DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Mércores, 28 de agosto de 2024 Páx. 48562

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de agosto de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Mourentán, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mourentán, no concello de Arbo (expediente RE22064).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Mourentán, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mourentán, no concello de Arbo (expediente RE22064).

O 13.3.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emitiu o seguinte informe:

Feitos:

Primeiro. O 3.4.2021, con número de rexistro de entrada 2021/736093, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Mourentán solicitou a revisión parcial do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Mourentán (ID2446). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22064. Constan no expediente:

– Memoria técnica da revisión do esbozo do monte Mourentán de setembro de 2022, asinada o 20.12.2023 polo enxeñeiro técnico forestal núm. 902 do COETF de Galicia.

– Certificado do secretario do 12.3.2021, coa conformidade do presidente da CMVMC de Mourentán, da aprobación na asemblea xeral do 15.3.2020.

– Cartografía en formato dixital.

A proposta da revisión do monte veciñal Mourentán:

– O monte correspóndese con parte do antigo monte de utilidade pública núm. 163 Chan de Padrón, que está deslindado e marcado. Na parte norte do monte veciñal realizouse un levantamento topográfico dos marcos existentes e co apoio do plano do MUP xeorreferenciado.

– A estrema coa CMVMC de Arbo foi modificada pola Sentenza xudicial 00028/2019, do 24.10.2019, da Sala do Civil do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que ratifica a Sentenza núm. 147/2017, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución núm. 2 de Ponteareas. A sentenza determina a liña divisoria do monte veciñal de Mourentán polo vento oeste respecto dos montes veciñais de Santa María de Arbo e Cabeiras.

– No perímetro coas propiedades privadas axústase a cartografía catastral e no interior do monte recoñécense varios enclavados de propiedade particular.

– A estrema co MVMC de Cerdeira (As Neves) e co CMVMC Cequeliños e San Xoán de Arbo son obxecto de deslindamentos administrativos, consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Segundo. O obxecto é a revisión do esbozo do monte Mourentán, con Resolución de clasificación do 13.11.1979 e unha superficie de 501 ha. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal (artigo 126 da Lei de montes de Galicia):

– Non ten contrato de xestión coa Administración forestal.

– Non dispón dun documento de xestión forestal.

– Recolle as permutas autorizadas polo Xurado de MVMC de Pontevedra.

– Na estrema co monte veciñal da CMVMC de Cerdeira (As Neves) teñen un deslindamento administrativo DC22099.

– Na estrema co monte veciñal da CMVMC de Cequeliños teñen un deslindamento administrativo (DC22120). Revisión de esbozo RE22062.

– Na estrema co monte veciñal da CMVMC de San Xoán teñen un deslindamento administrativo DC22037. Revisión de esbozo RE22049.

– Sentenza xudicial 00028/2019, do 24.10.2019, da Sala do Civil do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que ratifica a Sentenza núm.147/2017, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución núm. 2 de Ponteareas, de definición de estremas coa CMVMC de Arbo e Cabeiras.

Terceiro. A revisión do esbozo proposto ten unha superficie de 358,13 ha, descontada a superficie enclavada, e un perímetro de 69,95 km (descontados os deslindamentos DC22037 e DC22120). A descrición da Resolución de clasificación do 13.11.1979, do Xurado de MVMC de Pontevedra, modifícase cos nomes, cabidas e límites que a continuación se consignan:

Monte: Mourentán.

Cabida: 358,13 ha.

Estrema norte: termo municipal da Cañiza.

Estrema sur: monte de Arbo.

Estrema leste: MVMC de Cequeliños e Albeos (Crecente).

Estrema oeste: MVMC de Arbo.

Cuarto. O 2.10.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acordou solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Mourentán (Arbo) (expediente RE22064), coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo do monte veciñal Mourentán, da CMVMC de Mourentán, proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola comunidade e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Mourentán, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Mourentán, clasificado a prol da CMVMC de Mourentán (Arbo), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 9 de agosto de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial
de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra