareas (expediente RE22032).
O 18.4.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emitiu o seguinte informe:
Feitos:
Primeiro. O 21.9.2022, con número de rexistro de entrada 2022/2324139, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante CMVMC) de Xinzo, parroquia de Santa Mariña de Xinzo (Ponteareas), solicitou a revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante MVMC) Seixo e Forna, Chan da Cruz 1, Chan da Cruz 2, Costa e Cabernouro (ID 3019). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22032. Consta no expediente a seguinte documentación:
– Revisión do esbozo da carpeta ficha do monte veciñal en man común de Xinzo, parroquia de Xinzo, concello de Ponteareas, asinada pola enxeñeira técnica forestal colexiada núm. 1227 do COETF de Galicia, en setembro de 2022.
– Certificado da secretaria coa conformidade do presidente da CMVMC de Xinzo, do 5.5.2023, da aprobación na asemblea xeral do 15.4.2023.
– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM ZONE 29N EPGS:25829.
Revisada a memoria técnica achegada da revisión dos montes veciñais, indícase:
– O MVMC de Seixo e Forna foi deslindado pola Orde ministerial do 24.7.1954 e rectificado o seu deslindamento en 1963 en cumprimento de sentenzas firmes da Audiencia Territorial da Coruña do 31.12.1956. Realizouse a demarcación entre 1961 e 1968 (Plano de marcaxe do MUP núm. 321) e establecéronse as parcelas Chan da Cruz 1 e Chan da Cruz 2, como parcelas independentes. A parcela Seixo e Forna conta cun encravado de 0,36 hectáreas.
– O monte Costa e Cabernouro non contaba con deslindamento administrativo no momento da súa recuperación polos veciños. A CMVMC de Xinzo promoveu o deslindamento cos propietarios particulares no ano 2003. A parcela Costa e Cabernouro conta con dous encravados de 1.452 m2 e 106 m2.
– Recóllense as avinzas do ano 2012 e actualizadas no ano 2023 da CMVMC de Xinzo coas seguintes comunidades veciñais: CMVMC de Arnoso (Ponteareas), CMVMC de Couso-Guláns (Ponteareas), CMVMC de Cans (Porriño), CMVMC de Mos (Mos) e CMVMC de Ribadetea (Ponteareas).
A proposta achegada é coherente cos esbozos dos montes veciñais estremeiros: CMVMC Mos RE22031, CMVMC de Ribadetea RE22034, CMVMC de Couso RE220035. Porén, invade o esbozo da CMVMC de Guláns, polo que este tramo non pode ser obxecto de revisión de esbozo e deberá tramitarse o correspondente deslindamento administrativo ou xudicial. A Administración forestal eliminou de oficio o tramo de revisión de esbozo que afecta o MVMC de Guláns, a avinza 1/12 co MVMC Arnoso e parte da avinza 2/12 co MVMC de Couso.
Segundo. Os montes veciñais Seixo e Forna, Chan da Cruz 1, Chan da Cruz 2, Costa e Cabernouro foron clasificados polo Xurado de MVMC de Pontevedra, o 5.12.1979, cunha superficie inicial de 793 ha. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:
– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.
– A CMVMC de Xinzo dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360377 e vixente ata 2032.
– Constan as seguintes avinzas ou acordos de deslindamento da CMVMC de Xinzo coas seguintes comunidades veciñais: CMVMC de Arnoso (Ponteareas) avinza 01/2012, CMVMC de Couso-Guláns (Ponteareas) avinza 01/2012, CMVMC de Cans (Porriño) avinza 01/2012, CMVMC de Mos (Mos) avinza 01/2012 e CMVMC de Ribadetea (Ponteareas) avinza 01/2012.
– Existen dúas permutas dos anos 1997 e 2008.
Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 688,37 ha e 32,87 km (excluído o tramo indicado no feito primeiro). A descrición da Resolución de clasificación do 20.11.1979, do Xurado de MVMC de Pontevedra, modifícase cos nomes, cabidas e límites que a continuación se consignan:
Monte: Seixo e Forna.
Superficie: 547,88 ha.
Norte: MVMC de Ribadetea (antigo MUP núm. 320), denominado Salgueirón e Covas, da parroquia de Ribadetea (Ponteareas), nunha liña definida polos lugares seguintes: Chan do Marco e Alto da Cruz,
Casa da Moura, Penedos Aguzados, Alto do Castelo, Cavada Nova e Alto da Cavada Nova ou Coto Pigarza.
Leste: mesmo MVMC de Ribadetea (Salgueirón e Covas) nunha liña determinada polos seguintes lugares: Alto da Cavada Nova ou Coto Pigarza, Alto do Penedo de Rascacú ou Laxe da Cruz, Carqueixal, Presas de Castromao, Presas dos Barallotes e Loño (Penedo das Tres Cruces).
Sur: os predios particulares de Loño e Coto da Porteliña, o núcleo rural da Porteliña, os predios particulares seguintes: Presa do Estevo, Señalada, Presóns da Moura, Castromao, Burato do Coello, Laxes, Muíño do Cubo, Coutada da Presa, Paredonda ou Perredonda, Cerdeiriña, Castiñeiró, de Márquez ou Alto do Marco, Lama da Pereira, Pedras Negras, Rego Novo ou Regueira de Novás, Pena de Baranda ou Penedo Baranda, Regada ou Casportas, Ladeira, Pousiños, Presa da Bouza ou Presa de Bouzas, Eido de Álvaro ou Eido Dalbo e Moledo, o núcleo rural do Moledo, os predios particulares seguintes: Fernandiño, Presiñas, Presóns, Borraxeiro, Coutada do Moucho, Regueira, Pego Rego ou Regueira do Pego, Carballas, Bouzalonga, Eido do Bispo, Regueira da Cruz, Cova da Nai, Coutada Troncoso, Rega ou Caneciño, Eido Vello, Rega da Pereira, Rega do Xestal, Pinal do Chalina, Pedra do Pan e Pedra Dreita ou Pedra Dereita.
Oeste: predio particular Pedra Dereita e montes da parroquia de Cans (O Porriño), nunha liña definida polo cruzamento de dous camiños forestais, a Pedra Dreita ou Pedra Dereita e o Mollón Tres Termos, e o monte veciñal en man común de Mos (antigo MUP núm. 477) denominado Salgueirón, pertencente á parroquia de Mos nunha liña determinada polas seguintes localidades: o Mollón Tres Termos, Chan da Ermida, Chan de Mos, Chan de Vilardela, Penedo Franquiño, Penedo do Postigo, Liñar da Raíña, Bragán ou As Barandas, Carballo Furado, Fonte Chafarís, Chan das Pousas e Chan do Marco.
Monte: Chan da Cruz 1.
Superficie: 0,46 ha.
Norte: camiño que o separa do predio particular Chan da Cruz, propiedade actualmente de Esther Estrella Ocampo.
Leste: antiga canteira en restauración, adquirida por González Couceiro, S.L.
Sur: marcos que enmarcan a parcela de Antonio Pérez Vázquez.
Oeste: camiño e propiedades de particulares.
Monte: Chan da Cruz 2.
Superficie: 2,23 ha.
Norte: parcela Regueira da Cruz, dos herdeiros de José Represas Cima.
Leste e sur: camiño que a separa dos predios Chan de Cruz e antiga canteira en restauración, adquirida por González Couceiro, S.L.
Oeste: pista forestal que a separa dos predios cos que linda a parcela Chan da Cruz 1 polo norte e polo leste e predio Regueira da Chan da Cruz, propiedade na actualidade de Esther Estrella Ocampo.
Monte: Costa e Cabernouro.
Superficie: 137,80 ha.
Norte: propiedades de particulares nunha liña que transcorre, de oeste a leste, desde a estrema co monte veciñal de Cans (O Porriño), polos lugares de Xaloneira ou Galomeira (Camiño Vello a Couso), Confurco, Teixugueira e A Molar, e a autovía das Rías Baixas (A-52) no lugar de Laxe Gorda (entre A Molar e a Devesa).
Leste: monte da parroquia de Arnoso.
Sur: montes de Guláns e Couso.
Oeste: monte de Cans e concello de Porriño.
Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acordou solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Xinzo (Ponteareas), expediente RE22032, coa finalidade de cumprir o establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
Segunda. A revisión do esbozo dos montes veciñais Seixo e Forna, Chan da Cruz 1, Chan da Cruz 2, Costa e Cabernouro da CMVMC de Xinzo, proposta polo Servizo de Montes, queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica da enxeñeira competente en materia forestal (excepto no tramo excluído de oficio) indicada no feito primeiro.
Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Seixo e Forna, Chan da Cruz 1, Chan da Cruz 2, Costa e Cabernouro, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este Xurado, por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Seixo e Forna, Chan da Cruz 1, Chan da Cruz 2, Costa e Cabernouro, clasificado a prol da CMVMC de Xinzo (Ponteareas), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.
Pontevedra, 29 de xullo de 2024
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
