Expediente: IN407A 2023/525-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMTS e substitución CTI Arosa 36A086 por CTC.
Concello: Meis.
Feitos:
1. O 4.12.2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS e substitución CTI Arosa 36A086 por CTC.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira eléctrica Carlota Martínez Rúa, colexiada 4776 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, no cal figura un orzamento total de 74.144,97 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións previstas no lugar de Arosa, en San Martiño, no concello de Meis (Pontevedra):
Substitución do centro de transformación aéreo Arosa (36A086), de 160 kVA, instalado no apoio HVH-1600-13 por un novo centro de transformación de 250 kVA, compacto prefabricado con envolvente de formigón manobra exterior (2L+1P) TC.
Substitúese a cruceta existente no apoio 9VENJXE7//38 por unha CR-1 para a realización do dobre paso aero-subterráneo na liña CBD807.
Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 40 metros desde o apoio 9VENJXE7//38 ata o centro de transformación proxectado.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Meis, a Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia e o Servizo de Explotacións Agrarias. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Meis e por Augas de Galicia.
Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
Consideracións legais e técnicas.
1. A Dirección Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, de 25 de outubro).
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 40 metros de lonxitude, con orixe e final no apoio HVH-1600/13 (9VENJXE7//38) da LMT CBD807, mediante un dobre paso aero-subterráneo, facendo entrada e saída no novo centro de transformación proxectado Arosa.
Centro de transformación compacto a 250 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V, situado no lugar de Arosa, San Martiño.
A instalación está situada no lugar de Arosa, San Martiño, no concello de Meis (Pontevedra).
Conforme o indicado,
Resolvo:
1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e substitución CTI Arosa 36A086 por CTC (expediente IN407A 2023/525-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
2. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 29 de xullo de 2024
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
