DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 19 de agosto de 2024 Páx. 47019

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

EXTRACTO da Resolución do 9 de agosto de 2024 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2024/25 (códigos de procedemento MR265B e MR265C).

BDNS (Identif.): 780162.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob. es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas destinatarias

Será destinatario final da axuda o alumnado que asista regularmente aos centros ou establecementos escolares, administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes da Comunidade Autónoma de Galicia, que pertenza aos seguintes niveis de ensino:

a) Educación infantil de segundo ciclo.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria, que comprenderá a educación secundaria obrigatoria (ESO), o bacharelato e a formación profesional de grao medio.

As persoas destinatarias poderán recibir a axuda unicamente durante os días lectivos de desenvolvemento do curso escolar.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas destinadas á subministración, incluídos os custos de loxística e repartición, ao alumnado de centros escolares na Comunidade Autónoma de Galicia, de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo, recollidas nesta resolución.

Igualmente, é obxecto desta resolución a convocatoria das devanditas axudas para o curso escolar 2024-2025, consonte ao disposto no Regulamento (UE) nº 2016/791 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de maio de 2016, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1308/2013 e (UE) nº 1306/2013 no que se atinxe ao réxime de axudas para a distribución nos centros escolares de froitas e hortalizas, plátanos e leite, e no Regulamento (UE) nº 2016/795 do Consello, do 11 de abril de 2016, que modifica o Regulamento (UE) nº 1370/2013, polo que se establecen medidas relativas á fixación de axudas e restitucións en relación á organización común de mercados dos produtos agrícolas, e os regulamentos que os desenvolven e complementan.

A axuda abrangue dous procedementos diferenciados: o procedemento MR265B, de solicitude de autorización e axuda para a subministración de produtos aos centros escolares, e o procedemento MR265C, de solicitude de pagamento da axuda para a subministración de produtos aos centros escolares.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 9 de agosto de 2024 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2024-2025 (códigos de procedemento MR265B e MR265C).

Cuarto. Importe

O importe máximo aplicable ao produto é o establecido no anexo I da resolución.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes de autorización e axuda

O prazo de presentación será ata o 20 de setembro de 2024, incluído.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2024

Juan José Cerviño Varela
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria