DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Mércores, 28 de agosto de 2024 Páx. 48572

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de agosto de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Ribadelouro, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ribadelouro, no concello de Tui (expediente RE22052).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra na sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Ribadelouro, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ribadelouro, no concello de Tui (expediente RE22052).

O 22.2.2024 o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 28.9.2022, con número 2022/2382504 de Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Ribadelouro (concello de Tui) solicita a revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Ribadelouro (ID 3183). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22052. Constan no expediente logo dunha achega de documentación:

– Informe técnico da revisión do monte veciñal Ribadelouro (Tui), asinada pola enxeñeira forestal colexiada número 1300 do COETF de Galicia e modificada en setembro de 2023.

– Certificado do secretario, coa conformidade do presidente da CMVMC de Ribadelouro, do 12.9.2022, da aprobación na asemblea xeral do 11.9.2022.

– Cartografía en formato dixital DATUM ETRS-89 FUSO 29.

Realízase a revisión de todo o perímetro lindeiro con propietarios particulares e axústase á base cartográfica da Dirección Xeral do Catastro. O MVMC de Ribadelouro fórmase por varios cotos redondos; no coto de máis tamaño co linde coa CMVMC de Rebordáns e no coto redondo de Telleira co linde coa CMVMC de Pontellas (concello de Porriño) teñen executado deslindamentos consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (expedientes DC22096 e DC22095, respectivamente).

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é parte do perímetro do MVMC Ribadelouro, con Resolución de clasificación do 19.11.1981 e unha superficie inicial de 315 ha.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal, regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Ribadelouro dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360021 e vixente ata 2031.

– O esbozo presentado do MVMC de Ribadelouro respecta as liñas de deslindamento en trámite: deslindamento coa CMVMC de Rebordáns e no coto redondo de Telleira os deslindamentos coa CMVMC de Pontellas e a CMVMC de Budiño (ambas no concello do Porriño).

– Constan actos de disposición de expropiacións que modifican o perímetro e superficie do MVMC.

Terceiro. O perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 11,94 km e unha superficie de 297,54 ha. Non se modifican os límites da resolución de clasificación do MVMC de Ribadelouro.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acordou solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Ribadelouro, expediente RE22052, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en adiante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo parcial do MVMC Ribadelouro proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Ribadelouro.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Ribadelouro, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo parcial do monte veciñal denominado Ribadelouro, clasificado a prol da CMVMC de Ribadelouro (Tui), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 9 de agosto de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial
de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra