DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 10 de setembro de 2024 Páx. 50020

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2024 pola que se amplía o prazo de execución e xustificación dos investimentos establecido na Resolución do 14 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2024 (código de procedemento IN418E).

No Diario Oficial de Galicia núm. 244, do 27 de decembro de 2023, publicouse a Resolución do 14 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2024 (código de procedemento IN418E).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Conforme o establecido no artigo 3.1 das bases reguladoras, serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2024, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Este aspecto desenvólvese no artigo 25, que recolle que a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2024, e no artigo 27.3.a.3º, que establece que a data dos xustificantes de gasto e do pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2024, último día do prazo de xustificación previsto no artigo 25 das bases reguladoras.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas nas dificultades xurídicas e técnicas para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros. Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), en que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Consecuentemente con todo o anterior, sobre a base dos feitos sinalados e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 14 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2024 (código de procedemento IN418E), no seguinte sentido:

O parágrafo primeiro do artigo 3.1 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«1. Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 28 de outubro de 2024, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia».

O artigo 25 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 28 de outubro de 2024».

O segundo parágrafo do punto 3.a.3º do artigo 27 da resolución queda redactado do seguinte xeito

«A data dos xustificantes de gasto e do pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o 28 de outubro de 2024, último día do prazo de xustificación previsto no artigo 25 das bases reguladoras.

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia