O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 5 de novembro de 2020, acordou a creación da Comisión Interdepartamental de I+D+i para a planificación e a coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos da Comunidade Autónoma en materia de I+D+i, co obxectivo de integrar e complementar a visión e as perspectivas estratéxicas dos diferentes departamentos neste ámbito. Este acordo foi modificado polos acordos do Consello da Xunta de Galicia do 25 de novembro de 2021 e do 22 de setembro de 2022.
No punto quinto do Acordo do 5 de novembro de 2020 estableceuse a composición da Comisión Interdepartamental de I+D+i, formada polas persoas titulares dos entes/centros directivos citados no dito punto.
No punto noveno do Acordo do 5 de novembro de 2020 creouse un grupo técnico para impulsar o funcionamento da Comisión Interdepartamental de I+D+i, integrado por representantes dos entes/centros directivos que forman parte dela, coa categoría de subdirector/a ou equivalente.
O Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, introduciu novos centros directivos con competencias en I+D+i, así como modificacións nalgún deles.
Co fin de facer as adaptacións oportunas, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 22 de xullo de 2024, acordou modificar a composición da Comisión Interdepartamental de I+D+i.
Para xeral coñecemento,
RESOLVO:
Dar publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 22 de xullo de 2024, que a seguir se transcribe:
«Modificar, nos termos que a continuación se indican, o punto quinto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5 de novembro de 2020, polo que se crea a Comisión Interdepartamental de I+D+i:
Vogais:
Formarán parte da Comisión as persoas titulares dos seguintes entes/centros directivos:
• Axencia de Turismo de Galicia.
• Dirección Xeral de Administración Local.
• Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático.
• Augas de Galicia.
• Instituto de Estudos do Territorio-IET.
• Secretaría Xeral de Universidades.
• Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
• Dirección Xeral de Formación Profesional.
• Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.
• Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.
• Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.
• Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas.
• Instituto Galego de Promoción Económica-Igape.
• Axencia Galega da Industria Forestal-XERA.
• Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico.
• Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos.
• Escola Galega de Administración Pública-EGAP.
• Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia-Amtega.
• Instituto Galego da Vivenda e Solo-IGVS.
• Axencia Galega de Infraestruturas-AXI.
• Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.
• Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde-ACIS.
• Dirección Xeral de Cultura.
• Axencia Galega das Industrias Culturais-Agadic.
• Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
• Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social.
• Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
• Axencia Galega de Desenvolvemento Rural-Agader.
• Axencia Galega da Calidade Alimentaria-Agacal.
• Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.
• Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro».
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2024
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional
