O día 15 de xullo de 2024 publicouse a Resolución do 17 de xuño de 2024, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria e se convocan para o curso académico 2024/25 (código de procedemento MR207A).
De conformidade co artigo 13 da Resolución do 17 de xuño de 2024, correspóndelle á dirección da Agacal, unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, resolver este procedemento mediante a aprobación da relación definitiva de persoas admitidas/excluídas e a lista de espera en cada centro, onde figurará a puntuación obtida.
Así mesmo, o seu artigo 15 establece que se publicará no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de adxudicación. Será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Medio Rural https://agacal.xunta.gal/gl/formacion/oferta-formacion-profesional-regrada/xestion e no taboleiro de anuncios do centro correspondente.
Esta publicación producirá os efectos de notificación.
Con base no Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e na Orde conxunta do 14 de abril de 2009, das consellerías do Medio Rural e Sanidade, o órgano competente para ditar a resolución deste expediente é o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
De acordo con todo o indicado,
RESOLVO:
Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 19 de agosto de 2024, pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas/excluídas e a lista de espera no procedemento de adxudicación de prazas de residencia e/ou comedor nos centros de formación e experimentación agraria da Axencia para o curso académico 2024/25, que se xunta a esta resolución como anexo.
Segundo. Comunicar que a referida Resolución do 19 de agosto de 2024, que finaliza este procedemento, esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Terceiro. Notificada a resolución, as persoas ás que se adxudicou a praza dispoñerán dun prazo de 8 días, computado a partir do día seguinte ao desta publicación, para a formalización da matrícula no centro onde obtivesen a dita praza.
Cuarto. Abrir o prazo de presentación de solicitudes, sinalado no artigo 16 da Resolución do 17 de xuño de 2024, desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de adxudicación definitiva de prazas de residencia ou comedor correspondente ao prazo ordinario, ata o 20 de xuño de 2025.
Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2024
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
P.A. (Artigo 19 bis.5 do Decreto 52/2018)
Laura Mezquíriz Miguel
Xerente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
ANEXO
Resolución do 19 de agosto de 2024 pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas/excluídas e a lista de espera no procedemento de adxudicación de prazas de residencia e/ou comedor nos centros de formación e experimentación agraria da Axencia para o curso académico 2024/25 (código de procedemento MR207A).
Antecedentes.
O día 15 de xullo de 2024, publicouse a Resolución do 17 de xuño de 2024, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria e se convocan para o curso académico 2024/25 (código de procedemento MR207A).
O día 6 de agosto de 2024, publicouse a relación provisional de persoas admitidas e concedeuse un prazo de 5 días para efectuar as reclamacións. Transcorrido o dito prazo, comprobáronse as reclamacións presentadas.
Consideracións legais e técnicas:
A Lei 39/2015, do 5 de outubro, establece o procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
O Decreto 52/2018, do 5 de abril, de creación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (DOG núm. 102, do 30 de maio), establece que a dita Axencia Galega da Calidade Alimentaria asumirá as funcións e competencias en materia de formación, innovación e investigación e en materia de innovación tecnolóxica.
A Resolución do 17 de xuño de 2024, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria e se convocan para o curso académico 2024/25, establece no seu artigo 13 que, unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, corresponde ao director da Agacal resolver este procedemento mediante a aprobación da relación definitiva das persoas admitidas e excluídas en cada centro e, de ser o caso, da lista de espera, onde figurará a puntuación obtida.
Con base no Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, o órgano competente para ditar a resolución deste expediente é o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
De acordo con todo o indicado,
RESOLVO:
Primeiro. Aprobar a relación definitiva de persoas admitidas/excluídas e a lista de espera, onde figurará a puntuación obtida, que se poderá consultar na páxina web da Consellería do Medio Rural https://agacal.xunta.gal/gl/formacion/oferta-formacion-profesional-regrada/xestion e no taboleiro de anuncios do centro correspondente.
As persoas que obteñan praza de residencia ou comedor disporán de 8 días, contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia, para formalizar a matrícula no centro onde obtivesen a dita praza, onde se lles facilitará o impreso correspondente. Igualmente, deberán achegar a documentación que acredite, de ser o caso, que o usuario pode beneficiarse dalgunha das bonificacións que se recollen no Decreto 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor prestados nos centros de formación das familias marítimo-pesqueira e agroforestal, así como os prezos de matrícula na Aula de Seguridade e Salvamento, dependentes desta consellería (DOG núm. 176, do 16 de setembro).
Segundo. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.
Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
