DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 30 de agosto de 2024 Páx. 48943

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2024 pola que se ordena a publicación do Regulamento de estudos de doutoramento.

Exposición de motivos

O Consello de Goberno da USC, na súa sesión do 10 de xuño de 2024, aprobou o Regulamento de estudos de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela.

Por isto, esta reitoría

RESOLVE:

Ordenar a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Regulamento de estudos de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado polo Consello de Goberno da USC na súa sesión do 10 de xuño de 2024.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2024

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Acordo do Consello de Goberno, do 10 de xuño de 2024,
polo que se aproba o Regulamento de estudos de doutoramento
da Universidade de Santiago de Compostela

A Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, estrutura o ensino universitario en tres ciclos: grao, máster universitario e doutoramento. Segundo a dita norma, os estudos de doutoramento, correspondentes ao terceiro ciclo e conducentes á obtención do título de doutora ou doutor, teñen como finalidade a adquisición das competencias e as habilidades concernentes á investigación dentro dun ámbito do coñecemento científico, técnico, humanístico, artístico ou cultural, e organizaranse na forma que determinen os estatutos ou normas de organización e funcionamento das respectivas universidades, de acordo cos criterios que para a obtención do título de doutora ou doutor aprobe o Goberno, mediante real decreto, logo de informe do Consello de Universidades. A normativa dos estudos de doutoramento ten o seu desenvolvemento máis específico no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, e no Real decreto 576/2023, do 4 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, e que recolle as novidades normativas da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, que afectan os estudos de doutoramento; en particular, aquelas directamente relacionadas co reforzo da internacionalización dos estudos universitarios, a súa conexión coas necesidades sociais e co seu contorno local e global, así como a aposta pola Ciencia Aberta e a Ciencia Cidadá. A nova lei orgánica tamén regula de maneira expresa a mención internacional e a mención industrial dos títulos de doutoramento, á vez que reforza a autonomía das universidades.

Así mesmo, o Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, incorpora referencias á interdisciplinariedade e á adquisición de habilidades concernentes á investigación que deben ser consideradas na regulamentación de doutoramento.

Así, este texto incorpora estes cambios normativos producidos desde a aprobación do anterior Regulamento de estudos de doutoramento da USC, aprobado polo Consello de Goberno do 24 de xullo de 2020, e que implican a modificación de aspectos substanciais do funcionamento dos programas de doutoramento que redundarán na mellora das condicións en que as persoas doutorandas desenvolven os seus estudos.

Entre as principais novidades que se introducen neste regulamento está a previsión de que a Escola de Doutoramento Internacional da Universidade de Santiago de Compostela proporcione asesoramento ás persoas doutorandas para a súa integración nos programas de doutoramento, así como a obrigatoriedade de contar cun plan de formación persoal. Ademais, establécese que aquelas teñan a consideración de investigadores e investigadoras en formación e refórzase a obrigación da persoa directora da tese de acompañar e asesorar durante todo o proceso de elaboración desta.

Así mesmo, amplíase a duración máxima dos estudos de doutoramento, tanto na modalidade a tempo completo como a tempo parcial, establecendo a posibilidade de autorizar unha prórroga por un ano. Cando a persoa doutoranda posúa un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, a duración dos estudos de doutoramento será dun máximo de seis anos a tempo completo e de nove anos a tempo parcial. Ademais, revísanse as causas de suspensión do cómputo de tempo para a realización dos estudos de doutoramento como consecuencia de situacións de incapacidade temporal, nacemento, adopción, garda con fins de adopción, acollemento, risco durante o embarazo, risco durante a lactación e violencia de xénero.

Por outra banda, introdúcense unha serie de medidas vinculadas coa supervisión e avaliación do traballo desenvolvido pola persoa doutoranda e a garantía da súa calidade. Así, por exemplo, exíxese que cada tese de doutoramento conte cun mínimo de dous informes emitidos por persoas doutoras expertas na materia e externas á universidade en que estea matriculada a persoa doutoranda, que poderán propoñer aspectos de mellora. Prevese, ademais, que o tribunal que avalíe a tese estea formado por unha maioría de membros externos non só á universidade onde se defende a tese, senón tamén ao programa en que ten formalizada a matrícula a persoa doutoranda, e garántese que o tribunal teña unha composición equilibrada entre homes e mulleres.

Por último, regúlanse diversos aspectos relacionados cos requisitos de acceso e admisión aos programas de doutoramento, a mención internacional e a mención industrial no título de doutora ou doutor, e as teses en réxime de cotutela.

Por todo o anterior, para a actualización da normativa da Universidade de Santiago de Compostela relativa aos estudos de doutoramento e a súa adaptación ás novas disposicións normativas de ámbito estatal, o Consello de Goberno, na súa reunión do 10 de xuño de 2024, acordou aprobar este regulamento.

CAPÍTULO PRELIMINAR

Principios xerais

Artigo 1. Ámbito de aplicación

Esta normativa ten por obxecto regular a organización dos estudos de doutoramento conducentes á obtención do título de doutora ou doutor na Universidade de Santiago de Compostela (en diante, USC), que terán carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

CAPÍTULO I

Estrutura e organización dos estudos de doutoramento

Artigo 2. A Escola de Doutoramento Internacional

1. A Escola de Doutoramento Internacional da USC (en diante, EDIUS) asume a organización, planificación, xestión, supervisión e seguimento dos estudos e actividades propias do doutoramento na Universidade. Ademais, proporcionará asesoramento ás persoas doutorandas que se incorporen aos programas de doutoramento sobre todos aqueles aspectos necesarios para a súa integración plena nos ditos programas.

A finalidade da EDIUS será concibir un modelo de formación doutoral flexible, interdisciplinaria e de calidade, orientada a potenciar as liñas de investigación dos programas de doutoramento da USC.

2. A EDIUS e os programas de doutoramento planificarán a oferta das actividades destinadas á formación transversal e específica, respectivamente, das persoas que estean realizando os seus estudos de doutoramento.

3. Son membros da EDIUS as persoas matriculadas nos estudos de doutoramento da USC; o persoal docente e investigador (en diante, PDI) e as persoas investigadoras que formen parte dos programas de doutoramento; o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos adscrito á EDIUS, e os membros dos distintos órganos de dirección en que se organiza e estrutura a EDIUS.

4. A EDIUS, de acordo co artigo 120 dos Estatutos da Universidade, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro (DOG núm. 29, do 12 de febreiro), ten como órganos de goberno: o Comité de Dirección, a persoa que asume os labores de dirección e a persoa que actúa como secretaria.

5. A EDIUS conta, ademais, con catro subdireccións, unha por cada unha das seccións en que se agrupan os grandes ámbitos da Universidade; cinco comisións delegadas do Comité de Dirección: a Comisión Executiva da Escola e catro comisións sectoriais; unha Comisión de Calidade e un Comité Consultivo como órgano de asesoramento externo. A composición destas comisións e as súas funcións desenvolveranse no Regulamento de réxime interno da EDIUS.

Artigo 3. Os programas de doutoramento

1. Denomínase programa de doutoramento o conxunto de actividades conducentes á obtención do título de doutora ou doutor. Os programas de doutoramento terán por obxecto o desenvolvemento dos distintos aspectos formativos do estudantado de doutoramento e establecerán os procedementos e as liñas de investigación para o desenvolvemento das teses de doutoramento.

2. Os estudos de doutoramento organizaranse a través de programas de doutoramento dos diversos ámbitos científicos, tecnolóxicos, humanísticos, sociais e artísticos, cun enfoque interdisciplinario do coñecemento, na forma en que determinen os estatutos da Universidade e de acordo cos criterios establecidos na normativa estatal vixente. O seu obxecto final é a adquisición pola persoa doutoranda dos coñecementos, competencias e habilidades necesarias conducentes á elaboración, defensa e aprobación dunha tese que incorpore resultados orixinais de investigación.

3. Os programas de doutoramento poden ser organizados de forma exclusiva pola USC ou de maneira conxunta entre varias universidades, e contar coa colaboración, expresada mediante un convenio, doutros organismos, centros, institucións e entidades con actividades de I+D+i, públicos ou privados, estatais ou estranxeiros.

4. Os programas de doutoramento incluirán aspectos organizados de formación investigadora, que non requirirán a súa estruturación en créditos ECTS, e comprenderán tanto formación transversal e interdisciplinaria como específica do ámbito de cada programa.

5. Na memoria de verificación do programa establecerase a relación de actividades formativas que poden realizar as persoas doutorandas, con indicación expresa, de ser o caso, daquelas que teñan carácter obrigatorio.

6. A actividade esencial das persoas doutorandas será a investigación, e a súa tese debe capacitar para o traballo autónomo no ámbito da I+D+i e acadar os resultados de aprendizaxe correspondentes ao nivel 4 do Marco español de cualificacións para a educación superior (en diante, MECES).

7. Nun programa de doutoramento conxunto, as universidades participantes recoñecerán, para os efectos académicos e administrativos oportunos, as actividades formativas do programa cursadas en calquera delas nos termos que figuran na correspondente memoria de verificación do título.

8. Os estudos de doutoramento finalizarán coa elaboración, defensa e aprobación dunha tese de doutoramento, que presentará os resultados orixinais obtidos da investigación realizada.

9. Todos os programas de doutoramento da Universidade deberán estar adscritos á EDIUS.

Artigo 4. As comisións académicas dos programas de doutoramento

1. A Comisión Académica do programa de doutoramento (en diante, CAPD) é o órgano responsable do deseño, implantación, actualización, organización, calidade e coordinación do programa, así como da supervisión do progreso da investigación, da formación e da autorización do depósito da tese de cada persoa doutoranda pertencente ao programa.

2. A composición da CAPD, os requisitos para ser membro desta e as súas competencias serán fixados no Regulamento de réxime interno da EDIUS.

3. Cada programa de doutoramento deberá contar cunha persoa coordinadora e cunha persoa secretaria da CAPD, conforme o Regulamento de réxime interno da EDIUS.

4. Só se poderá exercer a coordinación dun único programa de doutoramento.

Artigo 5. Profesorado do programa de doutoramento

1. Considérase profesorado do programa toda persoa doutora adscrita formalmente a algunha das súas liñas de investigación descritas na memoria de verificación do título, sen prexuízo da posible colaboración en determinadas actividades específicas doutras persoas ou profesionais en virtude da súa relevante cualificación no correspondente ámbito de coñecemento.

2. Como regra xeral, un membro do PDI só poderá estar adscrito a un programa de doutoramento, sen prexuízo de que poida colaborar en actividades formativas doutros programas como convidado. En casos xustificados de desenvolvemento ou participación en dúas liñas de investigación claramente diferenciadas, poderase permitir a adscrición dun membro do PDI en dous programas de doutoramento, logo de autorización da EDIUS.

3. A adscrición do PDI da USC como membro dun programa de doutoramento doutra universidade requirirá a autorización expresa da EDIUS.

4. No caso de programas orixinados ao abeiro de convocatorias competitivas estatais ou internacionais, ou no caso de programas de doutoramento declarados polos órganos de goberno da USC como de relevancia institucional, as limitacións recollidas no punto 2 deste artigo non serán de aplicación para os efectos da adscrición do PDI a un destes programas, ben como profesorado das súas liñas de investigación, ben como membro da CAPD.

CAPÍTULO II

Novas propostas de programas de doutoramento, de modificación
ou de extinción, e seguimento e acreditación dos existentes

Artigo 6. Presentación e tramitación de novas propostas e de modificacións de programas de doutoramento

1. As novas propostas de programas de doutoramento poderán partir dos órganos de goberno da Universidade, de agrupacións de persoal investigador, de grupos de investigación ou da EDIUS. Por outra banda, as propostas de modificación dun programa de doutoramento partirán da súa CAPD.

2. Para a presentación de novas propostas de programas de doutoramento, deberá propoñerse unha Comisión Redactora da memoria de verificación. Os membros desta Comisión deberán ser PDI con vinculación permanente coa USC e cumprir os mesmos requisitos académicos que os exixidos para ser membro dunha CAPD. Tras a aprobación da declaración de intencións do novo programa de doutoramento por parte do Consello de Goberno, procederase ao nomeamento desta comisión por parte do reitor ou reitora.

3. O calendario e os criterios de aprobación de novas propostas e de modificacións dos programas de doutoramento existentes serán establecidos anualmente pola Universidade, mediante acordo do Consello de Goberno.

4. Tanto nas novas propostas de programas de doutoramento como nas modificacións dos existentes, a EDIUS velará polo cumprimento dos requisitos xerais establecidos polas normativas estatal e autonómica, e a súa adecuación aos principios da estratexia en materia de I+D+i e da formación doutoral da Universidade.

Artigo 7. Seguimento e renovación da acreditación dos programas de doutoramento

1. Conforme o disposto no Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, e o Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, e a súa modificación recollida no Real decreto 576/2023, do 4 de xullo, cada seis anos desde a data da súa verificación inicial ou desde a anterior renovación da acreditación, os programas de doutoramento deberán someterse a un procedemento de avaliación para renovar a súa acreditación.

2. A EDIUS contará cun Sistema de garantía interna de calidade (en diante, SGIC) no cal se fixarán os termos para o seguimento anual dos seus programas de doutoramento.

Artigo 8. Extinción dos programas de doutoramento

1. A Universidade regulará, conforme a normativa xeral na materia, o procedemento de extinción dos programas de doutoramento que oferte.

2. Son causas de extinción dun programa de doutoramento as seguintes:

a) Que non supere o proceso de renovación da acreditación establecido no artigo 10 do Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento.

b) Que non acredite o cumprimento dos requisitos establecidos pola normativa estatal ou autonómica vixente.

c) Que a CAPD e/ou a EDIUS formule proposta de extinción do programa ao abeiro dos procesos de revisión e mellora do título.

d) Cando concorra calquera situación excepcional que impida o correcto desenvolvemento do programa de doutoramento.

e) No caso de programas de doutoramento conxuntos, cando se propoña a retirada do programa dalgunha das universidades participantes.

f) Por razóns de estratexia académica da USC e consecuente reorganización da súa oferta de titulacións; en particular, no caso de reformulación de programas de doutoramento con liñas de investigación complementarias, por proposta da EDIUS.

3. A extinción dun programa de doutoramento supoñerá:

a) A perda do seu carácter oficial e a baixa no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (en diante, RUCT).

b) A imposibilidade de matricular novas persoas doutorandas no programa de doutoramento.

c) A obrigación de informar da extinción do programa de doutoramento e das súas consecuencias no desenvolvemento dos seus estudos a todas as persoas doutorandas matriculadas no programa.

4. A Universidade adoptará as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos das persoas doutorandas matriculadas nun programa a extinguir nos termos establecidos na resolución de extinción.

CAPÍTULO III

Admisión e matrícula nos estudos de doutoramento

Artigo 9. Requisitos xerais de acceso aos estudos de doutoramento

1. Con carácter xeral, para o acceso a un programa oficial de doutoramento será necesario estar en posesión dos títulos oficiais españois de grao, ou equivalente, e de máster universitario, ou equivalente, sempre que sumen en conxunto un mínimo de 300 créditos ECTS.

2. Así mesmo, poderán acceder aos estudos de doutoramento aquelas persoas que se encontren nalgún dos seguintes supostos:

a) Estar en posesión de títulos universitarios oficiais españois ou títulos españois equivalentes sempre que se superasen, como mínimo, 300 créditos ECTS no conxunto destas ensinanzas e se acredite un nivel 3 do MECES.

b) Estar en posesión dun título obtido conforme sistemas educativos estranxeiros pertencentes ao Espazo Europeo de Educación Superior (en diante, EEES), sen necesidade da súa homologación, que acredite un nivel 7 do Marco europeo de cualificacións, sempre que o dito título faculte para o acceso aos estudos de doutoramento no seu país de expedición. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo de que estea en posesión a persoa interesada nin o seu recoñecemento para outros efectos que o do acceso aos estudos de doutoramento.

c) Estar en posesión dun título obtido conforme sistemas educativos estranxeiros alleos ao EEES, sen necesidade da súa homologación, logo de comprobación pola Universidade de que o título acredita un nivel de formación equivalente á do título oficial español de máster universitario e que faculta o acceso aos estudos de doutoramento no país de expedición do título. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo de que estea en posesión a persoa interesada nin o seu recoñecemento para outros efectos que o do acceso aos estudos de doutoramento.

d) Estar en posesión dun título de doutora ou doutor.

e) Estar en posesión dunha titulación universitaria que, logo de obtención dunha praza na correspondente proba de acceso a prazas de formación sanitaria especializada, superasen con avaliación positiva, como mínimo, dous anos de formación dun programa para a obtención do título oficial dalgunha das especialidades en Ciencias da Saúde.

Artigo 10. Requisitos específicos e criterios de admisión nun programa de doutoramento

1. Os requisitos específicos de admisión son aqueles que determina cada programa de doutoramento, de conformidade coa súa memoria de verificación, para a admisión das persoas doutorandas. En particular, poderase solicitar unha carta de referencia dun PDI do programa que avale a viabilidade da futura tese de doutoramento no marco da liña de investigación a que se vincule.

2. Os criterios de admisión son os que lle permiten á CAPD establecer a prelación das solicitudes presentadas, de conformidade coa súa memoria de verificación, para a selección das persoas doutorandas. Os criterios respectarán, en todo caso, os principios constitucionais de mérito e capacidade xunto cos de igualdade e non discriminación.

3. Entre as persoas candidatas que cumpran os requisitos de acceso xerais e os específicos do programa en que solicitan o seu ingreso, a CAPD aplicará os criterios de admisión para a cobertura das prazas ofertadas. Cada programa de doutoramento deberá reservar, como mínimo, un 5 por cento das prazas ofertadas para persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, así como para aquelas con necesidades educativas especiais permanentes e que nos seus estudos anteriores precisen de recursos e apoios para a súa plena normalización educativa. As prazas que non se cubran nesta cota especial pasarán a formar parte da oferta xeral de prazas do programa.

Artigo 11. Complementos formativos

1. Se a persoa candidata carece da formación previa completa exixida no programa de doutoramento, a admisión poderá quedar condicionada á superación de complementos de formación específicos, que deberán ser concretados para cada persoa doutoranda pola CAPD, cun máximo de 15 ECTS.

2. Estes complementos de formación poderán ser materias ou módulos de titulacións de máster e/ou grao e terán, para os efectos de prezos públicos e de concesión de bolsas e axudas ao estudo, a consideración de formación de nivel de doutoramento.

3. A realización destes complementos deberá levarse a cabo e superarse no período inicial de desenvolvemento da tese, no prazo máximo dun curso académico contado desde o momento en que a persoa doutoranda poida realizar a matrícula nos ditos complementos. A non superación destes complementos formativos é unha das causas de baixa definitiva no programa de doutoramento, recollidas no artigo 23 deste regulamento.

Artigo 12. Persoas doutorandas con titulacións estranxeiras

1. As persoas doutorandas que estean en posesión de titulacións obtidas conforme sistemas educativos estranxeiros alleos ao EEES que lles permitan o acceso aos estudos de doutoramento no país de expedición do título e sexan equivalentes á titulación que permite o acceso aos estudos oficiais de doutoramento que desexen realizar na USC poderán solicitar a súa admisión, ademais de nas convocatorias ordinarias de matrícula nos estudos de doutoramento, na convocatoria de matrícula anticipada habilitada para este tipo de estudantes.

2. Estas persoas doutorandas poderán matricularse sen esperar á resolución de recoñecemento do seu nivel de formación de estudos na USC, ben que a validez da súa matrícula quedará condicionada á emisión dunha resolución favorable.

Artigo 13. Persoas doutorandas con discapacidade ou con necesidades educativas específicas

Para as persoas doutorandas con discapacidade ou necesidades educativas específicas estableceranse os sistemas e servizos de apoio e asesoramento adecuados, que poderán determinar a necesidade de posibles adaptacións curriculares, itinerarios ou estudos alternativos, e/ou unha planificación e seguimento da súa actividade académica que estea adaptada ás súas necesidades.

Artigo 14. Períodos de admisión e matrícula

1. Cada curso académico, a USC fixará na convocatoria de matrícula os períodos de admisión e matrícula ordinarios para as persoas doutorandas tanto de novo ingreso como de continuación de estudos, o establecemento de cotas xerais de admisión, así como os prazos para o pagamento dos prezos públicos de matrícula.

2. Poderanse arbitrar novas admisións e matrículas, cotas e/ou convocatorias extraordinarias para axustarse aos prazos de convocatorias competitivas financiadas con fondos públicos autonómicos, estatais e internacionais para a formalización de contratos encamiñados á realización dos estudos de doutoramento. As convocatorias financiadas con fondos privados poderán estar incluídas nestes supostos sempre que se xustifique o seu carácter competitivo e a súa finalidade de financiamento para realizar estudos de doutoramento. As admisións extraordinarias serán autorizadas polo reitor ou reitora e pola EDIUS, a CAPD será responsable da correspondente admisión e o Servizo de Xestión Académica da matrícula extraordinaria. As persoas doutorandas que soliciten a súa admisión nun programa de doutoramento por esta vía extraordinaria deberán contar, polo menos, cos mesmos requisitos que as admitidas a través das convocatorias ordinarias de admisión e matrícula.

Artigo 15. A admisión das persoas doutorandas

A proposta de admisión das persoas doutorandas corresponderá ás CAPD conforme os requisitos específicos e criterios de admisión de cada programa de doutoramento. A resolución reitoral de admisión será publicada no taboleiro de anuncios da sede electrónica da Universidade.

Artigo 16. A matrícula das persoas doutorandas

1. As persoas doutorandas admitidas nun programa deberán matricularse anualmente polo concepto de tutela académica e, cando proceda, dos complementos de formación determinados pola CAPD, de acordo co procedemento establecido pola Universidade.

2. A matrícula nun programa de doutoramento outórgalles ás persoas doutorandas o dereito á tutela académica e á accesibilidade e utilización dos recursos necesarios para o desenvolvemento da súa tese de doutoramento. A EDIUS velará polo cumprimento destes dereitos.

3. Corresponde á Comunidade Autónoma fixar os prezos públicos de matrícula dos estudos conducentes á obtención do título oficial de doutora ou doutor, que deberán ser aboados polas persoas doutorandas nos prazos establecidos para o efecto.

4. Nos programas de doutoramento conxuntos, o convenio incluído na memoria de verificación do título determinará a forma e as condicións en que se deba levar a cabo a matrícula das súas persoas doutorandas.

5. Nos programas conxuntos que impliquen o intercambio de persoas doutorandas, o acordo ou convenio asinado polas universidades definirá a forma en que se deba levar a cabo a matrícula na USC, sempre que non se contraveña a normativa da Universidade.

6. As persoas doutorandas matriculadas nun programa de doutoramento estarán adscritas á EDIUS e ao departamento ao cal pertenza a persoa titora da tese de doutoramento; neste último caso, para os efectos das eleccións de representantes nos departamentos.

7. O expediente dunha persoa doutoranda poderá ser anulado durante o primeiro curso académico polas seguintes causas, sen que isto implique necesariamente a devolución dos prezos públicos:

a) Cando non se aboen os prezos públicos nos prazos establecidos para cada curso académico.

b) Cando non se estea en posesión da titulación de acceso requirida, o que inclúe a falta de recoñecemento dos títulos estranxeiros para os efectos da admisión no doutoramento, e/ou non se cumpran os requisitos específicos de admisión solicitados polo programa de doutoramento.

c) Cando se produza a denegación do visado.

d) Cando o solicite por petición propia a persoa doutoranda dentro dos primeiros seis meses contados desde o último día do período de formalización de matrícula. A petición de anulación de matrícula deberá facerse de xeito xustificado.

Artigo 17. Cambio e traslado de programa de doutoramento

1. Os cambios de programa dentro da USC ou o traslado desde un programa doutra universidade a un programa da USC requiren a autorización da EDIUS, logo de solicitude da persoa doutoranda, que poderá elixir na súa solicitude unha das seguintes modalidades:

a) Continuar co proxecto de tese que está desenvolvendo noutro programa de doutoramento da USC ou doutra universidade. Neste caso, deberase xustificar a adecuación académica do cambio ou traslado. A persoa doutoranda deberá estar, necesariamente, matriculada no momento de realizar a solicitude ou ter estado matriculada no curso académico inmediatamente anterior. A autorización da EDIUS para o cambio ou traslado supón o recoñecemento de todas as actividades realizadas previamente e o cómputo do tempo consumido nos estudos de doutoramento no programa de orixe.

Esta modalidade require os informes das CAPD dos dous programas implicados, asegurando o respecto aos dereitos tanto da persoa doutoranda como das persoas directoras que abandonen ou se incorporen nas tarefas de supervisión, de ser o caso.

Adicionalmente, no caso dunha solicitude de traslado de programa por parte dunha persoa doutoranda proveniente doutra universidade, será necesario:

i. A presentación da certificación das actividades e do tempo consumido no programa de doutoramento cursado na universidade de orixe.

ii. No caso de se producir un cambio na dirección da tese, a EDIUS poderá solicitar canta información considere oportuna para constatar a idoneidade e/ou necesidade do dito cambio, e asegurar o respecto dos dereitos das persoas doutorandas e directoras saíntes e entrantes, en especial aqueles relacionados cos dereitos de propiedade intelectual e de explotación da investigación desenvolvida ata o momento.

b) Iniciar un novo proxecto de tese. Nestes casos, a autorización impide continuar co desenvolvemento do plan de investigación do programa de orixe e supón a anulación de todas as actuacións do expediente anterior no referente ao novo programa e ao reinicio do cómputo de tempo.

2. A solicitude de cambio de programa, con independencia da modalidade elixida, é obrigatoria para todas aquelas persoas que estivesen matriculadas nun programa de doutoramento da USC. A non presentación desta solicitude poderá implicar a anulación da admisión e matrícula no novo programa de doutoramento.

Artigo 18. Dedicación a tempo completo e a tempo parcial

1. A matrícula nos estudos de doutoramento deberá formalizarse cada curso académico inicialmente a tempo completo.

2. Unha vez formalizada a matrícula a tempo completo, a persoa doutoranda interesada poderá solicitar o cambio a dedicación a tempo parcial ao Servizo de Xestión Académica, e será requisito indispensable contar co informe favorable da CAPD, para o cal deberá acreditar algunha das circunstancias seguintes:

a) De carácter laboral, por existencia dunha relación contractual cunha empresa, entidade ou Administración, de carácter funcionarial, ou no caso de persoas autónomas que xustifiquen a prestación de servizos ou xustificación de alta nunha actividade laboral. A dedicación a tempo parcial nos estudos de doutoramento só se poderá manter mentres exista a relación laboral que a xustificou.

b) De carácter familiar, como ter ao coidado directo fillos e fillas menores de doce anos, formar parte dunha familia numerosa recoñecida como tal, ser persoa coidadora de menores de doce anos en réxime de acollida ou de persoas dependentes.

c) De carácter persoal; en particular:

i. Embarazo ou lactación.

ii. Recoñecemento como deportista de alto nivel ou alto rendemento.

iii. Acreditación de discapacidade.

iv. Acreditación de encontrarse en situación de busca activa de emprego.

v. Encontrarse noutras situacións persoais de grave dificultade, tales como ser vítima de malos tratos, de violencia de xénero, de terrorismo ou calquera outra asimilable que poida impactar na dedicación aos estudos de doutoramento.

vi. No caso de simultaneidade con outros estudos universitarios oficiais en que se estea matriculado, sempre que a matrícula neses estudos sexa dun mínimo de 31 ECTS e un máximo de 60 ECTS.

No caso de que a persoa doutoranda teña unha relación contractual a tempo completo coa USC relacionada co desenvolvemento da súa tese, non poderá solicitar a dedicación a tempo parcial mentres dure a dita vinculación, agás que presente a súa renuncia ao contrato.

3. Con carácter xeral, o cambio de dedicación a tempo parcial deberá solicitarse en cada curso académico durante o período de matrícula ordinario. Extraordinariamente, a modificación das circunstancias laborais, familiares ou persoais da persoa doutoranda fóra dos prazos ordinarios de matrícula poderá propiciar o cambio da dedicación noutros períodos. A autorización ou denegación do cambio corresponderá á CAPD mediante informe razoado.

Artigo 19. Simultaneidade de estudos oficiais

1. Permítese a simultaneidade da matrícula nun programa de doutoramento coa matrícula noutros estudos universitarios oficiais (grao e/ou máster universitario), cunha carga lectiva máxima total de 90 ECTS. Para os efectos de compaxinar estudos, a matrícula nun programa de doutoramento a tempo completo será equivalente a 60 ECTS, mentres que a matrícula a tempo parcial terá un valor de 30 ECTS.

2. Para a determinación do número de créditos ECTS que se poden compaxinar, non se terán en conta os complementos formativos dos estudos de doutoramento.

3. Non se poderá realizar a matrícula simultánea en dous programas de doutoramento.

4. A normativa xeral da USC en materia de simultaneidade terá carácter supletorio respecto desta disposición.

CAPÍTULO IV

Duración dos estudos de doutoramento

Artigo 20. Duración dos estudos de doutoramento e cómputo do tempo de permanencia

1. A duración dos estudos de doutoramento será dun máximo de catro anos naturais a tempo completo e sete a tempo parcial, contados desde a data de matrícula da persoa doutoranda no programa ata a data de solicitude de defensa da tese de doutoramento.

Cando a persoa doutoranda acredite un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, a duración dos estudos de doutoramento será dun máximo de seis anos a tempo completo e de nove anos a tempo parcial.

No caso de concorrencia de períodos a tempo completo e a tempo parcial, a duración máxima dos estudos de doutoramento será a que corresponda segundo a seguinte fórmula de cálculo total do cómputo de tempo de permanencia:

Tempo total = tempo en dedicación completa + 0,57 × tempo en dedicación parcial.

Para as persoas doutorandas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento, a duración máxima dos estudos de doutoramento calcularase, no caso de concorrencia de períodos a tempo completo e a tempo parcial, mediante a seguinte fórmula:

Tempo total = tempo en dedicación completa + 0,67 × tempo en dedicación parcial.

2. A duración mínima dos estudos de doutoramento será de 18 meses a tempo completo e de 30 meses a tempo parcial. No caso de concorrencia de períodos a tempo completo e a tempo parcial, a duración mínima será a que corresponda segundo o indicado anteriormente para o cálculo total do cómputo de tempo.

3. Considérase tempo activo e que computa para os efectos do tempo máximo de permanencia nos estudos de doutoramento o período en que a persoa doutoranda pode desenvolver o seu proxecto de tese. Polo tanto, non están incluídos neste cómputo os períodos de baixa temporal regulados no artigo 22 deste regulamento nin o período posterior á solicitude de autorización de defensa da persoa doutoranda cando presenta o exemplar da tese.

Artigo 21. Prórrogas para a realización dos estudos de doutoramento

1. Antes da finalización do prazo de tutela académica, a persoa doutoranda poderá solicitar á CAPD a prórroga do período de permanencia no programa de doutoramento por un ano máis, nas condicións que se establecesen no correspondente programa de doutoramento.

2. No período de prórroga non será de aplicación, en relación co cómputo de tempo, a dedicación a tempo parcial.

3. A autorización da prórroga farase de forma motivada e para a súa concesión será requisito indispensable o informe favorable da CAPD.

Artigo 22. Baixa temporal nun programa de doutoramento

1. Distínguense dous tipos de baixa temporal, que non computarán para os efectos dos tempos mínimo e máximo de permanencia nos estudos de doutoramento recollidos no artigo 20 deste regulamento:

a) Por situacións de incapacidade temporal, nacemento ou adopción de fillas ou fillos, garda con fins de adopción, acollemento, risco durante o embarazo, risco durante a lactación, violencia de xénero, ou calquera outra situación recollida na normativa vixente. As peticións deberán ser acreditadas documentalmente e dirixidas ao Servizo de Xestión Académica para a súa resolución por parte do reitor ou reitora. Informarase destas resolucións a CAPD. A duración da baixa será determinada pola súa causa, segundo as directrices marcadas polo Servizo de Xestión Académica.

b) Por petición propia e por causas xustificadas, a persoa doutoranda poderá solicitar á CAPD ata un máximo de seis períodos de baixa temporal no programa de doutoramento. O cómputo global de todas as solicitudes non poderá exceder os dous anos de duración. A CAPD pronunciarase sobre a procedencia de acceder ao solicitado pola persoa doutoranda.

Non se poderá solicitar este tipo de baixas temporais antes da aprobación pola CAPD dos plans de investigación e de formación. As solicitudes deberán estar avaladas pola persoa directora da tese e realizaranse durante o período de tutela académica, agás circunstancias excepcionais debidamente xustificadas, e nunca durante os tres meses previos á data de finalización dos estudos de doutoramento.

2. As solicitudes de baixa temporal presentaranse pola Secretaría Virtual, e acreditarase documentalmente a causa ou causas alegadas.

Os efectos das baixas sempre poderán retrotraerse á data en que estas foron solicitadas, e aquelas derivadas das situacións recollidas no número 1.a) deste artigo poderán retrotraerse ata a data en que se produciu a súa causa.

3. Durante un período de baixa, as actividades desenvolvidas pola persoa doutoranda non poderán incluírse no seu documento de actividades. Ademais, esta non terá a consideración de estudante matriculado/a na USC para os efectos do dereito á tutela de tese e non dispoñerá de acceso aos recursos da Universidade nin de cobertura do correspondente seguro. Esta circunstancia non exime do aboamento dos prezos públicos correspondentes á matrícula.

Artigo 23. Baixa definitiva nun programa de doutoramento

1. A baixa definitiva nun programa de doutoramento pode ser de carácter administrativo ou de carácter académico.

2. Son causas de baixa definitiva de carácter administrativo:

a) Non realizar a matrícula de tutela académica anual nun curso académico.

b) Non realizar a matrícula de tutela académica despois dun período de baixa.

c) Non ter presentado os plans de investigación e de formación durante o primeiro curso académico de matrícula nos prazos establecidos.

d) De ser o caso, non ter superado os complementos de formación nos prazos marcados.

e) Por petición propia da persoa doutoranda, sen que concorran ningunha das causas de baixa definitiva de carácter académico.

f) A anulación ou o arquivamento da matrícula.

3. Son causas de baixa definitiva de carácter académico:

a) Ter un informe anual negativo definitivo.

b) O rexeitamento definitivo do plan de investigación e/ou de formación, conforme o artigo 30.5 deste regulamento.

c) Non ter presentado a tese ou superado a súa defensa nos prazos establecidos.

4. Ante calquera baixa definitiva, a persoa doutoranda afectada poderá solicitar, por unha única vez e nun curso académico posterior, a matrícula noutro programa de doutoramento diferente na USC para desenvolver uns novos plans de investigación e de formación, logo de autorización da EDIUS.

5. A matrícula no mesmo programa só será posible cando derive dunha baixa definitiva de carácter administrativo, por unha única vez e tres cursos académicos despois de que se producise a citada baixa. Esta nova matrícula implica a anulación de todas as actuacións do expediente anterior.

6. A baixa definitiva nun programa de doutoramento realizarase mediante resolución reitoral.

CAPÍTULO V

Supervisión e seguimento do estudantado de doutoramento

Artigo 24. Competencias e destrezas que debe adquirir a persoa doutoranda

Os estudos de doutoramento garantirán, como mínimo, a adquisición por parte das persoas doutorandas das competencias básicas recollidas no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, así como aqueloutras que figuren no MECES.

Artigo 25. Persoa titora de tese

1. A persoa titora é a responsable tanto da idoneidade como da adecuación da formación e da actividade investigadora da persoa doutoranda aos principios do seu programa de doutoramento e, de ser o caso, da EDIUS.

2. No proceso de admisión definitiva dunha persoa doutoranda, a CAPD designará a persoa que titorice a tese, a quen lle corresponderá velar pola súa interacción coa CAPD e, de ser o caso, coa persoa directora da tese.

3. O PDI que actúe como persoa titora da tese debe cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter experiencia investigadora acreditada.

Para os efectos deste regulamento, enténdese por experiencia investigadora acreditada a posesión de, como mínimo, un período de actividade investigadora recoñecida pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (en diante, CNEAI) en aplicación do Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario. No caso de non estar en situación de poder acreditar a experiencia investigadora por esta vía, o PDI deberá contar con méritos de investigación equiparables.

b) Formar parte do profesorado do programa de doutoramento en que está matriculada a persoa doutoranda a quen titorizará.

c) Ter vinculación permanente coa USC ou encontrase en situación de excedencia temporal da USC por estar acollido a programas de excelencia investigadora. O PDI sen vinculación permanente coa USC poderá ser asignado como persoa titora durante o tempo que se manteña a súa vinculación contractual coa USC.

4. Co fin de garantir o adecuado cumprimento das funcións que lle corresponden á persoa que asume a titorización da tese, a súa designación non poderá recaer naquelas persoas que teñan coa persoa doutoranda vínculo matrimonial ou situación de feito asimilable, parentesco por consanguinidade dentro do cuarto grao ou por afinidade dentro do segundo, así como situacións de conflito de intereses ou persoais. O cumprimento destes requisitos quedará recollido no compromiso documental de supervisión indicado no artigo 28 deste regulamento.

5. A CAPD poderá, oída a persoa doutoranda, modificar a designación de quen asuma as funcións de titorización da tese en calquera momento do período de realización dos estudos de doutoramento, sempre que concorran razóns xustificadas.

6. Cada tese de doutoramento só poderá ser titorizada por unha única persoa.

7. O traballo de titorización será recoñecido como parte da dedicación docente e investigadora do PDI.

Artigo 26. Persoa directora da tese

1. No momento da admisión da persoa doutoranda nun programa de doutoramento, a CAPD asignaralle un PDI con experiencia investigadora acreditada, segundo o recollido no artigo 25.3.a), na liña de investigación en que se adscribe o seu tema de estudo, para exercer as funcións de dirección da tese. No caso de que a asignación non se poida efectuar nese momento, realizarase no prazo máximo de tres meses desde a data da matrícula da persoa doutoranda nos estudos de doutoramento.

2. A persoa directora da tese será a máxima responsable da planificación, coherencia e idoneidade das actividades de formación e investigación, así como da orixinalidade, impacto e a novidade da tese de doutoramento no seu campo de coñecemento e, de ser o caso, da súa adecuación a outros proxectos e actividades en que participe a persoa doutoranda.

3. Poderá exercer a dirección da tese calquera persoa doutora española ou estranxeira, con experiencia investigadora acreditada con independencia da universidade, centro ou institución en que preste os seus servizos.

4. Co fin de garantir o adecuado cumprimento das funcións que corresponden ao PDI que dirixe a tese, estas non poderán recaer naquelas persoas que teñan coa persoa doutoranda vínculo matrimonial ou situación de feito asimilable, parentesco por consanguinidade dentro do cuarto grao ou por afinidade dentro do segundo, así como situacións de conflito de intereses ou persoais. O cumprimento destes requisitos quedará recollido no compromiso documental de supervisión.

5. A CAPD poderá autorizar a codirección da tese por parte de persoas doutoras que non posúan experiencia investigadora acreditada, coa condición de que cumpran, como mínimo, un dos seguintes requisitos:

a) Participar nos últimos seis (6) anos, ben como persoa investigadora principal ou como membro do equipo de investigación, nun proxecto de investigación financiado mediante convocatoria pública competitiva (excluíndo os proxectos de convocatorias propias de universidades).

b) Acreditar nos últimos seis (6) anos a autoría ou coautoría de, como mínimo, cinco contribucións de impacto científico recoñecido; por exemplo, en revistas incluídas no Journal Citation Reports (en diante, JCR) ou en Scopus, na súa área de coñecemento e no campo científico da tese que se vai dirixir. Naquelas áreas en que estes índices non sexan relevantes, estes poderán substituírse polas bases de datos relacionadas pola CNEAI para as ditas áreas.

Nos campos científicos en que polas características da investigación desenvolvida e/ou pola súa tradición non sexa aplicable o criterio anterior, substituirase por un requisito comparable, segundo o establecido pola CNEAI para eses campos científicos.

c) Acreditar a autoría ou coautoría dunha patente con explotación.

d) Ter dirixido, como mínimo, unha tese de doutoramento coa cualificación de sobresaliente cum laude ou apto cum laude, ou cualificación equivalente noutros países, que dese lugar a unha ou máis publicacións en revistas de impacto científico recoñecido, en particular aquelas incluídas no JCR ou en Scopus, ou a algunha contribución científica publicada relevante derivada da tese no seu campo de coñecemento, segundo os criterios da CNEAI para ese campo científico concreto.

e) Ter dirixido ou participado en proxectos e/ou contratos de investigación industrial e/ou de innovación empresarial, no caso de teses que opten á Mención de doutoramento industrial.

6. A USC habilitará un rexistro de posibles persoas directoras e codirectoras de teses, que incluirá aquel persoal investigador que pode exercer a dirección e codirección daquelas na USC segundo os criterios recollidos nos puntos 3, 4 e 5 deste artigo. Unha vez incorporada unha persoa investigadora neste rexistro, non será necesaria a actualización dos méritos requiridos para a súa permanencia nel. A incorporación deberá ser solicitada pola CAPD á EDIUS e motivada pola asignación da persoa investigadora para exercer a dirección de tese.

7. O número máximo de persoas que poderán exercer a dirección dunha tese será de dúas, agás nas seguintes circunstancias, en que o número poderá ser de tres:

a) Que a tese posúa interdisciplinariedade temática e que as tres persoas directoras propostas pertenzan a ámbitos de coñecemento diferenciados.

b) Que a tese se desenvolva no marco dun proxecto de investigación estatal ou internacional obtido mediante convocatoria competitiva en colaboración con outros centros ou institucións estatais ou estranxeiras.

c) Que a tese se desenvolva en réxime de cotutela con máis dunha universidade estranxeira.

Nestes casos, unha das tres persoas directoras necesariamente deberá asumir a titorización da tese.

8. Será necesaria a autorización da EDIUS para a asignación dunha persoa directora, logo de proposta da CAPD, nos seguintes casos:

a) Inclusión dunha segunda persoa directora na dirección da tese transcorridos 36 meses desde o inicio dos estudos de doutoramento cando a persoa doutoranda teña dedicación completa, ou de 63 meses cando a súa dedicación sexa a tempo parcial. Para dedicacións de tempo mixtas, aplicarase o rateo correspondente mediante a fórmula recollida no artigo 20.1. Esta incorporación deberá vir acompañada dunha modificación do plan de investigación e/ou do plan de formación, de xeito que se reflictan as achegas da nova persoa directora á supervisión do traballo de tese. Esta inclusión non se poderá realizar para quen estea no período de prórroga dos seus estudos de doutoramento.

b) Inclusión dunha terceira persoa que exerza a dirección de tese.

9. A CAPD poderá revogar con posterioridade a nova dirección se, ao seu xuízo, non beneficia o desenvolvemento da tese.

10. Se quen dirixe a tese pode exercer tamén a titorización da persoa doutoranda, asumirá as dúas funcións.

11. A CAPD poderá, oída a persoa doutoranda, modificar a designación da persoa que asume a dirección da tese en calquera momento do período de realización dos estudos de doutoramento, sempre que concorran razóns debidamente xustificadas.

12. O traballo de dirección de tese será recoñecido como parte da dedicación docente e investigadora do profesorado da Universidade.

13. O número máximo de teses de doutoramento que poderá dirixir de forma simultánea un membro do PDI será determinado pola CAPD. En ningún caso se poderá exceder o valor de 10. Para o cómputo deste valor, as direccións unipersoais terán asignado un valor de 1, mentres que as direccións conxuntas terán un valor de 0,6.

14. O Código de boas prácticas na investigación da Universidade e o Código de boas prácticas da EDIUS incluirán as directrices aplicables á dirección de teses de doutoramento en consonancia co disposto neste regulamento.

Artigo 27. Perfil autorizado

Considerarase perfil autorizado a persoa que exerza as funcións de titorización ou dirección dunha persoa doutoranda, designada segundo o criterio da CAPD e responsable de trasladar todos os informes de avaliación e de realizar as xestións pertinentes a través da plataforma informática da Universidade.

Artigo 28. Compromiso documental de supervisión

1. O compromiso documental de supervisión é o documento que recolle as funcións de supervisión, tutela e seguimento das persoas doutorandas.

2. No compromiso documental de supervisión especificaranse as condicións de realización da tese, os dereitos e deberes da persoa doutoranda, os aspectos relativos aos dereitos de propiedade intelectual ou industrial derivados da investigación doutoral desenvolvida, ademais da aceptación do procedemento de resolución de conflitos. Ademais, incluiranse tamén os deberes e dereitos das persoas que exerzan a titorización e dirección da tese.

3. O compromiso documental de supervisión será asinado pola persoa doutoranda, as persoas titora e directoras da tese, así como por aquelas que coordinen o programa de doutoramento en que a persoa doutoranda estea matriculada. A sinatura do compromiso documental de supervisión realizarase a través da Secretaría Virtual da Universidade antes da aprobación dos plans de investigación e de formación por parte do perfil autorizado e a CAPD.

4. No caso de que se produzan cambios nas condicións de realización da tese, será necesaria a sinatura dun novo compromiso documental de supervisión. Así mesmo, no caso de modificación da persoa que titoriza a tese e/ou de incorporación ou cambio da que a dirixe, será necesaria a sinatura dun novo compromiso documental de supervisión.

Artigo 29. Documento de actividades

1. O documento de actividades das persoas doutorandas é o rexistro individualizado e de control do seu traballo de doutoramento.

2. Unha vez efectuada a matrícula no programa de doutoramento, este documento materializarase para cada persoa doutoranda para os efectos do rexistro da súa actividade doutoral.

3. Este documento deberá axustarse ao formato establecido e rexistrarse na aplicación informática, onde deberá quedar constancia documental que acredite a realización e validación de todas as actividades formativas de interese relacionadas co desenvolvemento da tese de doutoramento.

4. As persoas doutorandas anotarán no seu documento de actividades en cada curso académico aquelas que realicen no contexto do programa e da tese, dentro dos prazos marcados pola Universidade. Os rexistros do documento de actividades serán posteriormente valorados e validados polo perfil autorizado e avaliado anualmente pola CAPD.

Artigo 30. Plan de investigación e plan de formación persoal

1. O plan de investigación proporcionará a información relativa á investigación que levará a cabo unha persoa doutoranda, incluíndo o estado da arte da investigación que se vai desenvolver, a metodoloxía que se empregará, os obxectivos que se prentenden acadar, ademais dos medios e a planificación temporal para facelo. A lingua en que se redacten os plans de investigación e de formación deberá corresponderse coa lingua de redacción da tese de doutoramento.

2. O plan de formación da persoa doutoranda contará cunha previsión das distintas actividades formativas que se desenvolverán durante o período de formación doutoral para complementar a súa formación académica en termos de coñecemento, competencias e habilidades, tanto transversais como específicas, así como a súa formación investigadora. Como mínimo, o plan de formación deberá conter aquelas actividades de formación de carácter obrigatorio establecidas por parte do programa de doutoramento na memoria de verificación da titulación.

3. No seu primeiro curso académico, as persoas doutorandas deberán presentar os plans de investigación e de formación antes de que finalicen os seis primeiros meses naturais desde a data da súa matrícula e, en todo caso, antes de finalizar o primeiro curso académico. Os plans deberán ser aprobados pola CAPD, logo de informe do perfil autorizado, quen deberá informar as demais persoas que exerzan a dirección e/ou titorización da tese, segundo corresponda.

4. A non presentación pola persoa doutoranda do plan de investigación e do plan de formación no prazo marcado pola Universidade será causa de baixa definitiva no programa de doutoramento, segundo o recollido no artigo 23 deste regulamento.

5. O plan de investigación e o plan de formación poderanse modificar, mellorar e detallar ao longo da permanencia da persoa doutoranda no programa mediante a presentación de novos plans, que contarán co aval do perfil autorizado, quen deberá informar as demais persoas directoras e/ou titora, segundo corresponda, así como coa aprobación da CAPD.

6. No caso de rexeitamento do plan de investigación e/ou do plan de formación pola CAPD, que será debidamente motivado, a persoa doutoranda deberá presentar un novo plan de investigación e/ou de formación no prazo marcado pola CAPD, que non poderá exceder os tres meses desde a data de rexeitamento do plan inicial. A non presentación do plan de investigación e/ou do plan de formación, ou unha segunda valoración negativa por parte da CAPD, supoñerá o rexeitamento definitivo do plan de investigación e/ou do plan de formación e, polo tanto, a baixa definitiva da persoa doutoranda no programa de doutoramento.

Artigo 31. Avaliación anual

1. Anualmente, a CAPD avaliará o progreso da persoa doutoranda tendo en conta o plan de investigación, o plan de formación e o documento de actividades, para o cal dispoñerá dos informes que deberá emitir o perfil autorizado.

2. No caso de que a CAPD detecte carencias importantes e, polo tanto, a persoa doutoranda reciba unha avaliación anual negativa, que será debidamente motivada mediante informe da CAPD, aquela deberá ser reavaliada segundo o prazo fixado pola Universidade, que nunca excederá os seis meses desde a anterior avaliación, para demostrar a superación das carencias sinaladas previamente pola CAPD.

3. No caso de que as ditas carencias continúen existindo, a CAPD deberá emitir un informe negativo definitivo debidamente motivado, logo de audiencia á persoa interesada. Contra a avaliación negativa definitiva, a persoa doutoranda poderá solicitar a súa revisión de forma motivada ante a CAPD nos prazos marcados pola USC.

4. No caso de desestimación da súa reclamación, a persoa doutoranda causará baixa definitiva no programa mediante resolución reitoral. Contra esta resolución, a persoa doutoranda poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante o reitor ou reitora.

Artigo 32. Mobilidade das persoas doutorandas

1. A mobilidade consiste no desenvolvemento dunha ou máis estadías de investigación realizadas durante os estudos de doutoramento nunha institución externa respecto daquela en que a persoa doutoranda estea matriculada, co fin de completar algunha das fases do desenvolvemento da súa tese.

2. No ámbito dos estudos de doutoramento, neste regulamento diferéncianse dous tipos de estadías:

a) A mobilidade entrante, que se define como a estadía das persoas doutorandas doutras universidades na USC. Para elas, requirirase a formalización dunha matrícula por estadía nun dos programas de doutoramento da Universidade, logo de aceptación pola CAPD do dito programa, e a asignación dunha persoa investigadora do programa como titora da estadía.

b) A mobilidade saínte, que comprende todas as estadías das persoas doutorandas da USC noutras universidades, centros de investigación, institucións, entidades, empresas ou administracións en que realizarán actividades directamente relacionadas co desenvolvemento da tese. Dentro desta categoría encóntranse tanto as estadías que permitirán optar á mención internacional como aquelas que non, con independencia da orixe do seu financiamento.

Para a realización das mobilidades saíntes é imprescindible o informe previo e favorable da persoa que dirixe a tese e da CAPD do programa en que estea matriculada a persoa doutoranda, así como o informe da CAPD unha vez realizada a estadía. Este último formalizarase a través do documento de actividades da persoa doutoranda e do informe anual, logo de presentación da certificación xustificativa da estadía emitida polo centro receptor.

3. As estadías de mobilidade relacionadas coas teses en cotutela establecidas mediante convenio rexeranse segundo o establecido neste regulamento ou convenio específico formalizado para cada persoa doutoranda que desenvolva a súa tese nesta modalidade.

Artigo 33. Resolución de queixas, controversias e recursos

1. As controversias que xurdan en relación cos axentes implicados no desenvolvemento do programa e a tese de doutoramento serán presentadas polas persoas interesadas ante a CAPD do seu programa de doutoramento ou ante a EDIUS, dependendo de cal sexa o órgano que ten en primeira instancia a competencia sobre o contido da queixa ou reclamación. As competencias dos distintos órganos están recollidas no Regulamento de réxime interno da EDIUS.

2. No caso de conflitos interpersoais cuxa competencia sexa exercida pola EDIUS, a Comisión de Calidade, como órgano interno con competencias para a análise e resolución de conflitos, será a encargada de mediar entre as partes. Os ditames desta comisión terán carácter de recomendación e non excluirán a posibilidade de que as partes, unha vez emitido o ditame, se acollan, en caso de perdurar o seu desacordo, aos procedementos oficiais de reclamación previstos pola normativa da USC.

3. Os acordos dos órganos colexiados da EDIUS serán executados pola persoa que exerza a súa dirección. Os acordos das CAPD serán executados pola coordinación do correspondente programa de doutoramento. Contra estas resolucións poderase presentar recurso de alzada, perante o reitor ou reitora, conforme as disposicións establecidas nos estatutos da Universidade.

CAPÍTULO VI

A tese de doutoramento

Artigo 34. A tese de doutoramento

1. A tese de doutoramento consistirá nun traballo orixinal de investigación relacionado co campo científico, técnico ou artístico do programa de doutoramento cursado pola persoa doutoranda, que deberá capacitala para o traballo autónomo no ámbito da I+D+i.

2. A tese de doutoramento deberá incluír, como mínimo, un resumo, unha introdución, os obxectivos e hipóteses, a metodoloxía xeral, a análise dos resultados e a súa discusión, as conclusións xerais e a bibliografía. Estas partes deberán indicarse de xeito claro na tese para facilitar a súa identificación e lectura.

3. A CAPD autorizará unha tese para o seu depósito e defensa sempre que cumpra os criterios de calidade recollidos na memoria de verificación do programa de doutoramento.

4. Se na tese se fai uso ou se reproduce parcial ou totalmente os contidos dunha ou máis contribucións derivadas da investigación desenvolvida polo persoa doutoranda durante a súa etapa de formación doutoral, deberán observarse os seguintes requisitos:

a) Incluír ao comezo da tese a relación de contribucións que achegan contidos a esta, especificando:

i. O nome e a filiación de todas as persoas coautoras e a súa orde, así como a referencia completa das contribucións, a editorial e o ISSN ou ISBN para os libros e capítulos de libro. No caso de contribucións con aceptación definitiva e que no momento da presentación da tese aínda non estivesen publicadas, engadirase o seu código de identificación (o DOI nas publicacións dixitais), de ser o caso.

ii. Os indicios de calidade das contribucións, como o factor de impacto das revistas en que se encontran no ano de publicación, a posición relativa na categoría a que pertencen e/ou outros significativos.

iii. Indicación dos capítulos en que se inclúen ou reproducen os contidos das contribucións.

iv. No caso de coautoría nas contribucións, identificación clara e inequívoca das achegas da persoa doutoranda.

b) Incluír como anexos da tese:

i. A autorización da revista/editorial para o uso do material derivado das contribucións presentes na tese de doutoramento no caso de que se excedan os límites recollidos na normativa estatal que regula os dereitos de propiedade intelectual e de explotación. De non contar coa dita autorización, a persoa doutoranda deberá prover unha versión publicable da tese para o repositorio institucional cos contidos dos que se careza de autorización modificados convenientemente, de tal forma que non se contraveñan os dereitos de explotación da editorial.

ii. No caso de publicacións en acceso aberto, indicación expresa do tipo de licenza e/ou ligazón á declaración de libre acceso por parte da revista ou editorial.

c) As teses monográficas que inclúan contidos derivados de contribucións aceptadas ou publicadas deberán respectar sempre a estrutura formal recollida no artigo 34.2 deste regulamento, polo que non poderán reproducir literalmente as ditas contribucións como un ou máis capítulos ou bloques da tese. Ademais, os contidos presentes nas contribucións científicas que non sexan orixinais da persoa doutoranda só se poderán introducir na tese de forma resumida, co único obxectivo de dotar de comprensibilidade e coherencia o traballo de investigación persoal desenvolvido pola persoa doutoranda.

d) A persoa doutoranda deberá presentar como documentación adicional no momento de solicitude de defensa, unha declaración responsable en que se indique que a súa achega nas contribucións que dan contido á tese é orixinal e substancial, xunto coa identificación detallada da distribución das tarefas realizadas por todas as persoas coautoras. Este documento será tamén asinado pola persoa que dirixe a tese de doutoramento.

Artigo 35. A lingua da tese de doutoramento

1. A tese de doutoramento redactarase, como norma xeral, en galego ou castelán. Ademais, en atención aos vínculos lingüísticos e históricos existentes entre o galego e o portugués, a tese tamén poderá estar redactada en lingua portuguesa.

2. A tese tamén poderá ser escrita e, de ser o caso, defendida nunha das linguas habituais de comunicación dos ámbitos científicos, técnicos ou artísticos do programa de doutoramento, e que serán definidas por cada programa. Nestes casos, deberase incluír ao comezo da tese un resumo en lingua galega non inferior a 3.000 palabras. Poderán tamén incluírse outros resumos de similar extensión noutras linguas.

3. A lingua de redacción da tese será autorizado pola CAPD a través da aprobación dos plans de investigación e de formación da persoa doutoranda.

4. No caso de que a tese se redacte nunha lingua distinta do galego ou castelán, a CAPD deberá garantir que tanto as persoas externas que avalíen a tese como os membros do tribunal proposto estean en condicións de xulgar a tese na lingua correspondente.

5. O título, o resumo, a introdución, os obxectivos e hipóteses, a metodoloxía xeral, a análise dos resultados e a súa discusión, as conclusións xerais e a bibliografía da tese deben estar redactadas na lingua seleccionada, aínda que se poden incluír referencias, mencións, achegas ou apéndices realizados pola persoa doutoranda e/ou por outras persoas autoras na lingua en que foron publicados.

6. Nas teses por compendio de publicacións, o corpo da tese estará redactado na lingua maioritaria das publicacións incluídas no compendio, sempre que non se empregue unha das linguas oficiais da Universidade.

7. As peculiaridades con respecto á lingua no caso das teses que opten á mención de Doutoramento internacional e aquelas en réxime de cotutela establecidas nos artigos 38 e 40 deste regulamento, respectivamente, serán de obrigado cumprimento.

8. A Comisión Executiva da EDIUS velará polo cumprimento do establecido neste artigo.

Artigo 36. Tese con protección de dereitos

1. Enténdese por tese con protección de dereitos aquela que deriva da participación de empresas no proxecto de investigación, na cal existan convenios de confidencialidade e aquela que poida posibilitar a xeración de dereitos de propiedade industrial, por exemplo, en forma de patentes, que recaian sobre o contido e os resultados da tese.

2. Logo de solicitude formal por parte da persoa doutoranda e co aval das persoas que titorizan e dirixen a tese, procederá asinar un compromiso de confidencialidade e custodia que garanta a non difusión dos ditos contidos. Deste compromiso emitirá informe a CAPD do programa e será aprobado pola EDIUS. Ademais, todas as persoas que participen no proceso de avaliación da tese deberán tamén asinar o compromiso de confidencialidade: persoas que exerzan a titorización e a dirección da tese, membros da Comisión Executiva da EDIUS especialistas no campo de coñecemento da tese e membros do tribunal.

3. Este tipo de tese estará sometido á seguinte garantía formal: contará cunha versión reducida, da cal se eliminarán os contidos afectados polo deber de non difundir ou polo deber de segredo ou confidencialidade, e cunha versión completa, que quedará arquivada na EDIUS.

4. A versión reducida da tese de doutoramento, que coincidirá co contido da exposición da persoa doutoranda no acto de defensa público da tese, será a que se presente ante a CAPD e a que se deposite para a súa consulta pola comunidade científica. No caso de que algún membro da CAPD solicite o acceso á versión completa da tese, deberá asinar o consecuente acordo de confidencialidade.

A versión completa seralles entregada aos membros da Comisión Executiva da EDIUS especialistas no campo de coñecemento da tese e aos membros do tribunal para a súa avaliación. Se o tribunal, no acto de defensa, desexa formular cuestións á persoa doutoranda sobre os contidos protexidos, farao nunha sesión privada, con carácter previo ou posterior á defensa pública.

5. No caso de aprobación da tese, a versión reducida será a que se publique no repositorio institucional. Realizadas as oportunas proteccións ou vencido o prazo de confidencialidade, substituirase a dita versión reducida pola tese completa.

Artigo 37. Tese por compendio de publicacións

1. Enténdese por tese por compendio de publicacións aquela que, ademais de cumprir todo o previsto no artigo 34.4, consista nun conxunto de, como mínimo, tres contribucións científicas elaboradas pola persoa doutoranda durante a etapa de realización da tese e que conten coa aceptación definitiva ou estean xa editadas en publicacións de ámbito e prestixio nacional ou internacional relevante con revisión anónima por pares. Estas publicacións deben estar recollidas en revistas de impacto recoñecido no campo científico correspondente; por exemplo, aquelas incluídas no JCR ou en Scopus. Nos campos para os cales non sexa aplicable este criterio, este poderá substituírse polas bases de datos relacionadas pola CNEAI para os respectivos campos. Ademais, polo menos unha das publicacións deberá estar no primeiro tercil da súa categoría. Nas áreas de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas permitirase que as contribucións sexan libros ou capítulos de libro con selo de calidade en edición académica ou que estean incluídos no Scholarly Publishers lndicators in Humanities and Social Sciences.

2. Para que unha tese poida ser presentada na modalidade de tese por compendio de publicacións deberá, ademais, satisfacer os seguintes requisitos adicionais:

a) Nos casos de coautoría das contribucións científicas que forman parte do compendio e cando a orde das persoas asinantes non sexa a alfabética, a persoa doutoranda deberá ser a primeira ou segunda asinante.

b) As contribucións do compendio deberán axustarse ao proxecto de tese recollido no plan de investigación e reflectir claramente a adscrición da persoa doutoranda á USC.

c) A persoa doutoranda deberá, ademais, presentar:

i. Unha declaración xurada en que indique que as contribucións incluídas na tese non forman parte de ningunha outra e que son orixinais e propias.

ii. O informe da persoa que exerce a dirección da tese, no cal se exprese a súa conformidade para a presentación da tese por compendio de publicacións, en que se xustifique que as contribucións presentadas como parte do compendio se axustan ao plan de investigación da persoa doutoranda e no cal se declare que a súa achega é substancial e relevante.

iii. A renuncia por escrito das persoas coautoras non doutoras á presentación das contribucións científicas como parte das súas teses de doutoramento.

3. A estrutura dunha tese por compendio de publicacións deberá ter coherencia por si mesma, con independencia dun desenvolvemento maior a través dos traballos publicados. Para iso, tal estrutura contará, como mínimo:

a) Cunha introdución en que se realice unha presentación do marco teórico no cal se desenvolve o tema da tese e que incluirá, de xeito explícito, unha xustificación razoada da unidade e coherencia temática e metodolóxica da tese.

b) Con hipótese e obxectivos xerais e específicos que se pretenden acadar, indicando en que contribucións se aborda cada un deles.

c) Cunha breve descrición integrada das ferramentas metodolóxicas empregadas.

d) Cunha discusión xeral que dote de coherencia e unidade os diferentes traballos incluídos na tese, de extensión non inferior a 5.000 palabras.

e) Coas conclusións globais da tese.

f) Cunha bibliografía xeral cunha listaxe ordenada das fontes utilizadas.

g) As contribucións científicas do compendio estarán recollidas no propio corpo da tese baixo a epígrafe Resultados: traballos publicados ou aceptados. Incluirase a versión íntegra publicada ou aceptada de cada contribución no suposto de dispoñer da autorización da revista/editorial para ser utilizada na tese. En caso contrario, utilizarase a versión enviada polas persoas autoras principais antes da publicación ou outra acorde coa política de protección de dereitos de autor, explotación e autoarquivamento da revista/editorial.

h) Para os traballos aceptados pero non publicados, inclusión do DOI ou certificados das editoriais correspondentes.

i) Nunha tese por compendio de publicacións poderán incorporase, ademais, outros contidos/resultados da investigación realizados pola persoa doutoranda durante a súa etapa doutoral que aínda non estean publicados. Tales resultados poderanse incorporar como un ou máis capítulos baixo a epígrafe “Resultados: traballos non publicados”, que serán tamén presentados en formato de publicación científica para manter a coherencia na estrutura da tese.

Artigo 38. Tese con mención de Doutoramento internacional

O título de doutora ou doutor poderá incluír no seu anverso a mención Doutoramento internacional sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que, durante o período de formación necesario para a obtención do título de doutora ou doutor, a persoa doutoranda realizase unha ou varias estadías durante un período mínimo de tres meses fóra de España nunha ou varias institucións de ensino superior ou centros de investigación de prestixio, co obxecto de complementar e reforzar a súa formación investigadora. Para estes efectos, non se considerará estadía aquela efectuada no seu país de residencia ou nacionalidade, naquel onde cursase os estudos de acceso ao doutoramento ou no cal está situada a institución onde traballa.

En caso de realizar varias estadías, polo menos unha delas deberá ter unha duración mínima dun mes e ningunha delas unha duración inferior aos sete días. As estadías e as actividades que se van desenvolver deberán ser avaladas pola persoa directora da tese e autorizadas previamente pola CAPD. Unha vez realizadas e validadas pola entidade de acollida, serán incorporadas pola persoa doutoranda no seu documento de actividades. A asistencia a congresos, xornadas, seminarios ou actividades asimilables a estas non se considerará parte dunha estadía para a obtención desta mención.

b) Que, como mínimo, o 25 % da extensión da tese se redacte nunha das linguas habituais para a comunicación científica no seu campo de coñecemento, distinta de calquera das linguas oficiais ou cooficiais en España, ou na lingua do país onde se realizou a estadía de investigación ou, de ser o caso, a maior parte das estadías realizadas. O resumo e as conclusións estarán incluídos obrigatoriamente na extensión mínima do 25 %, que, ademais, deberá corresponder a capítulos ou bloques completos da tese. Os índices, a bibliografía e os anexos non computarán na dita porcentaxe.

c) Que, como mínimo, o 25 % da exposición oral do acto de defensa da tese se realice na lingua habitual para a comunicación científica no seu campo de coñecemento, distinta de calquera das linguas oficiais ou cooficiais en España, ou na lingua do país onde se realizou a estadía de investigación ou, de ser o caso, a maior parte das estadías realizadas.

As alíneas b) e c) non serán de aplicación cando as estadías, os informes e as persoas expertas referidas nas alíneas d) e e) deste artigo procedan dun centro ou institución dun país de fala hispana.

d) Que un mínimo de dúas persoas expertas doutoras pertencentes a algunha institución de educación superior ou instituto de investigación situado fóra do Estado español emitan un informe favorable sobre a tese, de acordo co procedemento que para ese efecto se estableza. As persoas expertas que emitan o informe non poderán coincidir coas persoas investigadoras que realizaron tarefas de titoría ou dirección de traballos da persoa doutoranda na entidade de acollida durante as estadías a que se refire a alínea a) deste artigo.

e) Que polo menos unha persoa experta pertencente a algunha institución de educación superior ou centro de investigación situado fóra do Estado español, co título de doutora ou doutor e distinta da persoa responsable da titorización da estadía de investigación ou, de ser o caso, a maior parte das estadías mencionadas na alínea a) forme parte do tribunal avaliador da tese.

Artigo 39. Tese con mención de Doutoramento industrial

1. A mención de Doutoramento industrial obterase ao realizar os estudos de doutoramento coa colaboración do tecido social e económico co fin de fomentar a colaboración, a transferencia e o intercambio de coñecemento entre o mundo académico e o mundo social e económico, tanto do ámbito público como do privado.

2. A persoa doutoranda poderá obter a mención de Doutoramento industrial sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a tese desenvolva un proxecto de investigación orixinal de interese industrial, comercial, social ou cultural dunha entidade, empresa pública ou privada ou Administración pública. Quedan excluídas as universidades, os organismos públicos de investigación (estatais ou autonómicos) e os hospitais universitarios. De maneira excepcional, poderase realizar esta mención en calquera destas institucións, agás nas universidades, sempre que o contido da tese sexa de carácter eminentemente aplicado.

O proxecto de investigación que se vai desenvolver na entidade, empresa pública ou privada ou Administración pública deberá ter unha duración mínima de 18 meses, que estarán comprendidos dentro do período de elaboración da tese.

A relación directa entre o dito proxecto de investigación e a tese de doutoramento acreditarase mediante unha memoria que terá que ser visada tanto pola Universidade como pola entidade, empresa pública ou privada ou Administración pública, e validada pola persoa responsable da entidade colaboradora e pola persoa directora da tese.

b) Que se subscriba un convenio entre a entidade, empresa pública ou privada ou Administración pública e a Universidade para o desenvolvemento académico da tese de doutoramento. Neste convenio indicaranse as obrigacións da USC e as da entidade, empresa ou Administración pública, os dereitos de propiedade industrial que poidan derivar dos resultados da tese, así como o procedemento de selección da persoa doutoranda. Este convenio estará en vigor, como mínimo, mentres dure a participación da persoa doutoranda no proxecto.

c) Que a persoa doutoranda estea contratada pola entidade, empresa pública ou privada ou Administración pública onde desenvolva o proxecto de investigación, como mínimo, un ano durante o desenvolvemento da tese.

O contrato deberá cumprir os seguintes requisitos:

i. Especificar o tempo de dedicación da persoa doutoranda á elaboración do proxecto de investigación, que non poderá ser inferior ao 50 % da súa xornada laboral.

ii. A súa duración deberá supoñer, polo menos, o 50 % do tempo necesario para a elaboración da tese, entendido este como o tempo de dedicación transcorrido desde a matrícula da persoa doutoranda na USC ata a data de solicitude de defensa da tese pola súa parte.

d) Que a persoa doutoranda conte cunha persoa titora da tese designada polo programa de doutoramento e cunha persoa responsable designada pola entidade, empresa pública ou privada ou Administración pública, quen velará polo correcto desenvolvemento do proxecto de investigación no seo desta. Esta persoa, ademais, poderá exercer a dirección da tese, sempre que cumpra os requisitos para tal fin establecidos no Real decreto 99/2011, do 28 de xuño, e a súa modificación polo Real decreto 576/2023, do 4 de xullo, e neste regulamento. En ningún caso a persoa responsable designada pola entidade, empresa pública ou privada ou Administración pública poderá formar parte do tribunal avaliador da tese.

e) Que a persoa doutoranda, mentres estea contratada para realizar o proxecto de investigación na entidade, empresa pública ou privada ou Administración pública, poida realizar a súa tese baixo as modalidades de tempo parcial ou de tempo completo, atendendo a dita dedicación ao tempo de desenvolvemento da tese dentro da súa xornada laboral.

3. No caso de teses desenvolvidas no marco dunha convocatoria competitiva de financiamento de doutoramentos industriais, poderanse priorizar os requisitos marcados pola dita convocatoria fronte aos establecidos neste artigo, o que non exime da necesidade de aprobación da mención de Doutoramento industrial por parte da Universidade.

Artigo 40. Tese en réxime de cotutela

1. Enténdese como cotutela a dirección conxunta dun traballo de investigación conducente á obtención do título de doutora ou doutor entre a USC e unha ou máis universidades estranxeiras.

2. Unha tese en cotutela implica unha colaboración académica entre as universidades participantes e ten que contar co visto e prace da CAPD da USC en que estea matriculada a persoa doutoranda.

3. O título de doutora ou doutor incluirá no seu anverso a dilixencia Tese en réxime de cotutela coa Universidade U, sempre que concorran as seguintes circunstancias:

a) A sinatura dun convenio entre as partes que regule a cotutela.

b) A admisión e a matrícula anual da persoa doutoranda na etapa de tese en cada unha das universidades participantes na cotutela, así como o cumprimento dos plans de formación dos programas de doutoramento das institucións académicas asinantes do convenio.

c) A realización da tese por parte da persoa doutoranda baixo a supervisión de persoas doutoras de dúas ou máis universidades, das cales unha deberá ser española e o resto estranxeiras.

d) O tempo de preparación da tese non será superior ao prazo máximo establecido no convenio, respectando as normativas de permanencia mínima e máxima das universidades participantes.

e) A realización por parte da persoa doutoranda dunha estadía mínima de seis meses en cada unha das universidades participantes no convenio de cotutela. A estadía ou estadías poderanse realizar en varios períodos.

f) A defensa única da tese nunha das universidades asinantes do convenio de cotutela, o que quedará reflectido no convenio. Neste tamén se indicará a equivalencia entre os sistemas de cualificacións das universidades participantes, así como o mecanismo de recoñecemento de posibles mencións honoríficas.

g) A designación do tribunal que xulgue a tese será realizada pola institución en que se vaia defender a tese de doutoramento. Este tribunal deberá contar con representantes das institucións participantes na cotutela, incluídas as persoas directoras da tese, se así o recolle o convenio.

h) Polo seu traballo doutoral, a persoa doutoranda obterá dous ou máis títulos, un por cada unha das institucións de educación superior responsables do desenvolvemento da tese.

4. A cotutela iniciarase despois da sinatura do convenio e da matrícula nas universidades participantes durante o primeiro ano de permanencia no programa de doutoramento, salvo circunstancias excepcionais, e será considerada válida cando a persoa doutoranda permaneza, como mínimo, 18 meses matriculada nun programa de doutoramento da USC.

5. A CAPD e a Comisión Executiva da EDIUS realizarán o seguimento e o control das teses realizadas en réxime de cotutela.

6. Unha tese en réxime de cotutela poderá redactarse ben na lingua habitual para a comunicación científica no seu campo de coñecemento ou ben nunha das linguas oficiais das universidades asinantes do convenio. Neste último caso, deberá asegurarse de que a lingua elixida é comprensible para os membros da CAPD, para a Comisión Executiva da EDIUS e para o tribunal que avalíe a tese.

7. As teses en cotutela poderán igualmente dar lugar á inclusión da mención de Doutoramento internacional no título de doutora ou doutor, sempre que se realicen estadías en institucións diferentes das propias do convenio formalizado e se cumpran os demais requisitos para a obtención desta mención recollidos no artigo 38 deste regulamento.

Para os efectos de valorar as estadías requiridas, a EDIUS poderá ter en conta as realizadas con carácter previo á sinatura do convenio de cotutela, sempre que a persoa doutoranda estivese matriculada nun programa de doutoramento. Na USC, a modalidade de matrícula poderá ser tanto a ordinaria como a de matrícula por estadía, e a CAPD deberá avaliar que se levaron a cabo traballos directamente relacionados co tema da tese durante a dita estadía. No caso de estadías realizadas nas outras universidades, serán estas as que acrediten a súa validez.

8. Para o recoñecemento dunha tese en cotutela defendida fóra da USC, será necesario o informe favorable da Comisión Executiva da EDIUS en que avale a súa calidade, de maneira análoga ao informe emitido para as teses que se defenden na Universidade.

No caso de que a defensa dunha tese en réxime de cotutela non sexa autorizada por unha das universidades participantes, o convenio de cotutela quedará sen efecto, o que non impedirá que a tese se leve a termo na universidade ou universidades onde si foi autorizada.

9. No caso das teses en réxime de cotutela que non sexas defendidas na USC, unha vez autorizada a súa defensa pola EDIUS e realizada a avaliación favorable por parte do tribunal, a USC procederá á expedición do título de doutora ou doutor coa mención de tese en réxime de cotutela. En todo caso, deberá outorgarse unha cualificación da tese equivalente á do sistema español, de conformidade co establecido no convenio.

10. A través da sintura do convenio, as universidades estranxeiras participantes na cotutela avalan o cumprimento dos méritos requiridos no artigo 26 deste regulamento para que exerza a dirección de teses o profesorado ou persoal investigador desa universidade, e exclusivamente para a tese obxecto da cotutela.

CAPÍTULO VII

Depósito, autorización e defensa da tese de doutoramento

Artigo 41. Autorización da defensa da tese

1. Finalizada a elaboración da tese, a persoa doutoranda solicitará a autorización para a tramitación da defensa da súa tese, para o cal será necesario o informe da persoa ou persoas que a dirixen e daquela que a titoriza.

2. A tese deberá contar cun mínimo de dous informes emitidos por persoas doutoras expertas na materia, externas á Universidade, que poderán propoñer aspectos de mellora. Os ditos informes serán xestionados desde o programa de doutoramento mediante o procedemento que este ditamine. Estas persoas expertas externas poderán formar parte do tribunal que avalíe a tese.

3. A CAPD dispoñerá dun prazo máximo de dous meses desde a presentación da tese pola persoa doutoranda para a remisión á EDIUS do seu informe. Este informe poderá ser:

a) Favorable. Neste caso, remitiranse á EDIUS o exemplar da tese, a documentación asociada e unha proposta dos posibles membros do tribunal que a xulgará.

b) Condicionado á necesidade de correccións adicionais da tese, en particular aquelas derivadas dos informes das persoas expertas externas, con indicación do prazo fixado á persoa doutoranda para a presentación das alegacións e/ou das modificacións solicitadas, que non poderá exceder os tres meses. A non presentación pola persoa doutoranda das modificacións requiridas no prazo marcado pola CAPD implicará de forma automática o informe desfavorable. No caso de que se presenten as modificacións ou correccións da tese en prazo, a CAPD dispoñerá, desde a data de presentación do requirido, dun prazo máximo dun mes para remisión á EDIUS do informe, neste caso favorable ou desfavorable.

c) Desfavorable, que deberá estar suficientemente motivado academicamente.

4. Tras o informe favorable da CAPD e a comprobación de que o expediente está completo e correcto, abrirase un período de exposición pública de dez días hábiles en período lectivo, garantindo así a máxima difusión institucional para que calquera persoa doutora poida examinar a tese e formular por escrito, de ser o caso, as alegacións que considere oportunas, dirixidas á EDIUS.

5. Finalizado o período de exposición pública, a EDIUS autorizará ou non a defensa da tese tras a súa valoración, tendo en conta o informe da CAPD e as alegacións recibidas, de ser o caso, e sen prexuízo de convocar ou solicitarlles informe á persoa doutoranda, á persoa directora da tese e á CAPD e/ou contar co asesoramento doutras persoas doutoras especialistas na materia.

6. No caso de denegación da continuidade da tramitación, a Dirección da EDIUS ditará resolución debidamente motivada en que indique os defectos que se deberán corrixir na tese antes de proceder a unha nova solicitude de defensa.

7. No caso de autorización da defensa da tese, procederase ao nomeamento dos membros do tribunal e á comunicación da dita designación.

8. O prazo máximo para o acto da defensa da tese é o indicado no artigo 43.5.

Artigo 42. Tribunal avaliador da tese

1. A CAPD, oída a persoa directora da tese (e, de ser o caso, a persoa titora), propoñerá unha relación de oito membros para o tribunal que a avaliará.

2. No caso de autorizar a trámite a defensa da tese, a EDIUS designará o tribunal encargado de xulgala, entre os oito membros propostos pola CAPD.

3. O tribunal contará con tres membros titulares e tres suplentes, un por cada titular, agás nos casos de teses que posúan interdisciplinariedade temática, en que o tribunal poderá estar conformado por cinco membros titulares e cinco suplentes, sempre que se observen os límites orzamentarios que estableza o Consello de Goberno. Para a súa conformación, os tribunais respectarán os seguintes requisitos xerais:

a) Todos os membros que integren o tribunal deberán estar en posesión do título de doutora ou doutor e contar con experiencia investigadora acreditada no campo de coñecemento da tese de doutoramento, nos termos recollidos no artigo 25.3.a). En todo caso, o tribunal estará formado por unha maioría de membros externos á USC e ao programa de doutoramento, e garantirase unha composición equilibrada de homes e mulleres tal e como indica a disposición adicional primeira da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Para a conformación dos tribunais de teses, considerarase persoal asimilado á USC:

i. O profesorado xubilado da Universidade.

ii. O persoal investigador contratado de centros e institutos mixtos de investigación en que participe a USC.

iii. O profesorado alleo á Universidade que forme parte do programa de doutoramento.

b) O tribunal titular non poderá estar formado por máis dun membro dunha mesma institución ou persoal asimilado desa institución, excepto nos casos das teses en cotutela en que o número de membros do tribunal sexa superior a tres, segundo o establecido no correspondente convenio.

c) Non poderán ser membros do tribunal:

i. As persoas que exerzan a dirección da tese de doutoramento e, de ser o caso, a súa titorización, salvo nos casos de teses en cotutela ou con acordos bilaterais con universidades estranxeiras en que así o especifique o correspondente convenio.

ii. As persoas coautoras das publicacións derivadas da tese.

iii. As persoas que incorran en calquera dos motivos de abstención establecidos no número 2 do artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

iv. As persoas doutoras que se encontren en situación de baixa laboral.

4. O profesorado universitario que estea en situación de excedencia, servizos especiais ou en comisión de servizos poderá formar parte dos tribunais de teses de doutoramento. No caso de excedencias ou comisións que comporten unha prestación de servizos noutra universidade, centro de investigación ou Administración pública, considerarase que o profesorado pertence á institución en que estea a prestar os seus servizos.

5. Na designación do tribunal deberanse observar, de ser o caso, os seguintes requisitos especiais:

a) Para as teses de doutoramento en réxime de cotutela vía convenio ou de programas derivados de convocatorias competitivas estatais ou internacionais que así o teñan establecido e cuxo acto de defensa se realiza na USC, o número de membros titulares do tribunal e a súa composición concreta determinaranse no preceptivo convenio.

b) Para a obtención do título de doutora ou doutor con mención de Doutoramento internacional, terá que formar parte do tribunal titular, cando menos, unha persoa experta que sexa doutora pertencente a unha institución de ensino superior ou centro de investigación estranxeiro que non sexa a responsable da titorización da estadía de investigación, ou de ser o caso, da maior parte das estadías indicadas no artigo 38 deste regulamento. Neste caso, nomearase unha persoa doutora pertencente a unha institución de ensino superior ou centro de investigación estranxeiro como membro titular e outra como suplente.

Artigo 43. Defensa da tese

1. Unha vez autorizada a defensa pública da tese pola EDIUS, a persoa doutoranda deberá efectuar o pagamento dos prezos dos dereitos de exame do grao de doutora ou doutor.

2. Con carácter previo ao acto público de defensa da tese, o tribunal avaliador dispoñerá do documento de actividades da persoa doutoranda coas actividades formativas levadas a cabo e os informes das persoas expertas externas, así como, de ser o caso, a resposta da persoa doutoranda aos ditos informes. O documento de actividades non dará lugar a unha puntuación cuantitativa, pero si constituirá un instrumento de avaliación cualitativa que complementará a avaliación da tese de doutoramento.

3. O acto de defensa pública da tese de doutoramento consistirá na exposición oral pola persoa doutoranda do traballo de investigación realizado, a súa metodoloxía, contidos e as súas conclusións, facendo especial mención das súas achegas orixinais.

4. No acto de defensa da tese, os membros do tribunal deberán expresar a súa opinión sobre esta e poderán formular cantas cuestións e obxeccións consideren oportunas, ás cales a persoa doutoranda deberá responder. As persoas doutoras presentes no acto poderán formular cuestións e obxeccións, ás cales a persoa doutoranda deberá tamén responder, todo isto no momento e na forma que sinale a Presidencia do tribunal.

5. A defensa da tese terá lugar nun prazo máximo de tres meses que se deberán contar desde o día seguinte ao da súa autorización pola EDIUS, excepto causas debidamente xustificadas non imputables á persoa doutoranda e logo de autorización da EDIUS. De se superar este prazo, deberán reiniciarse os trámites para a autorización da defensa da tese pola EDIUS.

6. A persoa secretaria do tribunal, por orde da Presidencia deste, convocará o acto de defensa da tese cunha antelación mínima de sete días naturais, indicando o día, a hora e o lugar, de todo o cal dará comunicación á CAPD. A Universidade fará a publicidade pertinente.

7. A defensa da tese deberase realizar nunha sesión pública durante o período lectivo do calendario académico nun centro da USC.

8. A defensa da tese poderá ser presencial, híbrida ou telemática.

a) Terá a consideración de defensa presencial aquela en que a persoa doutoranda e a maioría dos membros do tribunal, así como as demais persoas asistentes, estean de forma presencial no acto.

b) A defensa híbrida será aquela en que a persoa doutoranda e, polo menos, un membro do tribunal se encontren de xeito presencial no acto de defensa, e o resto de participantes podrá asistir de xeito presencial ou telemático.

c) Finalmente, a defensa telemática será aquela en que todos os membros do tribunal e a persoa doutoranda participen no acto de defensa de maneira non presencial. En todo caso, a realización do acto de defensa por medios telemáticos estará supeditada a que se garantan os requisitos técnicos e administrativos necesarios para a defensa da tese.

9. A reitora ou o reitor poderá permitir a realización do acto de defensa presencial en universidades, entidades ou organismos colaboradores diferentes da USC.

10. Se, antes do acto de defensa, algún membro do tribunal titular non pode asistir, incorporarase o suplente correspondente. Excepcionalmente, por motivos de imposibilidade de constitución do tribunal, e logo de solicitude da CAPD, a Dirección da EDIUS poderá cambiar a condición dos membros do tribunal respectando o establecido neste regulamento.

11. No caso de imposibilidade de constitución do tribunal, a Presidencia deste poderá convocar un novo acto dentro dos dous días seguintes ou fixar unha nova data que respecte un prazo mínimo de sete días de publicidade e non supere os tres meses desde a data de autorización da defensa da tese.

CAPÍTULO VIII

O título de doutora ou doutor

Artigo 44. Cualificación da tese de doutoramento

1. Concluído o acto de defensa da tese, o tribunal emitirá un informe sobre esta e expresará a cualificación global concedida de acordo coa seguinte escala: non apto, aprobado, notable e sobresaliente. A Presidencia do tribunal comunicará, en sesión pública, a cualificación outorgada.

2. A persoa que exerza a Secretaría do tribunal levantará a acta de colación do título de doutora ou doutor, que incluirá información relativa ao desenvolvemento do acto de defensa da tese e a expresión da cualificación outorgada. Se se opta á mención de Doutoramento internacional e/ou á mención de Doutoramento industrial, a persoa secretaria do tribunal incluirá na acta correspondente de colación do título a certificación de que se cumpren os requisitos exixidos.

3. O tribunal poderá propoñer que a tese obteña a mención de cum laude se a cualificación global é de sobresaliente e se emite en tal sentido o voto secreto positivo por unanimidade. A concesión final da dita mención realizarase con posterioridade, en sesión diferente á da defensa da tese.

4. A persoa secretaria do tribunal será a responsable da custodia da documentación correspondente á defensa da tese e deberá remitila, debidamente cuberta, ao Servizo de Xestión Académica no prazo máximo de cinco días hábiles posteriores ao da defensa da tese, para o seu arquivamento e documentación. Calquera outra situación poderá ser regulada por instrución da Secretaría Xeral.

Artigo 45. Arquivamento da tese de doutoramento

1. Concluído o procedemento para a obtención do título de doutora ou doutor, a USC procederá ao arquivamento da tese en formato electrónico e en acceso aberto no repositorio institucional Minerva, e remitirá un exemplar da tese, en formato electrónico, así como toda a información complementaria que sexa necesaria, ao ministerio competente na materia para a súa publicación nun repositorio estatal.

2. Nas teses con protección de dereitos a que se refire o artigo 36 deste regulamento, os procedementos que garantan o cumprimento dos ditos dereitos habilitaranse mediante acordo do Comité de Dirección da EDIUS.

3. En circunstancias excepcionais xustificadas, a persoa doutoranda poderá solicitar o aprazamento da publicación da súa tese no repositorio institucional por un período máximo de doce (12) meses ante a EDIUS, que resolverá a petición. En caso de denegación, a persoa doutoranda poderá presentar recurso ante a reitora ou o reitor.

Artigo 46. Título de doutora ou doutor

1. A superación dos estudos de doutoramento dará dereito á obtención do título de doutora ou doutor, coa denominación que figure no RUCT.

2. No caso de programas de doutoramento exclusivos da USC, a denominación dos títulos de doutora ou doutor será doutora ou doutor pola Universidade de Santiago de Compostela.

3. Así mesmo, a expedición material do título incluirá información que especifique o programa de doutoramento cursado, ademais das mencións que correspondan (cum laude, Doutoramento internacional, Doutoramento industrial), de acordo co establecido ao respecto na normativa sobre expedición de títulos universitarios oficiais. As teses en réxime de cotutela levarán unha dilixencia no anverso do título co texto Tese en réxime de cotutela coa Universidade U, ou a que estableza a normativa vixente.

4. Para os programas xurdidos de convocatorias competitivas estatais ou europeas e programas interuniversitarios, actuarase segundo os convenios e acordos establecidos e a lexislación estatal na materia.

CAPÍTULO IX

O premio extraordinario de doutoramento

Artigo 47. Premio extraordinario de doutoramento

1. As teses de doutoramento defendidas na USC que acaden a cualificación de sobresaliente cum laude e que resulten especialmente meritorias poderán ser obxecto da mención honorífica de Premio extraordinario de doutoramento, cunha proposta de premio extraordinario por cada dez teses defendidas ou fracción.

2. O Consello de Goberno aprobará as bases xerais de concesión dos premios extraordinarios e o Comité de Dirección da EDIUS, a convocatoria específica anual, na cal se incluirá a relación de criterios xerais e específicos, de ser o caso, que se aplicarán na selección das teses para a obtención do premio. A EDIUS velará en todo momento polo cumprimento da convocatoria.

3. A EDIUS nomeará anualmente os tribunais encargados de elaborar a proposta de concesión dos premios extraordinarios de doutoramento. Os requisitos para poder ser membro do tribunal estarán recollidos na convocatoria anual.

4. Os tribunais enviarán as propostas de concesión á EDIUS para a súa posterior aprobación polo Consello de Goberno. O Servizo de Xestión Académica notificaralles ás persoas adxudicatarias a concesión do premio e anotarano no seu expediente académico.

CAPÍTULO X

Dereitos e deberes das persoas doutorandas, titoras
e directoras adscritas á EDIUS

Artigo 48. Dereitos e deberes das persoas doutorandas adscritas á EDIUS

1. Son dereitos e deberes das persoas doutorandas adscritas á EDIUS os establecidos no Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do estudante universitario, os establecidos nos estatutos da Universidade, de ser o caso, os incluídos no compromiso documental de supervisión e no Código de boas prácticas da EDIUS e, de ser o caso, aqueles fixados no Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación e os que se citan a continuación, sen prexuízo doutros que se poidan establecer por lei.

2. Son dereitos das persoas doutorandas:

a) Recibir unha formación investigadora de calidade, que promova a excelencia científica e atenda á equidade e á responsabilidade social.

b) Contar cunha persoa titora que oriente o seu proceso formativo, así como cunha ou máis persoas directoras que supervisen a realización da tese de doutoramento.

c) Solicitar, razoadamente, a designación dunha persoa que exerza a dirección da de tese ou a substitución da persoa titora e/ou a persoa directora.

d) Solicitar, de forma xustificada, a dedicación a tempo parcial, as prórrogas ou baixas temporais.

e) Ter acceso aos recursos necesarios para o desenvolvemento da súa tese de doutoramento.

f) Procurar a súa integración en grupos e redes de investigación.

g) Coñecer a carreira profesional de investigación e que se promovan oportunidades para o seu desenvolvemento.

h) Recibir orientación profesional por parte das persoas directoras de tese, independentemente da súa situación contractual.

i) Participar en programas e convocatorias de axudas para a formación investigadora e para a mobilidade nacional e internacional.

j) Contar co recoñecemento e coñecer os mecanismos de protección da propiedade intelectual, industrial e de explotación a partir dos resultados da tese de doutoramento e dos traballos de investigación, nos termos que se establecen na lexislación vixente na materia.

k) Ser recoñecidas, mencionadas e/ou citadas, dentro das súas contribucións reais, como persoas coautoras de traballos, artigos, comunicacións, informes, patentes e outros en que participasen de maneira relevante.

l) Ser consideradas persoal investigador en formación, de conformidade co indicado no Estatuto do persoal investigador, na Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, na Carta europea do investigador e no Real decreto 99/2011, do 28 de xuño, e a súa modificación polo Real decreto 576/2023, do 4 de xullo.

m) Ter representación nos órganos de goberno como persoal investigador en formación nos termos establecidos nos estatutos da Universidade e nos seus regulamentos.

n) Participar no seguimento dos programas de doutoramento e nos procesos de avaliación institucional, nos termos previstos no SGIC e demais normativa vixente.

3. Son deberes das persoas doutorandas:

a) Formalizar a matrícula e aboar os prezos públicos establecidos en todos os cursos académicos de forma sucesiva, desde a admisión no programa ata a defensa de tese.

b) Desenvolver as actividades formativas programadas nos estudos de doutoramento, documentalas no rexistro individualizado de control, levar a cabo a investigación e formación obxecto dos plans de investigación e de formación persoal baixo o seguimento e supervisión das persoas que exerzan a titorización e dirección da tese.

c) Aceptar, asinar e respectar o compromiso documental de supervisión.

d) Atender, observar e seguir as indicacións e recomendacións que lles fagan as persoas que exerzan a titorización e dirección da tese en relación coas actividades formativas programadas e a investigación desenvolvida, e informalas das iniciativas propias.

e) Informar regularmente as persoas que exerzan a titorización e a dirección da tese da realización de tales actividades formativas e da evolución do traballo de investigación, dos resultados obtidos e dos problemas que poidan aparecer no seu desenvolvemento.

f) Presentar, nos prazos establecidos pola CAPD, os plans de investigación e de formación persoal, así como a documentación xustificativa das actividades realizadas e incluídas no documento de actividades individualizado, para someterse á avaliación da actividade realizada no prazo previsto pola normativa.

g) Observar os principios e prácticas éticas fundamentais e recoñecidos correspondentes ás súas disciplinas, así como as normas éticas recollidas nos diversos códigos deontolóxicos estatais, sectoriais ou institucionais.

h) Garantir, na medida en que sexa posible, que o seu traballo sexa relevante para a sociedade e non duplique outro realizado previamente, evitando o plaxio de todo tipo e respectando a propiedade intelectual conxunta de datos cando a investigación sexa realizada en colaboración con outras persoas investigadoras.

i) Seguir en todo momento prácticas de traballo seguras, conforme a lexislación estatal, incluída a adopción das precaucións necesarias en materia de saúde, seguridade e recuperación de accidentes informáticos, e respectar o Código de boas prácticas en investigación e o Código de boas prácticas da EDIUS.

j) Cumprir as normas e condicións relativas á publicación, autoría, propiedade intelectual e industrial e os dereitos de autor.

k) Gardar a debida confidencialidade sobre o desenvolvemento do seu traballo, manter en segredo a información obtida e empregala exclusivamente, cando proceda, co obxecto de realizar a tese de doutoramento.

l) Fomentar a Ciencia Aberta e a Ciencia Cidadá a través da difusión por diversos medios das súas actividades de investigación á sociedade e dunha forma que poida ser comprendida polas persoas non especialistas, contribuíndo así a diseminar e mellorar a comprensión da ciencia por parte do público, co fin de que se considere o coñecemento científico como un ben común.

m) Someterse ás regras de organización e uso de bens e equipos do centro onde realice a investigación e facer bo uso deles.

n) Coñecer os mecanismos de financiamento, de ser o caso, e solicitar todos os permisos necesarios antes de iniciar o seu traballo ou acceder aos recursos proporcionados.

o) Informar as persoas que exerzan a titorización e dirección da tese se o obxectivo de investigación se atrasa, se redefine, se completa, se abandona ou se suspende.

4. No compromiso documental de supervisión asinado pola Universidade e a persoa doutoranda farase referencia a estes dereitos e deberes.

Artigo 49. Dereitos e deberes das persoas titoras e directoras de teses de programas adscritos á EDIUS

1. Son dereitos e deberes das persoas titoras e directoras de teses de programas adscritos á EDIUS os incluídos no compromiso documental de supervisión e no Código de boas prácticas da EDIUS, así como os que se citan a continuación, sen prexuízo doutros que se poidan establecer por lei.

2. Son dereitos das persoas titoras e directoras de teses:

a) Formar parte da EDIUS, de acordo coas normas establecidas no Regulamento dos estudos de doutoramento da Universidade e no Regulamento de réxime interno da propia EDIUS.

b) Establecer e trasladar á persoa doutoranda as pautas, criterios e metodoloxías que considere adecuados para a elaboración da investigación que titorizan ou dirixen, así como da formación que debe realizar.

c) Recibir información completa e puntual do progreso da investigación realizada pola persoa doutoranda e dos resultados obtidos, así como das actividades formativas realizadas.

d) Presentar a renuncia motivada á titorización ou á dirección dunha tese de doutoramento.

e) Ser oídas nas solicitudes de prórroga, baixas, avaliación dos plans de investigación e de formación persoal e calquera outro asunto que afecte as actividades que desenvolvan as persoas doutorandas que titorizan ou dirixen.

f) Informar sobre a pertinencia do inicio de depósito dunha tese titorizada ou dirixida.

g) Recibir o recoñecemento que proceda pola dirección ou titorización de tese, como parte da dedicación docente e investigadora do profesorado.

h) Participar en actividades de formación para persoas titoras e directoras de tese que poidan ser ofertadas pola EDIUS, para cumprir de forma responsable coas funcións de supervisión das persoas doutorandas.

i) Todos aqueles que sexan recoñecidos pola lexislación, os estatutos e as normas propias da Universidade.

3. Á persoa que exerce a titorización correspóndelle:

a) Velar pola adecuada interacción da persoa doutoranda coa CAPD e colaborar coa Dirección de tese asesorándoa no proceso de formación da persoa doutoranda, facilitando información, orientación e recursos para a aprendizaxe.

b) Velar pola adecuación da formación da actividade investigadora da persoa doutoranda ás liñas do programa de doutoramento correspondente.

c) Orientar a persoa doutoranda nas actividades docentes e de investigación do programa.

d) Aceptar, asinar e respectar o compromiso documental de supervisión da tese.

e) Subscribir o seu compromiso de cumprir o Código de boas prácticas da EDIUS.

f) No caso de que as persoas que exercen a dirección da tese sexan persoal docente e/ou investigador alleo á USC, avaliar as estadías e actividades necesarias para a obtención da mención de Doutoramento internacional ou a memoria de traballo e actividades desenvolvidas para a obtención da mención de Doutoramento industrial.

g) Todas aquelas obrigacións establecidas na lexislación xeral, na normativa da Comunidade Autónoma e nos estatutos e normas propias da USC.

4. Á persoa que exerce a dirección da tese correspóndelle:

a) Dirixir as tarefas de investigación e supervisar a formación da persoa doutoranda, de maneira que se asegure a coherencia e idoneidade das actividades formativas, do impacto e novidade da tese, así como da adecuada planificación da investigación.

b) Facilitar a configuración do itinerario curricular das persoas doutorandas baixo a súa dirección.

c) Facilitalle á persoa doutoranda os medios e o contorno científico adecuado.

d) Encomendarlle á persoa doutoranda actividades que estean exclusivamente relacionadas coa súa condición de persoal investigador en formación.

e) Aceptar, asinar e respectar o compromiso documental de supervisión da tese.

f) Avaliar o plan de investigación e as actividades realizadas no ámbito da tese para realizar o informe anual da persoa doutoranda. Neste documento terán en conta tanto as actividades realizadas como o desenvolvemento dos plans de investigación e de formación, segundo o procedemento establecido pola Universidade.

g) Velar por que as persoas doutorandas sigan prácticas de traballo seguras e acordes cos principios éticos da súa especialidade e conforme a lexislación vixente, para o cal establecerán o plan formativo necesario.

h) Velar por que as persoas doutorandas adopten as medidas necesarias para cumprir coas exixencias legais en materia de protección de datos e confidencialidade, para o cal establecerán o plan formativo necesario.

i) Velar por que as persoas doutorandas coñezan e cumpran as condicións relativas á propiedade intelectual e industrial, para o cal establecerán o plan formativo necesario.

j) Velar por que as persoas doutorandas coñezan os obxectivos estratéxicos que rexen o seu ámbito de actividade e os mecanismos de financiamento.

k) Instar as persoas doutorandas a que soliciten todos os permisos necesarios ou realicen a formación preliminar necesaria antes de iniciar o seu traballo ou acceder aos recursos proporcionados.

l) Subscribir o seu compromiso de cumprir o Código de boas prácticas da EDIUS.

m) Avaliar as estadías e as actividades necesarias para a obtención da mención de Doutoramento internacional ou a memoria de traballo e actividades desenvolvidas para a obtención da mención de Doutoramento industrial.

5. Cada persoa doutoranda contará cun perfil autorizado, que será aquela persoa que, sendo titora ou directora, se compromete a dar traslado á aplicación informática dos informes necesarios para o seu seguimento, regulado polo Real decreto 99/2011, do 28 de xuño, e a súa modificación polo Real decreto 575/2023, do 4 de xullo (plans de investigación e de formación persoal, documento de actividades, informe anual e outros). A designación desta persoa é competencia da CAPD.

6. O incumprimento das obrigacións do perfil autorizado nos prazos marcados pola Universidade para os distintos trámites de avaliación das persoas doutorandas será notificado á CAPD para que traslade o requirimento pertinente ou poida tomar a decisión de substituíla nas súas funcións de titorización e/ou dirección de tese, así como dalo de baixa como PDI do programa de doutoramento, de ser o caso.

Disposición adicional única

Todo o PDI recollido no Rexistro de persoas directoras da USC na data de entrada en vigor deste regulamento poderá seguir exercendo as funcións de supervisión das persoas doutorandas baixo a súa dirección. Ademais, todo o PDI que estea activo no Rexistro de persoas directoras na data de entrada en vigor deste regulamento poderá participar en codireccións de tese, asimilando os seus méritos aos establecidos no artigo 26.5 deste regulamento.

Disposición transitoria primeira. Excepcións á aplicación deste regulamento

Este regulamento aplicaráselles a todas ás persoas doutorandas matriculadas con anterioridade á entrada en vigor deste regulamento, coas seguintes excepcións:

a) Ás persoas doutorandas que iniciaron os seus estudos antes do curso académico 2023/24 seranlles de aplicación os artigos 20 e 21 do Regulamento de estudos de doutoramento da USC aprobado polo Consello de Goberno do 24 de xullo de 2020 (DOG do 16 de setembro) referidos ao cómputo do tempo de permanencia, á duración máxima e mínima e ás prórrogas dos seus estudos de doutoramento.

b) As persoas doutorandas que iniciaron os seus estudos antes do curso académico 2023/24 non terán:

i. A obrigación de presentar o plan de formación persoal referenciado no artigo 30 deste regulamento.

ii. A obrigación de cumprir o requisito referenciado no artigo 37.2.a) deste regulamento, relativo á orde de sinatura das contribucións que formen parte dunha tese por compendio de publicacións, sempre que tales contribucións estean xa aceptadas ou publicadas no momento de entrada en vigor do Regulamento.

iii. A obrigación de observar os requisitos referenciados no artigo 38.a) deste regulamento, relativos á duración mínima das estadías de investigación realizadas coa finalidade de obter a mención de Doutoramento internacional, sempre que as ditas estadías se realizasen con anterioridade á entrada en vigor do Regulamento.

Disposición transitoria segunda. Aplicación de determinados puntos a partir do 1 de setembro de 2024

A obrigatoriedade de contar con dous informes externos da tese, recollida no artigo 41.2 deste regulamento, será aplicable a todas as persoas doutorandas a partir do 1 de setembro de 2024, en consonancia co disposto na disposición transitoria primeira do Real decreto 573/2023, do 4 de xullo.

Disposición transitoria terceira. Aplicación de determinados puntos a partir do 1 de setembro de 2025

As condicións recollidas nos artigos 34, 35, 36, 37 e 38 deste regulamento serán de aplicación a partir do 1 de setembro de 2025. Ata ese momento, aplicaranse no seu lugar os artigos 34, 35, 36, 37 e 38 do Regulamento de estudos de doutoramento da USC aprobado polo Consello de Goberno do 24 de xullo de 2020 (DOG do 16 de setembro).

Disposición derrogatoria. Derrogación de normativa

Queda derrogado e sen efecto o Regulamento de estudos de doutoramento da USC aprobado polo Consello de Goberno do 24 de xullo de 2020 (DOG do 16 de setembro), coa excepción dos artigos indicados na disposición transitoria primeira, que quedarán derrogados no momento en que finalicen os seus estudos todas as persoas doutorandas matriculadas por primeira vez antes do comezo do curso académico 2023/24, e na disposición transitoria terceira, que quedarán derrogados con data do 31 de agosto de 2025, respectivamente.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este regulamento entrará en vigor despois da súa aprobación polo Consello de Goberno da USC e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.