DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 30 de agosto de 2024 Páx. 49007

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción da modificación da central hidroeléctrica de Portodiz que Hidroeléctrica de Lumymey, S.L. promove no concello de Santiso (A Coruña).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Hidroeléctrica de Lumymey, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da ampliación da central hidroeléctrica de Portodiz, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 4 de novembro de 1954 a Delegación de Industria da Provincia da Coruña emitiu acta de comprobación e autorización de posta en marcha da central hidroeléctrica de Portodiz situada no concello de Santiso (A Coruña).

Segundo. Con data do 30 de novembro de 2012 a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo resolveu inscribir de forma provisional para probas, entre outras, a central hidroeléctrica de Portodiz situada no concello de Santiso (A Coruña) na Sección 1ª (instalacións en réxime ordinario) do Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía.

Terceiro. Con data do 30 de xullo de 2013 a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo resolveu inscribir de forma definitiva, entre outras, a central hidroeléctrica de Portodiz situada no concello de Santiso (A Coruña) na Sección 1ª (instalacións en réxime ordinario) do Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía cunha potencia neta de 525 kW e outorgarlle o número de rexistro RO3-0039.

Cuarto. Con data do 30 de marzo de 2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda resolveu formular a declaración de impacto ambiental do proxecto de ampliación do aproveitamento hidroeléctrico de Portodiz na cal se concluíu que «o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

Quinto. Con data do 8 de novembro de 2022 Hidroeléctrica de Lumymey, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e de construción da ampliación da central hidroeléctrica de Portodiz situada no concello de Santiso (A Coruña).

Sexto. Mediante o Acordo do 2 de maio de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción da ampliación da central hidroeléctrica de Portodiz no concello de Santiso (A Coruña), expediente IN408A 2022/3-1, e publicouse o 5 de maio de 2023 no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 85 e o 30 de maio de 2023 no Diario Oficial de Galicia núm. 101. Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

Sétimo. Con data do 4 de maio de 2023, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiu ao Concello de Santiso e a Fuciño Rivas, S.L., respectivamente, unha separata do proxecto técnico da ampliación da central hidroeléctrica de referencia co fin de que se formule o condicionado técnico procedente de acordo co recollido no artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Oitavo. Con data do 5 de maio de 2023 Fuciño Rivas, S.L. emitiu un informe en resposta á remisión por parte da xefatura territorial da separata mencionada no antecedente de feito sétimo no cal se recolle a súa conformidade co desenvolvemento do proxecto de ampliación da central hidroeléctrica de Portodiz.

O 22 de agosto de 2023 deuse traslado á empresa promotora do citado informe.

Noveno. Con data do 6 de xuño de 2023 o Concello de Santiso emitiu un informe en resposta á remisión por parte da xefatura territorial da separata mencionada no antecedente de feito sétimo, no cal se recolleu principalmente:

«Xustificación urbanística. As actuacións indicadas teñen a consideración de uso admisible nas parcelas afectadas segundo o artigo 35.m) Instalacións e infraestruturas hidráulicas, de telecomunicacións, produción e transporte de enerxía, gas, abastecemento de auga, saneamento e xestión e tratamento de residuos, públicas ou privadas, e sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren.

As actuacións sitúanse dentro da ZEC Serra do Careón, zona 2 (área de conservación), segundo a zonificación do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, e polo tanto observarase o que dispoña o órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza.

Así mesmo, as actuación atópanse na zona de policía de leitos dun río, en consecuencia rexeranse polo establecido na lexislación reguladora en materia de augas e o disposto pola entidade pública empresarial Augas de Galicia».

O 22 de xuño de 2023 deuse traslado á empresa promotora do citado informe.

Décimo. Con data do 23 de agosto de 2023 a empresa promotora manifestou a aceptación do recollido no informe emitido por Fuciño Rivas, S.L. citado no antecedente de feito oitavo.

Décimo primeiro. Con data do 12 de decembro de 2023 a empresa promotora manifestou a aceptación do recollido no informe emitido polo Concello de Santiso citado no antecedente de feito noveno.

Décimo segundo. Con data do 22 de decembro de 2023, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación informou de que «non se observa impedimento para que se continúe coa tramitación do procedemento de autorización administrativa previa e de construción á sociedade Lumymey, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a ampliación da central hidroeléctrica de Portodiz, no río Furelos, concello de Santiso, segundo o proxecto de execución asinado o 29.6.2023 por Juan Ramón Fernández y Jorge, enxeñeiro industrial, número de colexiado 462 de Galicia, e por Cristina Villalobos López, enxeñeira de camiños, canais e portos».

Décimo terceiro. Con data do 19 de febreiro de 2024 Augas de Galicia resolveu publicar a aprobación definitiva, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 18 de xaneiro de 2024, do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do aproveitamento hidroeléctrico de Portodiz, no río Furelos, Santiso e Melide (A Coruña) (clave 5/244/2/3), que se publicou o 26 de marzo de 2024 no Diario Oficial de Galicia núm. 61.

Décimo cuarto. Con data do 26 de xuño de 2024 a empresa promotora achegou a documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo quinto. Con data do 2 de xullo de 2024 requíreselle á empresa promotora a documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A empresa achegou na mesma data a documentación requirida.

Décimo sexto. A ampliación da central hidroeléctrica de referencia conta cos permisos de acceso e conexión vixentes para unha capacidade de 1.600 kW, vixentes desde o 21 de decembro de 2022, de acordo co recollido no documento emitido o 23 de xaneiro de 2023 pola empresa titular da rede de distribución a que se prevé verter a enerxía producida.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, e neste caso o seu outorgamento correspóndelle á Administración autonómica.

Terceiro. Segundo o recollido no artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, así como na súa disposición transitoria cuarta, a modificación da central hidráulica de Portodiz está exenta do trámite de información pública, así mesmo o promotor non solicitou a declaración de utilidade pública.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e nas súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Quinto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA), relativa ao proxecto de ampliación do aproveitamento hidroeléctrico de Portodiz, no río Furelos, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 30 de marzo de 2022.

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu «formular a declaración de impacto ambiental do proxecto de ampliación do aproveitamento hidroeléctrico de Portodiz, no río Furelos, nos concellos de Melide e Santiso (A Coruña), concluíndo que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e a vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

Ademais do obrigado cumprimento das condicións sinaladas, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental poderá ditar, do xeito que proceda, os condicionados adicionais que resulten oportunos.

Esta declaración de impacto ambiental farase pública a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e remitiráselle ao órgano substantivo para os efectos que correspondan no marco do procedemento de autorización administrativa das instalacións.

Así mesmo, non exime o promotor de obter calquera outra autorización, licenza, permiso ou informe que sexa necesario para a execución e/ou funcionamento do proxecto.

O órgano substantivo deberá notificar a esta dirección xeral calquera cambio de titularidade que se produza na instalación.

De acordo co artigo 41.4 da Lei de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan na vía administrativa e xudicial fronte o acto polo que se autoriza o proxecto».

b) A DIA que nos ocupa refírese á ampliación do aproveitamento hidroeléctrico de Portodiz, no río Furelos.

Nos números 3 e 4 da DIA recóllense o seu ámbito e as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, tal como se describe a seguir:

3. Ámbito da DIA e condicións ambientais.

3.1. Ámbito da DIA.

3.2. Protección da atmosfera, poboación e saúde.

3.3. Protección das augas e leitos fluviais.

3.4. Protección do solo e infraestruturas.

3.5. Xestión de residuos.

3.6. Protección da fauna, vexetación, hábitats, espazos protexidos e outros valores naturais.

3.7. Protección do patrimonio cultural.

3.8. Protección ante accidentes graves ou catástrofes.

3.9. Outras condicións.

4. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

4.1. Aspectos xerais.

4.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo co exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa á sociedade Hidroeléctrica de Lumymey, S.L. para a ampliación da central hidráulica de Portodiz situada no concello de Santiso (A Coruña), segundo o correspondente proxecto.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para a ampliación da central hidráulica de Portodiz situada no concello de Santiso (A Coruña), segundo o proxecto de execución denominado Proxecto construtivo de ampliación da central hidroeléctrica de Portodiz, no río Furelos, Santiso (A Coruña), asinado o 29 de xuño de 2023 polo enxeñeiro industrial Juan Ramón Fernández y Jorge, colexiado número 462 do ICOIIG, e pola de enxeñeira de camiños, canais e portos Cristina Villalobos López, colexiada núm. 29.855 do CICCP.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante/promotor: Hidroeléctrica de Lumymey, S.L. (B15552060).

Domicilio social: rúa Alexandre Bóveda, 9, Melide (A Coruña).

Situación: concello de Santiso (A Coruña).

Potencia instalada evacuable: 1.600 kW.

Orzamento (execución material): 1.419.815,82 €.

Características técnicas principais das instalacións:

• Grupo xerador de 1.600 kVA composto por:

– 1 turbina tipo Crossflow de eixe horizontal de dúas cámaras de 1.600 kW.

– Multiplicador entre turbina e alternador, con ratio de transmisión de 5,88 refrixerado por aceite.

– 1 alternador síncrono trifásico, con tensión nominal de xeración de 400/230 V e 1.600 kVA, sen vasoiriñas, de 1.000 rpm (2.298 rpm durante 15 min), con inducido fixo e equipo de excitación e regulación electrónica con regulación automática de tensión que verterá a enerxía en barras que alimentarán:

▪ SS.AA. propios da central.

▪ CT da central con trafo elevador de 2.000 kVA, relación de transformación 400-230/15.000 V e configuración 2L (de liña e de medida)+1P (protección liña/trafo).

▪ Liñas de interconexión AT a 15 kV tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×150 mm2 Al, de interconexión entre celas de CT, trafo elevador e rede de distribución de compañía eléctrica.

– Tubaxe de carga de 1.600 mm.

– Válvula de garda de 1.600 mm de tipo bolboreta con apertura por presión de aceite e cerramento por contrapeso.

– Comporta de peche e regulación da canle de derivación.

– Punto de entroncamento coa rede: na rede de distribución de Fuciños Rivas a 15 kV no mesmo punto que para a central existente (Fuciños Rivas, S.L.; LMT Melide II).

Desmantelamento das instalacións electromecánicas existentes:

• Grupo xerador de 525 kVA composto por: 3 turbinas tipo Francis de eixe horizontal e 3 alternadores síncronos:

– Grupo 1: 750 rpm e 220 kVA.

– Grupo 2: 1.000 rpm e 150 kVA.

– Grupo 3: 1.000 rpm e 155 kVA.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Hidroeléctrica de Lumymey, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración dos terreos ocupados pola ampliación do aproveitamento hidroeléctrico de Portodiz. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 25.692,00 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

3. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e nas súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

4. Con anterioridade ao prazo dun mes da comunicación de inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e cambio Climático o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no número 4 da declaración de impacto ambiental.

5. O promotor deberá comunicar cunha antelación mínima dun mes a data prevista de inicio das obras a esta dirección xeral.

6. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Dirección Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

7. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 49 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, perante a Dirección Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, co fin de que esta realice a inspección das obras e montaxes efectuadas e verifique o cumprimento dos compromisos contraídos por Hidroeléctrica de Lumymey, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución, para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da central hidroeléctrica de referencia.

8. Logo de obter a autorización de explotación mencionada no parágrafo anterior o promotor deberá comunicar a modificación dos datos da central hidráulica que figuren na sección primeira do Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica de acordo co recollido no artigo 173 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

9. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de doce meses contados a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo aquela non tivo lugar, poderá producirse a caducidade destas autorizacións.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

12. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co artigo 48 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2024

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático