Expediente: IN407A 2023/557-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: instalación de telecontrol en centro de transformación Caranza 5-15CN28 (Ferrol).
Concello: Ferrol.
Feitos:
1. O día 13.12.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de mellorar a calidade da subministración eléctrica, reducindo os TIEPI actuais nas operacións de mantemento e explotación da liña de media tensión SMR-732.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado instalación de telecontrol en centro de transformación Caranza 5-15CN28 (Ferrol), asinado o día 13.10.2023 por Ángel Pérez Vidal, enxeñeiro técnico industrial graduado en Enxeñaría Eléctrica, nº colexiado 4.781 de Vigo (COITIVIGO).
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Non se solicitou o informe preceptivo a ningunha Administración, organismo nin empresa de servizo público ou de interese xeral, por non existir afeccións.
4. O día 24.5.2024 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas na rúa Masaia, no concello de Ferrol, e as súas características técnicas son as seguintes:
– Substitución da aparellaxe convencional actual do CT Caranza 5, con código matrícula 15CN28, por novas celas compactas 2L+1 P con telecontrol en cela de saída. O CT é alimentado pola SMT732 a 15 kV.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Con carácter previo á posta en servizo da instalación, deberase valorar e corrixir ou xustificar a inexistencia dos potenciais problemas no deseño na ventilación do CT, xa existentes a día de hoxe e que derivan do informado polos servizos técnicos desta dirección territorial tras a revisión do proxecto:
«Na epígrafe da memoria do proxecto 7.1.1.4.3, o proxectista realiza os cálculos xustificativos da ventilación do local en que se atopa o transformador, concluíndo que a superficie de entrada de aire frío existente, 0,57 m2, é superior á mínima calculada de 0,55 m2.
No proxecto non está prevista a substitución do transformador nin a modificación das ventilacións, polo que, nun principio, non procede que se inclúa no proxecto o anteriormente indicado cálculo.
Para o cálculo da ventilación necesaria no local do transformador, o proxectista utiliza como perdas totais os datos que debería de cumprir un transformador a que lle aplicase o Regulamento (UE) nº 548/2014 na súa segunda etapa (aplicable a partir do 1 de xullo de 2021). Esta lexislación é moito mais estrita, no que á limitación das perdas do transformador se refire, que as normativas anteriores.
Segundo a información facilitada por UFD Distribución Electricidad, S.A., o transformador existente no CT foi fabricado en 2011, polo que as perdas totais van ser bastante máis elevadas que as utilizadas nos cálculos.
De todo o exposto, e a falta de datos concretos referentes ás perdas totais de transformador existente, dedúcese a existencia dunha ventilación de entrada de aire frío insuficiente no local do centro de transformación existente, co conseguinte risco para a seguridade da instalación».
En canto non se solucione o problema de ventilación ou se xustifique a súa inexistencia, deberanse adoptar as medidas de seguridade necesarias para evitar potenciais riscos derivados da situación detectada.
4. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
5. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 22 de xullo de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
