DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Martes, 27 de agosto de 2024 Páx. 48403

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de agosto de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Gradín, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Gradín, no concello de Ponte Caldelas (expediente RE22068).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Gradín da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Gradín, no concello de Ponte Caldelas (expediente RE22068).

O 2.5.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2414099 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Gradín (Ponte Caldelas) solicita a revisión do esbozo parcial no perímetro cos propietarios particulares do Monte Veciñal en Man Común (en diante, MVMC) Gradín (ID3060). A dita solicitude deu lugar a apertura do expediente RE22068. Consta no expediente:

– Informe revisión do esbozo da CMVMC de Gradín, de setembro do 2022. Asinada pola enxeñeira técnica forestal núm. 954 do COETF de Galicia.

– Certificado do 22.2.2024 da secretaria da CMVMC de Gradín coa conformidade da presidenta da aprobación en asemblea xeral do 13.11.2022.

– Cartografía en formato dixital ETRS89 DATUM29 EPSG:25829.

A memoria técnica establece que:

– O plano da clasificación do monte veciñal de Gradín contén un erro importante, xa que inclúe toda a valgada de San Vicente, ocupando o que realmente é monte veciñal da CMVMC de Paradela.

– A proposta recolle os acordos de lindes coa CMVMC de Paradela e coa CMVMC de Cuñas.

– No linde coas propiedades particulares percorreuse todo o perímetro con particulares co GPS de precisión centimétrica. O parcelario de Catastro nesta zona está moi mal, especialmente nos dous enclavados existentes no monte: As Cavadas e os Cambeiros (non grafados no esbozo). Na fotografía aérea do voo americano do ano 1957 e na fotografía interministerial dos anos 80 aprécianse bastante ben os muros das propiedades particulares.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o perímetro parcial do MVMC de Gradín con Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 5 de decembro de 1980 e unha superficie inicial de 160,83 has. Proponse a modificación do perímetro cos propietarios particulares e a actualización dos lindeiros coa CMVMC de Paradela e CMVMC de Cuñas (ambas no concello de Ponte Caldelas).

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Gradín dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de montes ordenados de Galicia co núm. 360028 e non vixente na actualidade.

– A proposta de esbozo respecta o linde aprobado polo Xurado de MVMC de Pontevedra segundo o Anuncio do 18 de decembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Paradela e de Gradín, no concello de Ponte Caldelas (Pontevedra), ao respecto da estrema común dos seus montes (DOG núm. 7, do 13 de xaneiro de 2021).

– A proposta de esbozo respecta os deslindamentos coa CMVMC de Paradela (expediente DC22140) e CMVMC de Cuñas (expediente DC22141).

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 78,04 ha e 3,33 km e segundo o indicado na memoria técnica non se modifican os límites establecidos na resolución.

O perímetro revisado obtense da cartografía dixital descontados os tramos de deslindamento coa CMVMC de Paradela e coa CMVMC de Cuñas.

Cuarto. O 2.10.2023, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Gradín (Ponte Caldelas), expediente RE22068, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo parcial do monte veciñal Gradín proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Gradín e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica indicada no feito primeiro.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Gradín, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo parcial do monte veciñal denominado Gradín clasificado a prol da CMVMC de Gradín (Ponte Caldelas), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 7 de agosto de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra