DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Luns, 26 de agosto de 2024 Páx. 48212

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de agosto de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo dos montes veciñais denominados Curuxeiras e Montecelo, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xurxo, no concello de Salceda de Caselas (expediente RE22048).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada dos montes veciñais denominados Curuxeiras e Montecelo da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xurxo, no concello de Salceda de Caselas (expediente RE22048).

O 13.3.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2370178, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de San Xurxo, concello de Salceda de Caselas, achega solicitude de revisión parcial do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) San Xurxo (ID3108): monte Curuxeiras e monte Montecelo. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22048. Consta no expediente:

– Proposta para a revisión do esbozo da carpeta (parcelas Montecelo e Curuxeiras) ficha do MVMC de San Xurxo, Salceda de Caselas, Pontevedra, xullo de 2022. Asinado o 22.1.2024 pola enxeñeira técnica forestal núm. 482 do COETFGA.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de San Xurxo do 26.8.2022 da aprobación en Asemblea Xeral do 21.8.2022.

– Cartografía en formato dixital.

Segundo a memoria técnica levouse a cabo un estudo da documentación existente, cartografía e ortofotos dispoñibles, avinzas, sentenzas e levantamento topográfico dos montes Montecelo e Curuxeiras con GPS de precisión centimétrica.

– Montecelo, linda sur co MVMC de Parderrubias que foi obxecto de deslinde e o 26 de setembro de 2008 realizouse o acto de conciliación no Xulgado de Paz de Salceda de Caselas. A parcela de monte veciñal de Montecelo da parroquia de San Xurxo de Salceda formou parte do monte de utilidade pública nº 508 denominado «Penedo e Alto da Forca» na zona oeste (no campo localízanse marcos). Reflíctese a permuta PO-06PER/20.

– Curuxeiras, analízase a base cartográfica do parcelario de riqueza rústica e o listado de titulares e determínase que a parcela Curuxeiras é parte da parcela 103 localizada dentro do polígono 59 das follas 38 C e 38 D. Queda patente que a parcela Curuxeiras estaba bordeada pola estrada municipal, que vai desde San Xurxo a Picoña, practicamente en todo o seu vento norte e oeste.

O monte Curuxeiras conta con planimetría realizada o 2.7.2011 polo enxeñeiro técnico agrícola Julio Piñeiro Barros e un acta de deslinde asinada por parte dos propietarios particulares limítrofes.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo son as parcelas Montecelo e Curuxeiras do MVMC do monte San Xurxo co ID 3108. A superficie inicial clasificada segundo a Resolución do 5.12.1980 é de 120,64 ha.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal non consta superficie de xestión pública e dispón dun instrumento de ordenación inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360268 e vixente ata o ano 2031.

Terceiro. A superficie e perímetro revisado das parcelas Montecelo e Curuxeiras segundo a proposta de revisión do esbozo achegada e o indicado na memoria técnica queda definido do seguinte xeito:

Nome: monte Montecelo.

Superficie: 5,09 ha.

Norte: estrada PO-407, pista forestal e propiedades particulares.

Sur: pista municipal, propiedades particulares e monte veciñal de Santa María de Salceda.

Leste: propiedades particulares e estrada municipal.

Oeste: pista municipal, MVMC de Parderrubias e propiedades particulares.

Nome: monte Curuxeiras.

Superficie: 12,57 ha.

Norte: estrada municipal e propiedades particulares.

Sur: pista municipal, propiedades particulares e monte veciñal de Santa María de Salceda.

Leste: propiedades particulares e monte veciñal da Picoña.

Oeste: pista municipal e propiedades particulares.

Non se modifica a superficie e límites da resolución da clasificación do MVMC do monte San Xurxo mentres non se execute a revisión total do esbozo do monte veciñal.

O perímetro total revisado é de 4,24 km.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de San Xurxo (Salceda de Caselas), expediente RE22048, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo das parcelas Curuxeiras e Montecelo proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de San Xurxo e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo dos montes veciñais denominados Curuxeiras e Montecelo e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo dos montes veciñais denominados Curuxeiras e Montecelo clasificado a prol da CMVMC de San Xurxo (Salceda de Caselas), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 5 de agosto de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra