O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 50 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, así como nos estatutos desta universidade, e co fin de atender as necesidades de persoal de administración e servizos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en execución do previsto no anexo IV, oferta de promoción interna independente da Resolución do 23 de novembro 2023 (DOG do 1 de decembro) pola que se publica a oferta de emprego público de persoal de administración e servizos para o ano 2023, resolve convocar probas selectivas para cubrir catro prazas da categoría profesional de técnico/a de grao medio de investigación (animalarios), grupo II, do seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes
Bases da convocatoria
Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a USC derivados desta convocatoria se realizarán exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
1. Normas xerais.
1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo catro prazas da categoría profesional de técnico/a de grao medio de investigación (animalarios), grupo II, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), pola quenda de promoción interna.
1.2. Do total de prazas indicadas no punto anterior resérvase unha para ser cuberta por persoas con discapacidade de grao igual ou superior ao 33 %. No suposto de que esta praza da cota de reserva non se cubra, acumularase á quenda xeral de promoción interna.
1.3. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das dúas formas de acceso, cota xeral ou acceso pola cota de reserva para persoas con discapacidade.
1.4. Esta convocatoria non xerará prazas vacantes na categoría da cal procedan as persoas que superen o proceso selectivo.
1.5. As prazas convocadas terán o seu destino nas localidades de Santiago de Compostela e Lugo.
1.6. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións, axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.
1.7. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.
1.8. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.
1.9. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.
2. Requisitos das persoas aspirantes.
2.1. Para seren admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato os seguintes requisitos:
a) Posuír a condición de persoal laboral fixo, categoría de técnico especialista de investigación, especialidade saúde, e estar prestando servizos con carácter definitivo ou en adscrición provisional no Centro de Biomedicina Experimental ou no Animalario de Experimentación do Campus de Lugo.
b) Ter unha antigüidade efectiva de, polo menos, seis meses como persoal laboral fixo na categoría á cal pertenzan o último día do prazo de presentación de solicitudes.
c) Estar en posesión do título de técnico superior, graduado, diplomado, arquitecto técnico, enxeñeiro técnico ou equivalentes. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.
d) Posuír a capacitación ou formación para o exercicio das funcións a), b), c), segundo a Orde ECC/566/2015.
e) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría á cal se pretende incorporar.
f) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública.
g) Non estar sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do Convenio colectivo para persoal laboral da USC.
h) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.8 desta convocatoria para as persoas con discapacidade e para os membros de familias numerosas.
3. Solicitudes.
3.1. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
3.2. As persoas que desexen participar nestas probas selectivas deberán formalizar a súa solicitude, así como aboar a taxa correspondente, unicamente por medios electrónicos. Para iso empregarase exclusivamente o formulario electrónico habilitado ao respecto que figura no Catálogo de procedementos da sede electrónica da USC: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalLaboral.htm, empregando como medio de identificación electrónica as credenciais corporativas da USC.
3.3. A solicitude presentarase xunto coa seguinte documentación:
– Certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou equivalente). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.
– Documentación acreditativa da capacitación ou formación para o exercicio das funcións a), b), c), segundo a Orde ECC/566/2015.
As/os aspirantes que teñan expediente administrativo como PAS na USC estarán exentas/os de xustificar documentalmente as condicións e os requisitos xa probados para obteren a súa anterior contratación ou nomeamento e deberán presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non se encontre debidamente acreditada no seu expediente persoal.
3.4. A Xerencia expedirá e engadirá de oficio á solicitude presentada pola persoa aspirante un certificado acreditativo dos servizos prestados, no cal consten a categoría e os períodos en que se prestaron, así como os cursos de formación e cualificación profesional que consten no expediente.
3.5. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.
3.6. A Universidade poderá requirir en calquera momento os orixinais ou copias auténticas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.
3.7. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar, no formulario de inscrición do proceso selectivo, a adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios, para o cal reflectirán con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.
3.8. Os dereitos de exame serán de 38,02 €. Para realizar o seu ingreso, empregarase un dos seguintes medios accesibles desde o formulario de inscrición:
• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.
• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación, que se deberá imprimir, unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo; non será preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.
3.8.1. De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:
Do importe total da taxa:
• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.
Do 50 % do importe da taxa:
• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.
3.8.2. As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:
• Persoas con discapacidade: certificado do grao discapacidade.
• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial, ou carné familiar en que conste o dito carácter.
