O 21.1.2021 publicouse no DOG o anuncio de información pública da solicitude de modificación da autorización ambiental integrada e do estudo de impacto ambiental para a construción dun novo vertedoiro de escouras no Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña); esta exposición rematou o 26.3.2021.
O artigo 33.3 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, indica que os trámites de información pública e de consultas terán unha vixencia dun ano desde a súa finalización e no caso de que, transcorrido o prazo, non se trasladase o expediente ao órgano ambiental para a avaliación ambiental ordinaria, o órgano substantivo declarará a caducidade dos ditos trámites.
Por este motivo e mediante o Acordo do 16.7.2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, declarouse a caducidade dos trámites de información pública e consultas deste procedemento e a realización dun novo trámite de información pública e consultas.
Polo tanto, procede someter novamente a información pública, por un espazo de trinta (30) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, a documentación presentada por Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) para solicitar a modificación da autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental para a construción dun novo vertedoiro de escouras no Complexo Medioambiental de Cerceda, para que calquera persoa interesada poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.
O documento estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).
Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2024
Ramón Martínez Boga
Director xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade
ANEXO
Memoria resumo
Titular: Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama).
NIF: A15379803.
Domicilio social e localización: Morzós, núm.10, As Encrobas, 15187 Cerceda (A Coruña).
Modificación solicitada: execución dun novo vertedoiro de residuos non perigosos para a vertedura das escouras producidas na planta termoeléctrica.
Epígrafe de actividade (modificación da autorización ambiental integrada): anexo I, 5.5).
Categoría de proxecto (avaliación ambiental): anexo I, grupo 8.c).
Descrición da modificación:
A empresa pretende realizar un novo vertedoiro de escouras nunha única fase de execución e 3 vasos de vertedura separados por camallóns. A área ocupada ten unha superficie total de 34.400 m2 e unha capacidade de vertedura de residuos de 439.376 m3. Considerando unha entrada de 62.000 t/ano de escouras, a vida útil estímase en 12 anos.
Verteduras:
Os lixiviados sairán por gravidade de cada vaso mediante a rede de lixiviados cara ás balsas de almacenamento antes do seu tratamento na depuradora fisicoquímica.
