DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 20 de agosto de 2024 Páx. 47185

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican catro acordos da Comisión de Seguimento da carreira profesional.

As bases do sistema de carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e as entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo están establecidas conxuntamente nos seguintes acordos da Mesa Sectorial:

1º. Acordo do 6 de xullo de 2018, asinado pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CESM (na condición de adherida), UGT, CSIF e SATSE, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 19 de xullo seguinte e publicado por Orde da Consellería de Sanidade do 20 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia número 144, do 30 de xullo).

2º. Acordo do 28 de outubro de 2022, sobre as futuras convocatorias de acceso aos graos de carreira profesional, asinado pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF, SATSE e UGT, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 24 de novembro seguinte e publicado pola Orde da Consellería de Sanidade do 25 de novembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 231, do 5 de decembro).

Para interpretar e executar determinadas bases do dito sistema de carreira a súa Comisión de Seguimento vén de adoptar catro acordos que se considera oportuno publicar para o coñecemento das persoas interesadas.

Para comprender o Acordo número 1, sobre o cómputo de permanencia na escala de saúde pública e administración sanitaria, creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, hai que remitirse ás porcentaxes e condicións que establece o Acordo 2 dos publicados na Resolución do 3 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 155, do 17 de agosto), o cal garante computar de diversas formas, para os efectos da permanencia nun grao de carreira dunha concreta categoría ou especialidade, o servizo activo (ou situación de reserva) en calquera outra categoría ou especialidade, pero garantindo en todo caso un mínimo de tres anos de traxectoria profesional na categoría/especialidade na que se pretenda progresar (ou noutra que se poida asimilar para os efectos da carreira). Así, tense en conta o tempo posterior de servizo activo (ou reserva) como persoal funcionario da Lei 17/1989, do 23 de outubro, na escala de saúde pública e administración sanitaria, sempre que se computen tres anos de servizo activo (ou reserva) como persoal estatutario.

O Acordo número 2 deriva de que no Acordo de carreira profesional, do 6 de xullo de 2018, se establece, entre os requisitos que debe acreditar o persoal fixo para acceder ao sistema de carreira profesional e progresar nel, ter destino definitivo no Servizo Galego de Saúde ou entidade adscrita (punto 5 do Acordo). Engade a excepción dos/das profesionais en situación de reingreso provisional nunha praza do organismo ou entidade adscrita, pois este persoal procede dunha situación distinta á de activo declarada por eles e non por outro servizo de saúde.

Os capítulos VI e VII do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, regulan, respectivamente, a provisión de postos de xefatura e coordinación, e de postos de carácter directivo, con diversos procedementos que se inician cunha convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia e finalizan cun nomeamento publicado nese mesmo diario oficial.

Dentro do persoal estatutario fixo que resulta nomeado xefe/a, coordinador/a ou directivo/a por eses procedementos, hai un colectivo moi reducido que accede ao posto desde un destino definitivo noutro servizo de saúde e que, por tal motivo, sitúase nunha posición pouco definida en canto ás súas posibilidades de progreso na carreira profesional, pois estas quedan na práctica a expensas da decisión que ese outro servizo de saúde adopte respecto á situación da persoa nomeada e da súa propia regulación da carreira profesional. Por iso, considerarase como destino definitivo ese posto de xefatura, coordinación ou directivo sempre que sexa admitido/a no concurso de traslados aberto e permanente para a provisión das prazas básicas da categoría/especialidade no Sistema público de saúde de Galicia (CAP), sen desistencia.

Un terceiro acordo ten a súa orixe en que, anualmente, unha vez finalizado o prazo para presentar solicitudes de acceso aos graos I a IV de carreira profesional, procédese a avaliar os méritos de cada solicitante. Trátase de méritos acadados durante o período no que o/a profesional permaneceu encadrado/a no grao inmediatamente inferior.

Nese proceso de avaliación pode acontecer que determinadas persoas solicitantes dun grao dunha categoría/especialidade non teñan desempeñado de modo efectivo, e por diversas causas, a profesión ou funcións que correspondan ao seu nomeamento. Por ese motivo, o punto 9 (baremos) do Acordo de carreira profesional, do 6 de xullo de 2018, estableceu que «os baremos axustaranse para atender ás situacións nas que o persoal non desempeñe de modo efectivo a profesión ou funcións que correspondan ao seu nomeamento».

Por este motivo, nas anteriores situacións, os baremos deben modularse. Para estes efectos, distínguese, por unha parte, entre aqueles supostos en que o/a profesional desempeña funcións noutra categoría/especialidade, dos supostos en que o/a profesional non desempeña funcións noutra categoría/especialidade. E por outra, a área do baremo na que o resultado final da avaliación é a media de varias avaliacións anuais (área I), e as áreas cuxa puntuación final é resultado dunha acumulación de méritos ao longo do período de permanencia (áreas III e IV).

Por último, o Acordo número 4 recolle a situación excepcional para os efectos de baremo e avaliación mentres non se produce o desenvolvemento da área II (competencia asistencial/profesional).

Con base no que antecede

RESOLVO:

Publicar os seguintes catro acordos acadados na Comisión de Seguimento da carreira profesional en exercicio das súas funcións para resolver as cuestións que xurdan na interpretación e execución das bases da carreira.

Acordo 1. Cómputo de permanencia. Escala de saúde pública e administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro

Logo de recoñecemento dun grao de carreira profesional pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde nunha categoría/especialidade (inicial, I, II ou III), o tempo posterior de servizo activo (ou reserva) como persoal funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria creada pola Lei 17/89, do 23 de outubro (inspector/a médico/a, inspector/a farmacéutico/a, farmacéutico/a inspector/a de saúde pública, subinspector/a sanitario/a, ATS/DUE, etc.), tamén computará como permanencia para poder solicitar o grao seguinte, nas mesmas porcentaxes e condicións que establecen para o persoal estatutario os números 1 e 2 do acordo 2 dos publicados na Resolución do 3 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican seis acordos da Comisión de Seguimento da carreira profesional (Diario Oficial de Galicia núm. 155, do 17 de agosto).

Con todo, e como garantía adicional de que existe unha mínima e efectiva traxectoria profesional como persoal estatutario, para solicitar o novo grao serán en todo caso precisos tres anos de servizo activo (ou reserva) con ese vínculo estatutario.

Acordo 2. Consideración dos postos de xefatura, coordinación e directivos como destino definitivo do persoal estatutario fixo

O acceso por persoal estatutario fixo, con destino noutro servizo de saúde, a un posto de xefatura e coordinación ou a un posto de carácter directivo, de acordo co disposto nos capítulos VI e VII do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, co conseguinte nomeamento publicado no Diario Oficial de Galicia e posterior toma de posesión, asimilarase ao destino definitivo que exixe o punto 5 do Acordo de carreira profesional, do 6 de xullo de 2018, para os efectos de acceder e progresar no sistema de carreira profesional, sempre que, ademais, a persoa interesada teña presentado unha solicitude de participación no concurso de traslados aberto e permanente para a provisión das prazas básicas da súa categoría/especialidade no Sistema público de saúde de Galicia (CAP), sen desistir daquela, e figure na relación de persoas admitidas.

Acordo 3. Situacións excepcionais para os efectos de baremo e avaliación dos períodos nos que non se desempeñaron funcións propias da categoría/especialidade cuxo novo grao se solicita

Durante o proceso de avaliación pode acontecer que determinadas persoas solicitantes dun grao dunha categoría/especialidade non teñan desempeñado de modo efectivo, e por diversas causas, a profesión ou funcións que correspondan ao seu nomeamento.

Por este motivo, os baremos deben modularse. Así, distínguese, por unha parte, entre aqueles supostos nos que o/a profesional desempeña funcións noutra categoría/especialidade, dos supostos nos que o/a profesional non desempeña funcións noutra categoría/especialidade. E por outra, a área do baremo na que o resultado final da avaliación é a media de varias avaliacións anuais (área I), e as áreas cuxa puntuación final é resultado dunha acumulación de méritos ao longo do período de permanencia (áreas III e IV):

A. Supostos nos que non se desempeñan funcións doutra categoría/especialidade:

– Situacións de activo: incapacidade temporal, permisos vinculados á maternidade/paternidade, permisos, dispensas sindicais.

– Situacións distintas á de activo (con reserva): as principais son servizos especiais e excedencia por coidado de familiares.

