DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 30 de agosto de 2024 Páx. 49018

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Resolución do 5 de agosto de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción da modificación da central hidroeléctrica de Portodiz que Hidroeléctrica de Lumymey, S.L. promove no concello de Santiso (A Coruña).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 5 de agosto de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción do modificado da central hidroeléctrica de Portodiz.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa á sociedade Hidroeléctrica de Lumymey, S.L. para a ampliación da central hidráulica de Portodiz situada no concello de Santiso (A Coruña), segundo o correspondente proxecto.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para a ampliación da central hidráulica de Portodiz situada no concello de Santiso (A Coruña), segundo o proxecto de execución denominado Proxecto construtivo de ampliación da central hidroeléctrica de Portodiz, no río Furelos, Santiso (A Coruña), asinado o 29 de xuño de 2023 polo enxeñeiro industrial Juan Ramón Fernández y Jorge, colexiado número 462 do ICOIIG, e pola de enxeñeira de camiños, canais e portos Cristina Villalobos López, colexiada número 29.855 do CICCP.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Hidroeléctrica de Lumymey, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración dos terreos ocupados pola ampliación do aproveitamento hidroeléctrico de Portodiz. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 25.692,00 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

3. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e nas súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

4. Con anterioridade ao prazo dun mes da comunicación de inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e cambio Climático o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no número 4 da declaración de impacto ambiental.

5. O promotor deberá comunicar cunha antelación mínima dun mes a data prevista de inicio das obras a esta dirección xeral.

6. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Dirección Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

7. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 49 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, perante a Dirección Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, co fin de que esta realice a inspección das obras e montaxes efectuadas e verifique o cumprimento dos compromisos contraídos por Hidroeléctrica de Lumymey, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución, para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da central hidroeléctrica de referencia.

8. Logo de obter a autorización de explotación mencionada no parágrafo anterior o promotor deberá comunicar a modificación dos datos da central hidráulica que figuren na sección primeira do Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica de acordo co recollido no artigo 173 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

9. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de doce meses contados a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo aquela non tivo lugar, poderá producirse a caducidade destas autorizacións.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

12. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co artigo 48 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Con data do 4 de novembro de 1954 a Delegación de Industria da Provincia da Coruña emitiu acta de comprobación e autorización de posta en marcha da central hidroeléctrica de Portodiz situada no concello de Santiso (A Coruña).

2. Con data do 30 de novembro de 2012 a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo resolveu inscribir de forma provisional para probas, entre outras, a central hidroeléctrica de Portodiz situada no concello de Santiso (A Coruña) na Sección 1ª (instalacións en réxime ordinario) do Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía.

3. Con data do 30 de xullo de 2013 a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo resolveu inscribir de forma definitiva, entre outras, a central hidroeléctrica de Portodiz situada no concello de Santiso (A Coruña) na Sección 1ª (instalacións en réxime ordinario) do Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía cunha potencia neta de 525 kW e outorgarlle o número de rexistro RO3-0039.

4. Con data do 30 de marzo de 2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda resolveu formular a declaración de impacto ambiental do proxecto de ampliación do aproveitamento hidroeléctrico de Portodiz na cal se concluíu que «o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

5. Con data do 8 de novembro de 2022 Hidroeléctrica de Lumymey, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e de construción da ampliación da central hidroeléctrica de Portodiz situada no concello de Santiso (A Coruña).

6. Mediante o Acordo do 2 de maio de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción da ampliación da central hidroeléctrica de Portodiz no concello de Santiso (A Coruña), expediente IN408A 2022/3-1, e publicouse o 5 de maio de 2023 no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 85 e o 30 de maio de 2023 no Diario Oficial de Galicia núm. 101. Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

7. Con data do 4 de maio de 2023, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiu ao Concello de Santiso e a Fuciño Rivas, S.L., respectivamente, unha separata do proxecto técnico da ampliación da central hidroeléctrica de referencia co fin de que se formule o condicionado técnico procedente de acordo co recollido no artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

8. Con data do 5 de maio de 2023 Fuciño Rivas, S.L. emitiu un informe en resposta á remisión por parte da xefatura territorial da separata mencionada no antecedente de feito sétimo no cal se recolle a súa conformidade co desenvolvemento do proxecto de ampliación da central hidroeléctrica de Portodiz.

O 22 de agosto de 2023 deuse traslado á empresa promotora do citado informe.

9. Con data do 6 de xuño de 2023 o Concello de Santiso emitiu un informe en resposta á remisión por parte da xefatura territorial da separata mencionada no antecedente de feito sétimo, no cal se recolleu principalmente:

«Xustificación urbanística. As actuacións indicadas teñen a consideración de uso admisible nas parcelas afectadas segundo o artigo 35.m) Instalacións e infraestruturas hidráulicas, de telecomunicacións, produción e transporte de enerxía, gas, abastecemento de auga, saneamento e xestión e tratamento de residuos, públicas ou privadas, e sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren.

As actuacións sitúanse dentro da ZEC Serra do Careón, zona 2 (área de conservación), segundo a zonificación do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, e polo tanto observarase o que dispoña o órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza.

Así mesmo, as actuación atópanse na zona de policía de leitos dun río, en consecuencia rexeranse polo establecido na lexislación reguladora en materia de augas e o disposto pola entidade pública empresarial Augas de Galicia».

O 22 de xuño de 2023 deuse traslado á empresa promotora do citado informe.

10. Con data do 23 de agosto de 2023 a empresa promotora manifestou a aceptación do recollido no informe emitido por Fuciño Rivas, S.L. citado no antecedente de feito oitavo.

11. Con data do 12 de decembro de 2023 a empresa promotora manifestou a aceptación do recollido no informe emitido polo Concello de Santiso citado no antecedente de feito noveno.

12. Con data do 22 de decembro de 2023, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación informou de que «non se observa impedimento para que se continúe coa tramitación do procedemento de autorización administrativa previa e de construción á sociedade Lumymey, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a ampliación da central hidroeléctrica de Portodiz, no río Furelos, concello de Santiso, segundo o proxecto de execución asinado o 29.6.2023 por Juan Ramón Fernández y Jorge, enxeñeiro industrial, número de colexiado 462 de Galicia, e por Cristina Villalobos López, enxeñeira de camiños, canais e portos».

13. Con data do 19 de febreiro de 2024 Augas de Galicia resolveu publicar a aprobación definitiva, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 18 de xaneiro de 2024, do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do aproveitamento hidroeléctrico de Portodiz, no río Furelos, Santiso e Melide (A Coruña) (clave 5/244/2/3), que se publicou o 26 de marzo de 2024 no Diario Oficial de Galicia núm. 61.

14. Con data do 26 de xuño de 2024 a empresa promotora achegou a documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento.

15. Con data do 2 de xullo de 2024 requíreselle á empresa promotora a documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A empresa achegou na mesma data a documentación requirida.

16. A ampliación da central hidroeléctrica de referencia conta cos permisos de acceso e conexión vixentes para unha capacidade de 1.600 kW, vixentes desde o 21 de decembro de 2022, de acordo co recollido no documento emitido o 23 de xaneiro de 2023 pola empresa titular da rede de distribución a que se prevé verter a enerxía producida.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2014

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático