DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Mércores, 28 de agosto de 2024 Páx. 48569

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de agosto de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Cotres, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Arcos, no concello de Ponteareas (expediente RE22057).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Cotres, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Arcos, no concello de Ponteareas (expediente RE22057).

O 16.5.2024 o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, con número de rexistro de entrada 2022/2408575, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Arcos (Ponteareas) solicita a revisión parcial do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Picaraña e Serra, Pena dos Namorados e Cotres (ID3020). Solicítase a revisión da parcela denominada Cotres. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22057. Constan no expediente:

– Informe técnico da revisión do esbozo do monte veciñal en man común de Arcos, no concello de Ponteareas, de marzo do 2022, asinada o 13.10.2022 pola enxeñeira forestal número 482 do COETF de Galicia.

– Certificado do secretario, coa conformidade do presidente da CMVMC de Arcos, do 19.7.2022, da aprobación na asemblea xeral do 15.7.2022.

– Cartografía en formato dixital ETRS89 DATUM 29 EPSG 25829.

Respecto á revisión do MVMC de Cotres, a memoria técnica indica:

– Levouse a cabo unha revisión da documentación existente: ortofotos dos distintos anos dispoñibles no Instituto Xeográfico Nacional, cartografía do Instituto de Estudos de Territorio, o parcelario de rústica de 1950, a base catastral do Ministerio de Facenda, avinzas, sentenzas e deslindamentos parciais en que participou a Comunidade de Montes Veciñais de Arcos nos últimos anos. Os labores de traballo de campo implicaron o levantamento topográfico dalgunhas zonas de interese.

– O linde coa CMVMC de Santiago de Oliveira foi modificado pola Sentenza xudicial número 178/2017 do procedemento ordinario 103/2017, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Ponteareas.

– O linde coa CMVMC de Celeiros ratificouse mediante un deslindamento administrativo (artigo 53 da Lei de montes de Galicia), presentado no ano 2017 ante o Servizo de Montes. O dito deslindamento non foi trasladado ao Xurado de MVMC de Pontevedra debido á non coherencia co resto do esbozo e solicitouse unha proposta de revisión do dito esbozo (disposición transitoria décimo terceira da Lei de montes de Galicia).

– O linde cos propietarios particulares determinouse consonte o informe técnico e levantamento topográfico da liña de deslinde do MVMC de Arcos con propietarios particulares, redactado pola enxeñeira técnica forestal colexiada número 482 do COETF de Galicia e asinado en setembro de 2016. Con base neste informe e no acordo con todos os propietarios particulares implicados, promovéronse os correspondentes actos de conciliación de deslindamento no Xulgado de Primeira Instancia de Ponteareas.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o perímetro da parcela 3 Cotres, incluída na Resolución de clasificación do 4.12.1980 e cunha superficie inicial de 12,00 ha. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal, regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Arcos dispón dun documento simple de xestión inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360141 e vixente ata 2022.

– Non constan sentenzas xudiciais nin actos de disposición que modifiquen o perímetro e a superficie do MVMC.

Terceiro. A superficie e o perímetro da revisión do esbozo proposto da parcela 3 Cotres é de 44,38 ha e de 6,84 km e non se modifican os límites establecidos na resolución de clasificación do Xurado de MVMC de Pontevedra do 4.12.1980.

Cuarto. O 1.3.2023, o Xurado de MVMC de Pontevedra acorda solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do MVMC de Cotres, clasificado a favor da CMVMC de Arcos (Ponteareas), expediente RE22057, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en adiante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo do MVMC Cotres, da CMVMC de Arcos, proposta polo Servizo de Montes, é a presentada pola comunidade e queda definida conforme os datos reflectidos no feito terceiro e na memoria técnica indicada no feito primeiro.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Cotres, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Cotres, clasificado a prol da CMVMC de Arcos (Ponteareas), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 9 de agosto de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial
de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra