DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 5 de setembro de 2024 Páx. 49573

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de agosto de 2024, da Dirección Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Ordes (expediente IN407A 2023/371-1).

Expediente: IN407A 2023/371-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: CT, RBT lugar Trabes.

Concello: Ordes.

Feitos:

1. O día 24 de agosto de 2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica. Co fin de atender unha petición de subministración eléctrica de 5,75 kW para unha vivenda unifamiliar no lugar de Trabes, concello de Ordes, proxéctase a repotenciación do centro de transformación de intemperie existente CT A Gorita (15A317, expediente 50.973) de 50 kVA de potencia, alimentado pola liña de distribución de media tensión LMT MEI809, procedente da subestación Meirama, substituíndo a aparellaxe e o trafo por un de 100 kVA.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da liña, ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000 e que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución nomeado: CT, RBT lugar Trabes, asinado con data do 18 de xullo de 2023 por Abel Fernández Bermúdez, enxeñeiro técnico industrial graduado en Enxeñaría Eléctrica, con número colexial 4.793 de Vigo (COITIVigo).

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación poida prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselles o preceptivo informe ao Servizo de Patrimonio Cultural, Departamento Territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Coruña; a Augas de Galicia, Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático; ao Servizo de Infraestruturas Agrarias, Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña, e ao Concello de Ordes. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos polos organismos afectados, a saber, Patrimonio, Infraestruturas e o Concello.

4. Con data do 11.7.2024 emitiuse un informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente se atopan no lugar de Trabes, concello de Ordes.

– Repotenciación do CT A Gorita (15A317, expediente 50.973) de intemperie de 50 kVA con relación de transformación de 20.000/400-230 V, instalado en apoio número AFT6E60W//70-15-1CT existente tipo HV-1000/11 da LMT MEI809, procedente da subestación Meirama, substituíndo o trafo por un de 100 kVA.

Cuarto. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal se xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 13 de agosto de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña