DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Luns, 26 de agosto de 2024 Páx. 48218

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de agosto de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Covelo, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Covelo, no concello de Ponte Caldelas (expediente RE22044).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Covelo da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Covelo, no concello de Ponte Caldelas (expediente RE22044).

O 22.2.2024 o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 26.9.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2357343 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Covelo, do lugar de Covelo e parroquia da Insua, concello de Ponte Caldelas, solicita a revisión total do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Covelo (ID 3048). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22044. Consta no expediente:

– Memoria descritiva e xustificativa da revisión de esbozo do monte veciñal en man común de Covelo (Ponte Caldelas), asinada o 22.12.2023 polo enxeñeiro forestal número 296 do COETF de Galicia.

– Certificado da secretaria coa conformidade do presidente da CMVMC de Covelo do 9.7.2022 da aprobación en asemblea xeral do 9.7.2022.

– Cartografía en formato dixital.

Proponse a revisión do esbozo do MVMC de Covelo:

– No linde coa CMVMC de Rebordelo: axústase ao expediente de deslinde DC22027 entre ambas as CMVMC. A CMVMC de Rebordelo deberá revisar o seu esbozo.

– No linde coa CMVMC de Pazos: segundo os esbozos non serían lindeiras pero a realidade é que parte do esbozo orixinal do MVMC de Covelo pertence á CMVMC de Pazos, que deberá revisar o seu esbozo. Xúntanse as fotografías dos marcos.

– O perímetro coas propiedades particulares está rodeado na súa totalidade mediante muros de cachotaría e foi levantado con GPS e apoiado en fotografías do catastro histórico, o voo americano de 1956, fotografías aéreas, cartografía catastral actualizada, os límites que se nomean na carpeta ficha e o límite dos concellos propostos polo IGN e límites parroquiais.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o perímetro coas propiedades particulares do MVMC de Covelo con Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 5.12.1980 e unha superficie inicial de 26 ha. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Covelo non dispón de instrumento de xestión forestal.

– Non constan actos de disposición que modifiquen o MVMC.

– Non constan sentencias xudiciais ou deslindes previos.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 26,63 ha e 4,19 km e non se modifican os límites establecidos na resolución de clasificación do 5.12.1980.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Covelo (Ponte Caldelas), expediente RE22044, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo total do MVMC Covelo proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Covelo e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a cartografía que consta no expediente.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Covelo e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo total do monte veciñal denominado Covelo clasificado a prol da CMVMC de Covelo (Ponte Caldelas), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 5 de agosto de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra