Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Santa María da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa María de Caldas, no concello de Caldas de Reis (expediente RE22066).
O 22.2.2024 o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:
Feitos:
Primeiro. O 11.8.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2055975 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Santa María de Caldas, concello de Caldas de Reis, solicita a revisión total do esbozo do Monte Veciñal en Man Común (en diante, MVMC) Santa María (ID 2470). A dita solicitude deu lugar a apertura do expediente RE22066. Consta no expediente:
– Informe técnico e levantamento topográfico para a revisión de esbozo do perímetro da CMVMC de Santa María de Caldas. Asinado o 19.12.2023 polo enxeñeiro forestal A.A. Rodríguez Martínez.
– Certificado da secretaria coa conformidade do presidente da CMVMC de Santa María de Caldas do 20.11.2023 da aprobación en asemblea xeral do 13.11.2023.
– Cartografía en formato dixital.
Proponse a revisión total do MVMC de Santa María:
O monte foi catalogado o 1.1.1901 como monte de utilidade pública (en diante, MUP) número 21 e amolloado no 1968. Para a revisión de esbozo utilizáronse como referencia os marcos do deslindamento do MUP. Perimetrouse o monte cun levantamento topográfico (GPS STONEX S700A de precisión centimétrica) e atopáronse 64 dos 135 marcos iniciais. En gabinete utilizouse o mapa do M.U.P. número 1 xeorreferenciado, mapa topográfico do Instituto Xeográfico Nacional e ortofotos do PNOA. Recóllense dúas permutas dos anos 2001 e 2005.
Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o perímetro total do MVMC de Santa María con Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 20.2.1979 e unha superficie inicial de 79,31 ha. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:
– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.
– A CMVMC de Santa María de Caldas non dispón de instrumento de xestión forestal.
– Constan os expedientes das permutas PO-02-PER/01 e PO-08-PER/05.
– Non constan sentencias xudiciais ou deslindes previos.
Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 77,97 ha e 11,24 km. Non se modifican os límites establecidos na resolución de clasificación do 5.12.1980.
Cuarto. O 2.10.2023, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Santa María de Caldas (Caldas de Reis), expediente RE22066, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño de 2012, de montes de Galicia.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
Segunda. A revisión do esbozo total do monte veciñal Santa María proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Santa María de Caldas e queda definida consonte aos datos reflectidos no feito terceiro.
Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Santa María e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar a revisión do esbozo total do monte veciñal denominado Santa María clasificado a prol da CMVMC de Santa María de Caldas (Caldas de Reis), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada polo mesmo.
Pontevedra, 7 de agosto de 2024
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