Nestes supostos:

1. Para a avaliación da área I, o divisor para o cálculo da media, tanto para cumprimento de obxectivos como para as competencias persoais, será o número de avaliacións anuais realizadas.

2. Cando no período de permanencia no grao anterior non exista ningunha avaliación do cumprimento de obxectivos, a avaliación da persoa interesada realizarase unicamente por competencias persoais (enquisas), prescindindo da puntuación asignada por cumprimento de obxectivos e reducindo tamén, polo tanto, a puntuación máxima da área I e a mínima total do baremo.

Igualmente, cando no período de permanencia no grao anterior non exista ningunha avaliación das competencias persoais (enquisas), a avaliación da persoa interesada realizarase unicamente por cumprimento de obxectivos e reducindo tamén, polo tanto, a puntuación máxima da área I e mínima total do baremo.

3. Cando no período de permanencia no grao anterior non exista ningunha avaliación do cumprimento de obxectivos nin das competencias persoais (enquisas), aplicarase o mesmo principio, considerando que a área I «non existe».

Desta forma, prescindindo da área I, e en función do grao ao que se acceda, a avaliación da persoa interesada realizarase unicamente pola valoración das áreas III e IV.

No caso de non acadarse puntuación suficiente na área IV pode incrementarse o valor máximo da área III para poder acadar o mínimo total do baremo establecido en cada grao.

4. Nos procesos de incapacidade temporal de longa duración (superiores a 12 meses), reducirase proporcionalmente a puntuación requirida das áreas III e IV do baremo.

B. Supostos nos que se desempeñaron funcións dunha categoría/especialidade distinta daquela na que se solicita o grao.

Tendo en conta que sempre son precisos tres anos de traxectoria profesional na categoría/especialidade na que se pretenda progresar ou noutra asimilable para os efectos da carreira (acordo 2 dos publicados na Resolución do 3 de agosto de 2023, desta dirección xeral):

1. Área I: as avaliacións anuais realizadas durante a permanencia no grao anterior ao que se solicite, noutra categoría en lugar de naquela na que se solicita o novo grao, consideraranse plenamente válidas para a categoría na que se solicita o grao.

2. Área III: a puntuación acadada nesta área noutra categoría/especialidade durante a permanencia no grao anterior ao que se solicita (sempre que se trate de cursos ou actividades non valoradas na propia categoría/especialidade) computarase nun 50 % para a categoría na que se solicita o grao.

Como excepción computarán nun 100 %:

a) Para o persoal licenciado sanitario, as puntuacións acadadas polas actividades noutra categoría/especialidade de persoal licenciado sanitario.

b) Para o persoal diplomado sanitario, as puntuacións acadadas polas actividades noutra categoría/especialidade de persoal diplomado sanitario.

c) Para o persoal sanitario de formación profesional, as puntuacións acadadas polas actividades noutra categoría de persoal sanitario de formación profesional do mesmo nivel académico (subgrupo ou, de ser o caso, grupo).

d) Para o persoal de xestión e servizos, as puntuacións acadadas polas actividades noutra categoría de persoal de xestión e servizos do mesmo nivel académico (subgrupo ou, de ser o caso, grupo).

* As denominacións utilizadas para clasificar o persoal (licenciado sanitario, diplomado sanitario e demais) son as que figuran no vixente capítulo II da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco de persoal estatutario dos servizos de saúde, á marxe de que non se axusten á estrutura actual das titulacións universitarias.

Acordo 4. Situación excepcional para os efectos de baremo e avaliación mentres non se desenvolve a área II

Mentres non se desenvolve a área II do baremo ordinario de carreira profesional (competencia asistencial/profesional) e tendo en conta a dificultade que presenta para algúns colectivos obter puntuación na área IV (implicación e compromiso coa organización), no caso de non acadar a puntuación mínima do baremo para obter unha avaliación positiva, incrementarase a puntuación máxima da área III ata un máximo da suma das áreas III e IV, para todos os colectivos.

Santiago de Compostela, 9 agosto de 2024

A directora xeral de Recursos Humanos
P.D. (Acordo do 3.7.2024)
Yolanda Pérez Otero
Subdirectora xeral de Relacións Laborais