DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Martes, 27 de agosto de 2024 Páx. 48387

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2024, da Dirección Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Malpica de Bergantiños (expediente IN407A 2024/50-1).

Expediente: IN407A 2024/50-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: reforma CT Seixas (15CCM1).

Concello: Malpica de Bergantiños.

Feitos.

1. O día 6 de febreiro de 2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica. Por mor do fin da súa vida útil, proxéctase a reforma do centro de transformación CT Seixas (15CCM1, expediente IN407A 2016/1449-1) de 250 kVA, alimentado pola liña de distribución de media tensión LMT. BRT803, procedente da subestación Bértoa, situado no lugar de Seixas, parroquia de San Xulián, concello de Malpica de Bergantiños, desmantelando o existente e instalando un novo de tipo compacto sen envolvente dentro da actual envolvente de obra civil.

Achegan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da liña, ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000 e que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución nomeado: reforma CT Seixas (15CCM1), asinado con data 28 de febreiro do 2023 por Victoriano Gónzalez Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico e número colexial 2.980 de Vigo.

– Anexo: asinado o 8 de xaneiro do 2024 por Victoriano Gónzalez Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico e núm. colexial 2.980 de Vigo.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidera prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselle o preceptivo informe ao Concello de Malpica de Bergantiños. A día desta resolución, non consta no expediente resposta do organismo afectado á solicitude do condicionado solicitado.

4. Con data 1.8.2024 emitiuse un informe técnico.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio) consonte coa disposición adicional décimo segunda e a disposición transitoria primeira do Decreto 49/2024 do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39 do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente atópanse no lugar de Seixas, parroquia de San Xulián, concello de Malpica de Bergantiños:

Reforma do CT Seixas (15CCM1, expediente IN407A 2016/1449-1) de 250 kVA, alimentado pola liña de distribución de media tensión LMT BRT803, procedente da subestación Bértoa, consistente en:

– Desmonte do actual trafo, cadro de baixa tensión e cadro de telexestión.

– Novo CT compacto sen envolvente telecontrolado, en configuración 2L+1P, de 250 kVA/20 kV no interior do edificio actual.

– Adecuación da obra civil interior do CT para albergar o CT proxectado: bancada, canos e foxo de recollida de aceite.

– Substitución da porta de acceso actual por unha nova en que se integran as reixas para a ventilación do centro. Instalarase viga de reforzo sobre ela.

– Substitución da acometida de MT en cable seco.

Cuarto. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 2 de agosto de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña