DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 16 de setembro de 2024 Páx. 50768

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2024 pola que se aproba a proposta motivada do Concello de Baiona de declaración dese municipio como zona de grande afluencia turística.

Vista a solicitude, presentada polo Concello de Baiona, da declaración do dito concello como zona de grande afluencia turística de acordo co disposto no artigo 9.5 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten en consideración os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 24 de xullo de 2024, o Concello de Baiona remitiu á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a certificación do acordo do Pleno, adoptado por maioría absoluta o 23 de xullo de 2024, en que solicita da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a determinación do concello de Baiona como zona de grande afluencia turística de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, autorizándose a apertura de todos os domingos nos meses de xullo e agosto, das 9.00 ás 22.00 horas. Con esta solicitude, o Concello de Baiona reproduce a petición efectuada o 26 de xullo de 2018, que culminou coa declaración do concello como zona de grande afluencia turística desde o 23 de abril de 2019 ao 23 de abril de 2024, mantendo o mesmo réxime de apertura.

Xunto coa solicitude, o Concello de Baiona presenta a seguinte documentación:

– Informe favorable, do 2 de xullo de 2024, da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona.

– Informe favorable, do 2 de xullo de 2024, da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

– Escrito, do 10 de xullo de 2014, do sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG).

– Escrito, do 18 de xullo de 2014, do sindicato Unión Xeral de Traballadores (UGT), onde non se realizan alegacións.

– Oficio de solicitude de informe ao sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.).

Segundo. Con data do 29 de xullo de 2024, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Conselleria de Emprego, Comercio e Emigración achegou á Axencia de Turismo de Galicia copia da documentación anterior, ao tempo que solicitaba informe sobre o devandito expediente, de acordo co disposto no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro.

Terceiro. Con data do 13 de agosto de 2024 tivo entrada na Dirección Xeral de Comercio e Consumo o informe favorable da Axencia de Turismo de Galicia sobre esta cuestión.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de comercio a resolución dos expedientes de solicitude de declaración de zona de grande afluencia turística, de conformidade co establecido no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Segundo. A determinación das zonas de grande afluencia turística realizarase conforme o procedemento e requisitos establecidos no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, en que se sinala:

«Artigo 9. Determinación das zonas de grande afluencia turística

1. Para determinar as zonas de grande afluencia turística, exceptuadas do réxime xeral, é precisa a proposta motivada do concello directamente afectado, que será aprobada por maioría absoluta do pleno, a cal deberá especificar se a exclusión se pide para a totalidade do municipio ou só para unha parte deste, e indicar o período ou os períodos do ano a que se circunscribe a solicitude e mais a franxa horaria de apertura diaria solicitada, e á cal deben xuntarse os seguintes informes:

a) Informe da cámara de comercio do ámbito territorial afectado.

b) Informe das asociacións ou agrupacións de comerciantes retallistas máis representativas do sector comercial no ámbito territorial afectado.

c) Informe das asociacións de consumidores e usuarios máis representativas no ámbito territorial afectado.

d) Informe das organizacións sindicais máis representativas no ámbito territorial afectado.

2. A consellería competente en materia de comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a proposta a que se refire o número 1, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

3. De proceder a modificación da resolución ditada, con base na necesariedade obxectiva dos consumidores, abrirase de novo o procedemento establecido no número 1 coa participación das asociacións e organizacións subliñadas nela e cos informes preceptivos do concello, se é o caso, e da dirección xeral competente en materia de turismo.

4. A proposta a que se refire o número 1 considerarase aprobada de non se ditar resolución expresa no prazo tres meses, contados desde a súa presentación, xunto con toda a documentación preceptiva.

5. A declaración de zona de grande afluencia turística, para os efectos desta lei, terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

6. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellería competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan no número 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo».

Terceiro. O artigo 5.4 da Lei estatal 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, na redacción dada polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, sinala con carácter básico:

«4. Para os efectos do establecido no número 1, as comunidades autónomas, por proposta dos concellos correspondentes, determinarán as zonas de grande afluencia turística para o seu respectivo ámbito territorial. Consideraranse zonas de grande afluencia turística aquelas áreas coincidentes coa totalidade do municipio ou parte del en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa ou cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos, ou ben no número de segundas residencias respecto ás que constitúen residencia habitual.

b) Que fose declarado patrimonio da humanidade o no cal se localice un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico artístico.

c) Que limiten ou constitúan áreas de influencia de zonas fronteirizas.

d) Celebración de grandes eventos deportivos ou culturais de carácter nacional ou internacional.

e) Proximidade a áreas portuarias en que operen cruceiros turísticos e rexistren unha afluencia significativa de visitantes.

f) Que constitúan áreas cuxo principal atractivo sexa o turismo de compras.

g) Cando concorran circunstancias especiais que así o xustifiquen».

Cuarto. A proposta motivada do Concello de Baiona, aprobada por maioría absoluta do Pleno da Corporación Local, sinala como xustificación da solicitude as seguintes razóns:

«Baiona foi o primeiro municipio galego que recibiu a distinción de municipio de excelencia turística, e durante o período do devandito plan realizáronse unha serie de actuacións co obxecto de converter a vila no escaparate turístico de Galicia, incrementar os niveis de calidade ofertados ao turista, mellorar a calidade de vida dos veciños e visitantes e acadar un desenvolvemento sustentable e equilibrado.

Do mesmo xeito, Baiona foi declarada polo Consello da Xunta de Galicia municipio turístico galego o día 7 de maio de 1999, publicado no DOG núm. 102, do 31 de maio.

Unha serie de feitos endóxenos condicionan o desenvolvemento turístico da nosa vila:

– A importancia histórica de Baiona, primeiro porto do vello continente que tivo coñecemento do encontro entre os dous mundos, o 1 de marzo de 1493, feito este que é lembrado todos os anos cunha celebración declarada de interese turístico.

– O transcurso do Camiño Portugués da Costa que experimenta un crecemento, ano tras ano, ata convertelo na terceira ruta de peregrinación escollida, que rexistrou, en 2023, 52.163 peregrinos, o que supón un aumento do 70 % con respecto ao ano anterior e do 134 % con respecto a 2019.

– Baiona pertence ao xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Segundo o INE, esta zona turística –excluíndo Vigo– rexistrou durante o ano 2023 un número de 914.357 pernoctacións en establecementos hoteleiros, o que supón un incremento con respecto a 2019, en que se rexistraron 649.137 pernoctacións.

– A riqueza patrimonial do municipio vén determinada polas súas cinco parroquias, polo conxunto arquitectónico da Fortaleza de Monterreal e a súa contorna e, de maneira especial, do seu centro histórico, que mediante o Decreto 48/1993, do 25 de febreiro, foi declarado como ben de interese cultural con categoría de conxunto histórico artístico e elementos exteriores recollidos na declaración.

– A súa riqueza natural e paisaxística coa Serra da Groba, o Estuario do Miñor e as Illas Estelas, declaradas zona Zepa dentro do convenio Ramsar e engadidas dentro da Rede Natura 2000, e a ría de Baiona, con bandeiras azuis nas súas praias e no porto deportivo do Monterreal Club de Iates de Baiona, durante varios anos.

– O peso fundamental do sector turístico na nosa economía, sobre todo por mor da posta en servizo do Parador de Turismo de Baiona.

– Doutra banda, nos últimos anos e en todos os destinos turísticos, cobra importancia a posta en marcha de políticas e estratexias que buscan alcanzar que o desenvolvemento turístico sexa sustentable e equilibrado coas políticas de:

– Calidade en destino, auspiciadas polas administracións central e autonómica e englobadas dentro do Plan integral de calidade do turismo español (PICTE) e definidas no Sistema integral de calidade turística española en destino (SICTED).

– Distinción na categoría ouro do proxecto internacional Quality Coast, que premia o traballo en prol da sustentabilidade xeral do destino.

– Promoción de destino definida polas administracións autonómica e central, en que a marca España Verde é fundamental para conseguir a nosa promoción internacional.

– Defensa da nosa contorna e protección da calidade de vida da nosa veciñanza e visitantes, cumprindo os obxectivos definidos na Carta de Aalborg de cidades sustentables, como paso fundamental no desenvolvemento do proceso de posta en marcha da Axenda local 21 de Baiona e da súa declaración como municipio sustentable.

– Así como as diversas declaracións, políticas, estratexias e medidas tomadas polos organismos internacionais, en particular pola Organización Mundial do Turismo (OMT), en canto a lograr que o feito do turismo incida de maneira positiva no incremento da calidade de vida da poboación residente, o respecto á contorna e o favorecemento de intercambios culturais respectuosos entre os pobos.

– Dos espectáculos que tradicionalmente se celebran en Baiona destaca a representación teatral da Arribada da Carabela Pinta, posta en escena durante a Festa da Arribada, que conmemora a arribada da Carabela Pinta o día 1 de marzo de 1493 ao porto de Baiona coa noticia do descubrimento de América, e que foi declarada festa de interese turístico nacional.

– Na vila ten a súa sede o Monterreal Club de Iates, prestixioso club de vela internacional. Situado no recinto da fortaleza Monterreal, pode acoller nos seus peiraos ao redor de trescentas embarcacións. Ao longo do ano celébranse diferentes competicións. Destacan, o Trofeo Príncipe de Asturias –que reúne a case 100 barcos no mes de setembro–, a regata Match-Race Open de España e a Copa de Inverno Liga Galega de Clubs. Feito significativo foi a súa participación, como único club español, na regata máis prestixiosa do mundo: a Copa América. Para o ensino deste apaixonante deporte dispón dunha escola de vela. Contamos tamén co novo Porto Deportivo de Baiona, situado no Paseo Afonso IX, o cal ten unha reserva de máis de 300 puntos de atracada, un dique flotante de máis de 180 metros de lonxitude, rampla de varadoiro, medios de izada e escola de vela.

Todo iso motiva que Baiona sexa un gran punto de atractivo turístico, cuxa poboación en tempada estival se quintuplica, segundo datos da memoria de actividades turísticas do Concello de Baiona en 2023. Este incremento de poboación que se concentra fundamentalmente nos meses de xullo e agosto, presupón un volume importante de consumidores que necesitan abastecerse de produtos, e implica unha maior carga de traballo das superficies comerciais tanto do pequeno comercio retallista como das grandes superficies, polo que a ampliación da liberdade de horarios se considera que terá efectos positivos sobre a produtividade e a eficiencia na distribución comercial retallista e os prezos, e proporcionará ás empresas unha nova variable que permitirá incrementar a competencia efectiva entre os comercios».

Quinto. O informe emitido pola Axencia de Turismo de Galicia, acerca da declaración do Concello de Baiona como zona de grande afluencia turística, que tivo entrada na Dirección Xeral de Comercio e Consumo o 13 de agosto de 2024, sinala:

«(...) En comparación co ano 2019, período en que entra en vigor a resolución que aproba a declaración do concello de Baiona como zona de grande afluencia turística, a oferta de aloxamento incrementouse un 43,9 % en volume de prazas. O dito crecemento concéntrase singularmente nas vivendas de uso turístico.

Baiona pertence ao xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Segundo o INE, esta zona turística –excluíndo a cidade de Vigo– rexistrou en 2019 preto de 424.000 pernoctacións nos establecementos hoteleiros, o que supón un incremento considerable respecto de anos anteriores, circunstancia que reforza un dos requisitos da declaración inicial.

(...) O concello de Baiona localízase no Camiño Portugués da Costa, unha das rutas a Compostela. Segundo datos facilitados pola Oficina do Peregrino, o Camiño Portugués experimentou un crecemento sostido nestes últimos anos, pasando de rexistrar preto de 1.000 compostelas en 2012 a máis de 52.000 en 2023. O incremento é constante e supón que esta ruta represente no último ano case o 12 % do total. Baiona ademais sitúase como o terceiro punto de saída máis importante do Camiño Portugués, por detrás de Porto e Vigo.

(...) O concello de Baiona é un municipio eminentemente turístico, cuxa poboación se quintuplica en tempada estival, no cal existen establecementos cunha superficie superior a 300 metros que, en consecuencia, non gozan dun réxime especial de horarios e cuxa apertura os domingos en tempada estival melloraría a prestación de servizos á poboación, e unha mellora para o emprego da zona.

(...) Á vista dos datos comentados anteriormente, acredítase que se manteñen, e incluso se reforzan nalgún ámbito concreto, os feitos que motivaron no seu día a declaración do concello de Baiona como zona de grande afluencia turística. Por este motivo, este centro entende que se acreditan as circunstancias de autorización inicial e, por tanto, emite informe favorable á concesión da prórroga do Concello de Baiona como zona de grande afluencia turística».

Vistos os precedentes citados, especialmente o acordo do Pleno do Concello de Baiona, adoptado por maioría absoluta, o informe da Axencia de Turismo de Galicia, que constata o mantemento e mesmo o reforzo das condicións que motivaron, mediante a Resolución do 23 de abril de 2019, a declaración do concello de Baiona como zona de grande afluencia turística, e manténdose o sentido dos informes que xustificaron a dita declaración no ano 2019,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a proposta motivada do Concello de Baiona de declaración de todo o Municipio de Baiona como zona de grande afluencia turística de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, e autorizar a apertura de todos os domingos nos meses de xullo e agosto, das 9.00 ás 22.00 horas.

Segundo. A declaración de zona de grande afluencia turística terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Se desaparecen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellaría competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan no número 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, caberá interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación (artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas); ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa), sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren procedente.

Comuníquese aos interesados.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
P.D. (Orde do 9.2.2023; DOG núm. 34, do 17.2.2023)
Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración