BDNS (Identif.): 785070.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Concilia Familia os pais/nais e as persoas titoras de nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e se encontren nos supostos seguintes:
a) Que o neno ou a nena nacese o 1 de xaneiro de 2011 ou con posterioridade a esta data.
b) Que ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais /nais con custodia non compartida ou proxenitor/a de familia monoparental estean traballando, no suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena e/ou por necesidades en períodos de vacacións escolares.
Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo en que esta se exerza efectivamente; nestes casos, cada pai/nai deberá presentar unha solicitude individual.
2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Segundo. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas ás familias residentes en Galicia con nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares, que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 10 de setembro de 2024 (código de procedemento BS412A), así como proceder á súa convocatoria.
2. Para os efectos desta orde, entenderase como períodos de vacacións escolares os seguintes períodos do ano 2024:
– Do 1 ao 7 de xaneiro.
– Os días 12, 13 e 14 de febreiro.
– Do 25 de marzo ao 1 de abril.
– Do 22 de xuño ao 10 de setembro.
3. As axudas previstas nesta orde tramitaranse baixo o réxime de concorrencia non competitiva de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, polo obxecto e a finalidade das subvencións, non será necesaria a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 5 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Concilia Familia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS412A).
Cuarto. Financiamento
1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de dous millóns seiscentos sesenta e tres mil oitocentos sesenta e sete euros (2.663.867,00 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 38.02.312B.480.11.
2. A Consellería de Política Social e Igualdade publicará no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Consellería de Política Social e Igualdade o esgotamento da partida orzamentaria e inadmitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.
3. De acordo co previsto no artigo 31.2. da Lei 9/2007, do 13 de xuño, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Quinto. Accións e gastos subvencionables
1. Para teren dereito ás axudas previstas nesta orde, as familias deberán acreditar encontrarse nun dos seguintes supostos:
a) Supostos de necesidades puntuais que a continuación se relacionan:
1º. Enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual.
2º. Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención do neno ou nena.
3º. Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual que impidan a atención do neno ou nena.
4º. Situacións puntuais de coidado de familiares, do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, sempre que impidan a atención do neno ou nena por parte da persoa coidadora habitual.
b) Necesidades en períodos de vacacións escolares que se producen cando os centros educativos están pechados por vacacións, sempre que ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor/a de familia monoparental non se poidan facer cargo da atención do neno ou nena por motivos laborais.
2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes gastos derivados dos medios empregados para a atención de nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, nos supostos previstos no número anterior e realizadas dentro do período indicado no artigo 1.1:
1º. Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar de forma temporal para o coidado do neno ou nena.
2º. Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.
3º. Asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade; en concreto, atención en ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia previstos na sección quinta do capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.
4º. Asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
Sexto. Tipo de axuda e contía
1. A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata un máximo do 75 % do custo das actuacións previstas no artigo anterior e cun límite:
a) De 500 euros por unidade familiar, no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.
b) De 200 euros por cada neno ou nena, no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
2. Cada suposto de conciliación a que dá cobertura esta orde será obxecto dunha axuda dentro das dispoñibilidades orzamentarias.
Sétimo. Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2024
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