3.8.3. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.
3.8.4. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o cal terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.
3.9. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica, polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique na epígrafe Medios de aviso de notificación do formulario, o teléfono e o enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia en sede electrónica, para o acceso á cal se empregará o medio de identificación que se indica na base 3.2.
4. Admisión de persoas aspirantes.
4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución en que declare aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o lugar no cal se encontra exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivaron a exclusión e o prazo para emendalas.
4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar os defectos que motivaron a exclusión.
Para emendar a exclusión ou omisión, cubrirase o formulario de emendas do Catálogo de procedementos dispoñible na seguinte ligazón: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalLaboral.htm, para o cal o/a aspirante deberá empregar o medio de identificación e sinatura que se indica no número 3.2 desta convocatoria.
4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.
4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderase interpor contra ela recurso, perante a Xurisdición Contencioso-Administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición, ante o reitor, no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4.5. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que se acreditar no seu momento, de acordo co previsto na base 7 desta convocatoria.
5. Tribunal.
5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a categoría primeira de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo, aprobado en Consello de Goberno do 29 de decembro de 2020.
O seu procedemento de actuación axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións pública, e no Regulamento de selección de persoal de administración e servizos da USC. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.
5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir e notificaranllo ao reitor da universidade cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.
A Presidencia solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.
Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.
5.3. En caso de ter que substituír algún membro do tribunal por renuncia, por algunha das circunstancias citadas no punto anterior ou por calquera outra causa de forza maior, darase publicidade do novo nomeamento no Diario Oficial de Galicia.
5.4. Logo da convocatoria da Presidencia, constituirase o tribunal de acordo co previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015, coa asistencia, tanto presencial como a distancia, da maioría absoluta dos seus membros titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.
5.5. A partir da súa constitución, o tribunal requirirá a asistencia presencial ou a distancia do/da presidente/a e do/da secretario/a, e da metade, polo menos, dos seus membros, para actuar validamente.
5.6. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.
5.7. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os ditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel ao exixido nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.
Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutros/as funcionarios/as para colaboraren no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.
5.8. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o número 3.7 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.
5.9. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.
5.10. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.
Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, de se producir a renuncia dunha persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou cando non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación as persoas propostas, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.
6. Desenvolvemento dos exercicios.
6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «H», de conformidade co establecido na Resolución do 31 de xaneiro de 2024 da Consellería de Facenda e Administración Pública.
6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en chamamento único e serán excluídas da oposición as que non comparezan. Así mesmo, as persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio co DNI ou con outro documento que, ao xuízo do tribunal, permita acreditar de forma indubidable a súa identidade.
Non estará permitido o uso de teléfonos móbiles ou calquera outro dispositivo de almacenamento de información ou con capacidade de comunicación dentro da aula de exame. Durante o desenvolvemento do exercicio, deberán permanecer apagados.
As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios, derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal e achegarán á comunicación o correspondente informe médico oficial.
A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.
6.3. De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante o proceso selectivo darase un tratamento diferenciado á quenda xeral de acceso da quenda de reserva para persoas con discapacidade, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e á relación de aprobados/as. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única en que se incluirán todas as persoas que superaron o proceso selectivo, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participasen.
6.4. Os sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaranse no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao comezo deste, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas, se se trata dun novo.
6.5. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.
6.6. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se ten coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos por esta convocatoria, deberá propor a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.
Contra esta exclusión poderase interpor recurso, perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.
6.7. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado, e naqueloutros lugares que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes que acadaron o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.
6.8. As persoas aspirantes disporán de tres días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da realización de cada exercicio, para presentaren reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.
Así mesmo, as/os aspirantes disporán de sete días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentaren reclamacións ás cualificacións.
6.9. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición. Esta publicación irá acompañada da relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada unha delas, fosen seleccionadas, na cal constarán a cualificación final obtida en cada unha das fases, oposición e concurso, e da proposta provisional de persoas seleccionadas segundo o previsto no anexo I.
No caso de se producir empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios e por esta orde ata que se resolva o empate: maior puntuación na fase de oposición, maior puntuación na fase de coñecementos específicos, maior puntuación no terceiro exercicio, maior idade e a orde alfabética establecida na base 6.1.
6.10. Contra esta publicación, as/os aspirantes poderán presentar reclamación, ante o tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do Rexistro de Entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o cal o/a aspirante deberá empregar o medio de identificación e sinatura que se indicou no número 3.2.
6.11. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta de contratación a favor das persoas aspirantes seleccionadas, tendo en conta o previsto nos números 5.10 e 6.3 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado
7. Finalización do proceso.
7.1. No prazo de vinte (20) días naturais, contados a partir do día seguinte a aquel en que se fixese pública a proposta de contratación, as persoas aspirantes que figuren nela deberán presentar na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros da USC a documentación que acredite a posesión dos requisitos que figuran na base 2 desta convocatoria para proceder á contratación como persoal laboral fixo, agás que xa conste no expediente persoal.
7.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.
7.3. Quen, dentro do prazo fixado e salvo causa de forza maior, non presente a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.
7.4. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 % poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Á solicitude deberá xuntarse un informe expedido polo órgano competente na materia que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.
7.5. Concluído o proceso selectivo, as persoas aspirantes que o superasen serán contratadas como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
7.6. Elaborarase unha lista de espera coas persoas aspirantes que obteñan, como mínimo, unha puntuación de 12,5 puntos no segundo exercicio da fase de oposición. Para estes efectos, e co fin de determinar a opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia na epígrafe correspondente da solicitude.
8. Norma derradeira.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, perante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2024
Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela
ANEXO I
Denominación da praza: técnico de grao medio de investigación (animalarios)
O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:
I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro.
Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o segundo, que será obrigatorio e non eliminatorio.
As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistas do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.
Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que achegasen documentalmente xunto coa solicitude ou que teñan acreditado no expediente o certificado Celga 4 ou o certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.
Este exercicio terá a seguinte estrutura:
Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.
As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lles facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.
A duración máxima desta proba será de noventa minutos.
Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.
As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo e a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.
A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.
Para superar este exercicio, será necesario acadar o resultado de apto.
Segundo exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 120 preguntas tipo test, máis 5 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao programa que se relaciona no anexo II.
O tempo para a súa realización será de 125 minutos e a súa valoración será de 0 a 25 puntos.
Terceiro exercicio: consistirá na realización dun exercicio de carácter práctico ou teórico-práctico, proposto polo tribunal e relacionado co contido do programa, no cal os/as aspirantes deberán demostrar as capacidades para o desempeño das funcións correspondentes.
O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 30 minutos.
A puntuación deste exercicio será de 0 a 35 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 15 puntos.
Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobado e publicado os criterios de avaliación e corrección.
As preguntas adicionais de reserva substituirán, se for o caso, as anuladas pola súa orde.
II. Fase de concurso: máximo 40 puntos.
Experiencia: máximo 35 puntos.
• Na mesma categoría incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC, valorarase con 0,40 puntos/mes. Non se valorará o tempo traballado en categoría superior por atribución temporal de funcións.
• Noutras categorías de persoal laboral de administración e servizos da USC, valorarase con 0,10 puntos/mes.
• Na mesma categoría noutras administracións públicas, valorarase con 0,10 puntos/mes, ata un máximo de 10 puntos.
Formación: valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:
Cursos de formación relacionados coa praza:
• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.
• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.
• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.
Cursos de formación de lingua galega:
• Curso de linguaxe administrativa medio: 0,60 puntos.
• Curso de linguaxe administrativa superior: 0,80 puntos.
• Celga 5: 1 punto.
Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valorarase a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso.
Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.
A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.
Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listaxes de espera, as dúbidas que xurdan resolveraas unha comisión composta por dúas persoas en representación da Xerencia e dúas en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listaxes e poderá solicitarlles información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.
ANEXO II
Denominación da praza: técnico de grao medio de investigación (animalarios)
Programa
1. Lexislación nacional e supranacional en materia de experimentación animal: Directiva 2010/63/UE, Real decreto 53/2013, Lei 32/2007 e Lei 6/2013, Real decreto 53/2013 e Orde ECC/566/2015.
2. Ética e benestar animal. O principio das «tres erres». Alternativas en experimentación animal. Ferramentas de busca de alternativas.
3. Concepto de dano aos animais. Sufrimento evitable e inevitable. Sufrimento directo, probable e acumulado. Sistema de clasificación da severidade.
4. Animais de experimentación: características xerais. Bioloxía básica de roedores (rato e rata): anatomía, fisioloxía, reprodución e comportamento.
5. Bioloxía básica de lagomorfos e peixes: anatomía, fisioloxía, reprodución e comportamento.
6. Coidado e manexo de roedores, lagomorfos e peixes. Prácticas zootécnicas. Enriquecemento ambiental. Mantemento, coidado e benestar. Condicións ambientais e de aloxamento. Marcación e identificación de animais.
7. Xenética básica dos roedores. Cepas máis empregadas en experimentación. Roedores modificados xeneticamente.
8. Cría e herdanza dos roedores de experimentación. Xestión de colonias. Colonias de roedores modificados xeneticamente. Toma de mostras para xenotipado e o seu refinamento.
9. Recoñecemento da dor. Punto final incruento e criterios.
10. Sedación, anestesia e analxesia en roedores, lagomorfos e peixes.
11. Métodos incruentos de sacrificio en roedores, lagomorfos e peixes.
12. Saúde animal. Concepto de enfermidade. Síntomas e signos xerais das patoloxías máis frecuentes en roedores (rato e rata), coellos e peixes.
13. Vías de transmisión e fontes de contaminación das enfermidades nos animais de laboratorio. Tipos de enfermidades infecciosas.
14. Instalacións: barreiras. Áreas funcionais e zonas protexidas. Traballo en instalacións SPF (specific-pathogen free).
15. Transporte seguro e legal de animais: lexislación aplicable, procedementos, responsabilidades e coidados e benestar durante o transporte.
16. Principios básicos dos procedementos experimentais. Procedementos con e sen anestesia en roedores e lagomorfos. Principios de anestesia para procedementos menores.
17. Principios de cirurxía. Boa práctica cirúrxica.
18. Toma de mostras biolóxicas no animal vivo (roedores, lagomorfos e peixes) e o seu refinamento.
19. Vías de administración de substancias en animais de experimentación (roedores, lagomorfos e peixes) e o seu refinamento.
20. Conceptos de deseño experimental. Variabilidade e as súas causas.
21. Principios de boa práctica científica. Importancia da comunicación e divulgación. Directrices ARRIVE.
22. Requirimentos ambientais e de aloxamento relacionados con roedores, lagomorfos e peixes: tipos e tamaños de aloxamentos. Estantes. Sistemas de bebidas. Tipos de leitos. Enriquecemento ambiental.
23. Nutrición dos animais de experimentación: características nutricionais e organolépticas dos alimentos.
24. Procedementos de limpeza, desinfección, desinsectación e esterilización dos distintos locais e aloxamentos de animais de experimentación. Equipamento específico de limpeza e confort ambiental.
25. Bioseguridade: concepto, clasificación e equipos adecuados en experimentación animal.
26. Protocolos normalizados de traballo en animalarios.
27. Saúde e condicións de seguridade nos animalarios. Situacións de risco para a saúde do/da traballador/a nas diferentes áreas de estabulación. Zoonose e medidas de protección persoal.
28. Riscos biolóxicos, químicos e físicos. Medidas preventivas e de protección. Vixilancia da saúde dos/das traballadores/as expostos/as a axentes biolóxicos.
29. Rexistro, identificación e control dos animais nas instalacións de animais de experimentación. Rastrexabilidade dos animais. Rexistros Hamelín.
30. Principios de organización institucional e o seu impacto na implementación das tres erres e a cultura do coidado.
Nota: as referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame e, nese caso, deben entenderse referidas á lexislación en vigor.
ANEXO III
Denominación da praza: técnico de grao medio de investigación (animalarios)
Tribunal titular:
Presidenta:
– Beatriz Magariños Ferro, catedrática da USC.
Vogais:
– Sonia Vázquez Rodríguez, profesora contratada doutora da USC.
– María José Pazos Guldrís, persoal laboral fixo do grupo I da USC.
– Teodoro Lamela Formoso, persoal laboral fixo do grupo II da USC.
Secretario:
– Ramón Valiño Lemos, funcionario de carreira da escala de xestión da USC, que actuará con voz e voto.
Tribunal suplente:
Presidenta:
– Celia María Pombo Ramos, catedrática da USC.
Vogais:
– Ana María Torres Caldas, persoal laboral fixo do grupo I da USC.
– Verónica Piñeiro Gómez, persoal laboral fixo do grupo I da USC.
– José Antonio Burés Liñares, persoal laboral fixo do grupo I da USC.
Secretario:
– Javier Piñeiro Quintela, funcionario de carreira da escala de xestión da USC, que actuará con voz e voto.
