DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Mércores, 28 de agosto de 2024 Páx. 48566

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de agosto de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Grabias e O Picoto, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cequeliños, no concello de Arbo (expediente RE22062).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Grabias e O Picoto, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cequeliños, no concello de Arbo (expediente RE22062).

O 23.4.2024 o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Cequeliños solicita a revisión parcial do esbozo do monte Cequeliños (Resolución de clasificación do 13.11.1979), en concreto solicita a revisión do Monte Grabias e O Picoto, situado na parte sur da superficie clasificada a Cequeliños. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22062. Constan no expediente:

– Memoria técnica da revisión parcial do esbozo do monte de Cequeliños de xullo do 2022, asinada pola enxeñeira técnica forestal número 482 do COETF de Galicia.

– Certificado do secretario, coa conformidade do presidente da CMVMC de Cequeliños, do 4.9.2022, da aprobación na asemblea do 3.9.2022.

– Cartografía en formato dixital.

Segundo a memoria técnica, levouse a cabo un levantamento topográfico empregando un sistema de posicionamento global (GPS diferencial) do límite do monte Grabias e O Picoto, identificando as coordenadas en UTM (ETRS89).

Na memoria reflíctese que este levantamento topográfico coincide na súa maior parte coas parcelas a nome da Comunidade no actual catastro e coas parcelas a nome do Concello no catastro de rústica de 1950.

A CMVMC de Cequeliños ten un deslindamento en tramitación (DC22120) coa CMVMC de Mourentán, pero non se revisa o monte de Cequeliños, que linda con Mourentán.

Segundo. O esbozo do monte de Cequeliños (ID 2445), clasificado pola Resolución do 13.11.1979 e cunha superficie de 168 ha, está formado por 3 montes. Esta revisión do esbozo é unha revisión parcial, revísase o monte Grabias e O Picoto, situado ao sueste.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal, a CMVMC de Cequeliños non ten asinado ningún convenio ou contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural. Dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360174, cunha superficie ordenada de 76,22 ha.

Terceiro. A revisión de esbozo do monte Grabias e O Picoto proposto (medición de 191 puntos con coordenadas UTM (ETRS89) ten unha superficie de 30,29 ha e queda consignado coas cabidas e límites que a continuación se consignan:

Monte: Grabias e O Picoto.

Superficie: 30,29 ha.

Perímetro: 5,22 km.

Linde norte: propiedades particulares.

Linde sur: propiedades particulares e FF.CC. Vigo-Ourense.

Linde leste: propiedades particulares e río Miño.

Linde oeste: estrada municipal que separa propiedades particulares de Mandelos e O Picoto.

Cuarto. O 1.3.2023, o Xurado provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Cequeliños (Arbo), expediente RE22062, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en adiante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión parcial do esbozo do MVMC Cequeliños (ID 2445), en concreto os montes Grabias e O Picoto da CMVMC de Cequeliños, proposta polo Servizo de Montes, é a presentada pola comunidade e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Grabias e O Picoto, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión parcial do esbozo do monte veciñal denominado Cequeliños (ID 2445), en concreto os montes Grabias e O Picoto, clasificado a prol da CMVMC de Cequeliños (Arbo), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 9 de agosto de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial
de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra