DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Luns, 26 de agosto de 2024 Páx. 48215

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de agosto de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Loureda, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Bértola, no concello de Vilaboa (expediente RE22047).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Loureda da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Bertola, no concello de Vilaboa (expediente RE22047).

O 30.4.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2369164, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Bértola (Vilaboa) solicita a revisión do esbozo parcial do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Loureda (ID3216) e non se revisa a parcela Sabaxáns. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22047. Consta no expediente:

– Mellora descritiva e xustificativa da revisión de esbozo do monte veciñal en man común Loureda, concello de Vilaboa, Pontevedra. Asinada o 15.3.2024 polo enxeñeiro técnico forestal núm. 296 do COETF de Galicia.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Bértola do 11.9.2022 da aprobación en Asemblea Xeral do 11.9.2022.

– Cartografía en formato dixital ETRS89 DATUM29 EPSG:25829.

A proposta recolle a revisión parcial do MVMC Loureda:

– Para a determinación dos límites do monte cos propietarios particulares estableceuse como guía principal a cartografía catastral.

– A proposta recolle os acorde de lindes coas comunidades veciñais: CMVMC de Canicouva (Pontevedra), CMVMC de Tomeza (Pontevedra) e CMVMC de Figueirido (Pontevedra).

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o perímetro con particulares do MVMC Loureda con Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 18.12.1981 e unha superficie inicial de 82,00 ha. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Bértola dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360241 e vixente ata 2029.

– Constan os seguintes expedientes de deslinde: CMVMC de Canicouva (DESC22085), CMVMC de Tomeza (DESC22086) e CMVMC de Figueirido (DESC22087).

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto parcial do MVMC de Loureda é de 57,40 ha e 15,18 km (descontados os tramos de deslindamento) e segundo o indicado na memoria técnica non se modifican os lindes da Resolución de clasificación do Xurado de MVMC de Pontevedra do 5.12.1980 nin a parcela núm. 2 Sabaxáns.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Bértola (Vilaboa), expediente RE22047, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión parcial do esbozo do MVMC Loureda proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Bértola e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica indicada no feito primeiro.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Loureda e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión parcial do esbozo do monte veciñal denominado Loureda clasificado a prol da CMVMC de Bértola (Pontevedra), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 5 de agosto de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra