DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Martes, 27 de agosto de 2024 Páx. 48400

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de agosto de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Roca, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Roca, no concello de Ponte Caldelas (expediente RE22069).

Para os efectos previstos na Disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Roca da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Roca, no concello de Ponte Caldelas (expediente RE22069).

O 2.5.2024 o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 26.9.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2354312 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Roca (Ponte Caldelas) solicita a revisión do esbozo no perímetro cos propietarios particulares do Monte Veciñal en Man Común (en diante, MVMC) Roca (ID3053). A dita solicitude deu lugar a apertura do expediente RE22069. Consta no expediente:

– Memoria revisión esbozo CMVMC de Roca, de setembro de 2022. Asinada pola enxeñeira de montes núm. 2275 do Colexio de Madrid e modificada o 22.3.2024 co núm. rexistro de entrada 2024/1005237.

– Certificado da secretaria coa conformidade do presidente da CMVMC de Roca do 22.2.2024 da aprobación en Asemblea Xeral do 26.2.2022.

– Cartografía en formato dixital ETRS89 DATUM29 EPSG:25829.

A proposta recolle a revisión parcial do MVMC Roca:

– Realízase a revisión do esbozo no perímetro cos propietarios particulares con precisión do GPS centimétrico. Percorreuse todo o perímetro cos particulares, levantando os muros que as delimitan, antigos camiños veciñais, corredoiras e camiños reais. Sobre a capa resultante do perímetro elimináronse as estradas autonómicas e leitos de ríos. Utilizouse como apoio a fotografía aérea do voo americano do ano 1957.

– A proposta de revisión do esbozo recolle os deslindamentos administrativos consonte ao artigo 53 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, de todas as comunidades veciñais coas que linda: CMVMC de Insua, CMVMC de Rebordelo e CMVMC de Barbudo.

– A proposta inicial incluía a parcela Pedra do Carballo de 7,48 has e a parcela da capela Virxe da Saúde de 0,47 has que foron excluídas por non ter a condición de monte veciñal.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o perímetro con particulares do MVMC de Roca con Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 5.12.1980 e unha superficie inicial de 115,00 has. Segundo os datos do Sistema Rexistral Forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Roca dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de montes ordenados de Galicia co núm. 360113 e vixente ata 2032.

– Constan os seguintes expedientes de deslindamento: CMVMC de Insua (DESC20003), CMVMC de Rebordelo (DESC22029) e CMVMC de Barbudo (DESC22139). A revisión proposta xa os recolle.

– O 21.2.2024 e núm. 2024/585494 no Rexistro electrónico da Xunta de Galicia a CMVMC de Roca solicita a clasificación do monte Carballo da Pedra, xa que logo, non ten a condición de monte veciñal.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto parcial é de 68,13 has e 2,09 km e segundo o indicado na memoria técnica non se modifican os lindes da resolución de clasificación do Xurado de MVMC de Pontevedra do 5.12.1980.

O perímetro revisado obtense da cartografía dixital recibida no Rexistro electrónico da Xunta de Galicia co núm. 2024/1178512 e descontados os tramos de deslindamento antes citados.

Cuarto. O 2.10.2023, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Roca (Ponte Caldelas),expediente RE22069, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en adiante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión parcial do esbozo do monte veciñal Roca proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Roca e queda definida consonte aos datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica indicada no feito primeiro.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Roca e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión parcial do esbozo do monte veciñal denominado Roca clasificado a prol da CMVMC de Roca (Ponte Caldelas), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada polo mesmo.

Pontevedra, 7 de agosto de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial
de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra