DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Martes, 27 de agosto de 2024 Páx. 48406

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de agosto de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Aguasantas, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Aguasantas, no concello de Cerdedo-Cotobade (expediente RE22067).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Aguasantas, da Comunidade de Montes Veciñais en man Común de Aguasantas, no concello de Cerdedo-Cotobade (expediente RE22067).

O 2.5.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emitiu o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, con número de rexistro de entrada 2022/2401161, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Aguasantas (Cerdedo-Cotobade) solicitou a revisión do esbozo do Monte Veciñal en Man Común (en diante, MVMC) Aguasantas (ID2582). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22067. Consta no expediente:

– Estudo do límite do monte veciñal de Aguasantas (Cerdedo-Cotobade) coas propiedades particulares, revisión do esbozo, asinada pola enxeñeira de montes núm. 2275 do Colexio de Madrid o 28.9.2022 e a addenda do 2.3.2024.

– Certificado da secretaria, coa conformidade do presidente da CMVMC de Aguasantas do 21.4.2024, da aprobación da proposta do esbozo na Asemblea Xeral do 6.4.2024.

– Planimetría ETRS 89 DATUM 29 EPSG 25829.

Revisada a memoria da revisión parcial do MVMC Aguasantas, indícase:

– A parroquia de Aguasantas foi obxecto dun intento de concentración parcelaria ao longo dos anos 90 do século pasado, concentración que nunca foi finalizada. Os planos do parcelario previo da concentración poden ser descargados na páxina web da Xunta. Este parcelario, fronte ao do Catastro, axústase perfectamente á realidade do terreo. Así puidemos comprobalo ao percorrer o perímetro do monte para levantar co GPS subcentimétrico os muros que delimitan a propiedade privada do monte comunal aberto.

– O presente traballo recolle con precisión do GPS subcentimétrico o límite do monte veciñal coas propiedades particulares. Percorreuse todo o perímetro cos particulares, levantando os muros que as delimitan. Moitas zonas do perímetro están bordeadas por antigos camiños veciñais, corredoiras e camiños reais.

– Sobre a capa resultante do perímetro elimináronse as estradas autonómicas, as estradas municipais e os leitos dos ríos (cartografía oficial da Xunta de Galicia).

– A proposta recolle os deslindamentos coa CMVMC de Laxoso (Ponte Caldelas) e Borela (Ponte Caldelas).

Segundo. O obxecto da revisión é o perímetro cos propietarios particulares do MVMC de Aguasantas coa Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 1.2.1979 e unha superficie inicial de 725 ha.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC da Aguasantas dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360075 e vixente ata 2029.

– Constan dúas expropiacións: liña de media tensión de 20 kV de 0,75 ha (expediente PO05EXP08) e tendido do gas de 3,35 ha (PO23EXP96).

– Constan os expedientes de deslindamento da CMVMC da Aguasantas coa CMVMC de Borela (expediente DC22031) e coa CMVMC de Laxoso (expediente DC22030).

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 710,22 ha e 36,66 km e non se modifican os límites da resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra, do 1.2.1979.

O perímetro revisado obtense da cartografía dixital co rexistro de entrada 2024/1348895 e descontados os tramos de deslindamento coa CMVMC de Borela e coa CMVMC de Laxoso.

Cuarto. O 2.10.2023, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acordou solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Aguasantas (Cerdedo-Cotobade) (expediente RE22067), coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo parcial do monte veciñal Aguasantas proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Aguasantas e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro e na memoria técnica e na addenda indicada no feito primeiro.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Aguasantas, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este Xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA

Aprobar a revisión do esbozo parcial do monte veciñal denominado Aguasantas, clasificado a prol da CMVMC de Aguasantas (Cerdedo-Cotobade), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 7 de agosto de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial
de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra