Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada dos montes veciñais denominados Monte Limeres e Monte Limeres II da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Limeres, no concello de Cerdedo-Cotobade (expediente RE22043).
O 22.2.2024 o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:
Feitos:
Primeiro. O 26.9.2022, con número de rexistro de entrada 2022/2354430, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Limeres, concello de Cerdedo-Cotobade, solicita a revisión total do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Limeres (ID 2558) e Limeres II (ID 4104). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22043. Consta no expediente:
– Memoria da revisión de esbozo do MVMC de Limeres respecto das propiedades privadas, concello de Cerdedo-Cotobade, Pontevedra, asinada o 28.12.2023 polo enxeñeiro de montes colexiado número 3.117 do Colexio de Montes de Madrid.
– Certificado da secretaria coa conformidade do presidente da CMVMC de Limeres do 1.9.2022 da aprobación en asemblea xeral do 4.3.2022.
– Cartografía en formato dixital.
Proponse a revisión total do MVMC de Limeres:
– A proposta de revisión de esbozo axusta o límite do monte á cartografía catastral, incluíndo dentro do monte as parcelas que están catastradas ao seu nome.
– Recóllese a Sentenza número 41/2008 da Audiencia Provincial, Sección número 1, que orixina o MVMC Limeres II. Os límites entre a CMVMC de Limeres e a CMVMC de San Bernabé ratifícanse nun deslinde (expediente DC23008) consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
– A proposta da revisión de esbozo foi validada por todos os comuneiros e propietarios particulares afectados.
Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o perímetro total do:
– MVMC de Limeres (ID2558) con Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 21.9.1978 e unha superficie inicial de 43,00 ha.
– MVMC de Limeres II (ID4104) con Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 23.1.2008 e unha superficie inicial de 44,97 ha.
Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:
– Consta o contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural para a xestión de 43,00 ha, co número de elenco 3615626.
– A CMVMC de Limeres dispón de instrumento de xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 3600351 e vixente ata o 2032.
– Non constan actos de disposición que modifiquen o MVMC.
– Consta a Sentenza número 41/2008 da Audiencia Provincial, Sección número 1, que orixina o MVMC Limeres II.
– Consta o expediente DC23008 de deslinde entre a CMVMC de Limeres e a CMVMC de San Bernabé. A proposta da revisión do esbozo respecta este límite.
Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 119,82 ha e 18,88 km. Non se modifican os límites establecidos na resolución de clasificación do 21.9.1978 ni do 23.1.2008. O MVMC de Limeres ten unha superficie de 73,07 ha e o MVMC de Limeres II de 46,75 ha.
Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Limeres (Cerdedo-Cotobade), expediente RE22043, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
Segunda. A revisión do esbozo dos MVMC Limeres e Limeres II proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Limeres e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro.
Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do montes veciñais denominados Limeres e Limeres II e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar a revisión do esbozo dos montes veciñais denominados Limeres e Limeres II clasificados a prol da CMVMC de Limeres (Cerdedo-Cotobade), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.
Pontevedra, 5 de agosto de 2024
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
