DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Martes, 27 de agosto de 2024 Páx. 48397

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de agosto de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo dos montes veciñais denominados Couto Branco e Couto Branco, Quinteiro e Porto Muíño, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Portazgo, Ponte, Couto, Valo, Quinteiro e Porto, no concello de Pontevedra (expediente RE22070).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada dos montes veciñais denominados Couto Branco e Couto Branco, Quinteiro e Porto Muíño, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Portazgo, Ponte, Couto, Valo, Quinteiro e Porto, no concello de Pontevedra (expediente RE22070).

O 22.2.2024, o Servizo de Montes deste Departamento territorial emitiu o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, con número de rexistro de entrada 2022/2414858, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Portazgo, Ponte, Couto, Valo, Quinteiro e Porto, do concello de Pontevedra, solicitou a revisión total do esbozo do Monte Veciñal en Man Común (en diante, MVMC) de:

– Couto Branco (ID2967).

– Couto Branco, Quinteiro e Porto Muíño (ID2968).

A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22070. Consta no expediente:

– Memoria técnica da CMVMC Couto Valo Branco, parroquia de Bora, concello de Pontevedra, asinada o 7.7.2022 polo enxeñeiro forestal núm. 1.156 do COETF de Galicia.

– Certificado do 22.9.2022 da secretaria, coa conformidade do presidente da CMVMC, da aprobación en Asemblea Xeral do 9.7.2022.

– Cartografía en formato dixital.

Proponse a revisión total do MVMC da CMVMC de Portazgo, Ponte, Couto, Valo, Quinteiro e Porto:

– Na estrema coa CMVMC de Vilanova respéctase a liña de deslindamento consonte o anuncio do 5 de setembro de 2022, do Xurado de MVMC de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Couto Valo Branco (Pontevedra) e de Vilanova (Cerdedo-Cotobade), respecto da estrema común dos seus montes (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

– Na estrema coa CMVMC de Salgueiral perfílase a liña do esbozo existente.

– No esbozo coas propiedades particulares percórrese todo o perímetro do monte comunal realizando o levantamento topográfico co uso dun GPS centímetro (o erro admisible era por debaixo de 10 cm), e buscando no terreo aqueles sinais naturais ou artificiais que perfilan o limite comunal, como poden ser camiños, muros ou marcos. Logo, interprétanse os resultados sobre as ortofotos e cartografía catastral e descóntanse os encravados de parcelas privadas e dominios públicos de estradas. Regúlase a adquisición das parcelas 126 e 127 do polígono 12 realizadas nos anos 80.

Segundo. O monte de Couto Branco (ID2967) foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 11.12.1981 cunha superficie de 51 ha. O monte Couto Branco, Quinteiro e Porto Muíño (ID2968) foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra, o 13.1.1987, cunha superficie de 38 ha.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión vixente coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC dispón dun instrumento de xestión forestal aprobado e inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360150 e vixente ata 2025.

– Non constan actos de disposición que modifiquen o MVMC.

– Consta o expediente completo do deslindamento coa CMVMC de Vilanova.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 70,51 ha e 11,79 km de perímetro revisado e non se modifican os límites establecidos nas resolucións de clasificación do Xurado de MVMC de Pontevedra. O MVMC Couto Branco (ID2967) cunha superficie de 47,96 ha e o MVMC Couto Branco, Quinteiro e Porto Muíño (ID2968) de 22,55 ha.

Cuarto. O 2.10.2023, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acordou solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Portazgo, Ponte, Couto, Valo, Quinteiro e Porto, do concello de Pontevedra (expediente RE22070), coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo dos montes veciñais Couto Branco (ID2967) e Couto Branco, Quinteiro e Porto Muíño (ID2968) proposta polo Servizo de Montes é a achegada pola CMVMC de Portazgo, Ponte, Couto, Valo, Quinteiro e Porto (Pontevedra) e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo dos montes veciñais denominados Couto Branco e Couto Branco, Quinteiro e Porto Muíño, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este Xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA

Aprobar a revisión do esbozo do montes veciñais denominados Couto Branco e Couto Branco, Quinteiro e Porto Muíño, clasificados a prol da CMVMC de Portazgo, Ponte, Couto, Valo, Quinteiro e Porto (Pontevedra), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 7 de agosto de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial
de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra