Dentro das actividades programadas para o ano 2024, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da segunda práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo de armas, dos/das policías locais de Galicia, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:
Obxectivos:
– Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.
– Dispor de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.
– Controlar a práctica anual e regulamentaria do cadro de persoal, mediante un control e unha cartilla de tiro individual.
– Establecer distintos niveis para categorías de tirador/a, segundo a seguridade e habilidade que demostre no manexo das armas.
Destinatarios/as:
A actividade vai dirixida aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, relativo a garantir unha adecuada preparación no uso da arma regulamentaria para o persoal dos corpos da Policía Local.
Para tal fin, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública establece un plan anual de adestramento, no cal se inclúen dúas prácticas anuais para o persoal dos concellos interesados.
Solicitudes:
Os concellos interesados deberán remitirlle o formulario que está na páxina web http://agasp.xunta.gal á Academia Galega de Seguridade Pública ata o día 30 de setembro de 2024.
As solicitudes deberán presentarse a través do correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal, con indicación no asunto de «Plan de tiro 2024», ou ben a través do rexistro electrónico.
As solicitudes deberán estar autorizadas pola alcaldía, concellaría ou xefatura de persoal, segundo proceda.
Ademais, é requisito obrigatorio que os/as policías locais asinen o documento de normas de seguridade, do cales se lles fará entrega na Academia antes do comezo das prácticas. No caso contrario, non se lles permitirá o acceso á galería de tiro.
Todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.
Medios:
Para o desenvolvemento da actividade os alumnos e alumnas deberán traer cadansúa arma regulamentaria da dotación e a munición correspondente para as prácticas. A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará os/as profesores/as e instrutores/as necesarios/as.
Determinación da data das prácticas:
A segunda práctica do plan terá lugar nas seguintes datas:
– Os días 8, 10, 11, 15, 17, 18, 22, 24, 25, 29 e 31 de outubro de 2024.
Tras ser configurado o calendario segundo as solicitudes recibidas, comunicaráselles aos concellos coa finalidade de que, pola súa vez, informen con antelación suficiente da relación nominal do persoal participante na práctica.
Control e cartilla de tiro:
O control das prácticas do persoal xestionarano conxuntamente a Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.
Estableceranse niveis segundo a categoría e habilidade que cada tirador/a amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo coas armas, niveis a que irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.
Lugar:
As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.
Modificacións:
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do Plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 3 de setembro de 2024
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega
de Seguridade Pública
