DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Mércores, 21 de agosto de 2024 Páx. 47582

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2024, da Dirección Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2023/553-4).

Expediente: IN407A 2023/553-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS, CS e CT móbil na SET Sárdoma.

Concello: Vigo.

Feitos:

1. O 20.12.2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica denominada LMTS, CS e CT móbil na SET Sárdoma.

O proxecto de execución que acompaña a solicitude foi asinado polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado 2233 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, e no que figura un orzamento total de 118.034,56 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións na Subestación Sárdoma, no concello de Vigo (Pontevedra):

• Instalación dun centro de transformación móbil de tipo prefabricado compacto telecontrolado vía GSM/GPRS/FO 2L1P 630 kVA/20 kV manobra exterior con envolvente metálica para atender os cortes programados. Mentres o centro de transformación non estea en utilización manterase na subestación e permanentemente conectado á rede.

• Instalación dun centro de seccionamento (CS) compacto de manobra exterior con envolvente de formigón 3L 2TC GSM/GPRS/FO + TT.

• Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 20 metros para alimentar ao CS proxectado.

• Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 15 metros desde o CS proxectado ata o CT móbil proxectado.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, a Demarcación de Estradas do Estado e a Axencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA). A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos pola Demarcación de Estradas do Estado e AESA.

O Concello de Vigo non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme ao disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Dirección Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, de 20 metros de lonxitude, con orixe e final na LMTS SDM708N, facendo entrada e saída no centro de seccionamento proxectado.

• LMTS a 15 kV, con condutor RHZ1, de 15 metros de lonxitude, con orixe no centro de seccionamento proxectado e final no centro de transformación móbil proxectado.

• Centro de seccionamento compacto 3L 2TC, situado na subestación Sárdoma.

• Centro de transformación compacto telecontrolado móbil a 630 kVA, con relación de transformación 15 kV/400 V, situado na subestación Sárdoma.

A instalación está situada no recinto da subestación de Sárdoma, no concello de Vigo (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CS e CT móbil na SET Sárdoma, expediente IN407A 2023/553-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 26 de xullo de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra