DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 17 de setembro de 2024 Páx. 50929

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 6 do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 6 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de San Cibrao das Viñas, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 30 de agosto de 2024, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2443&_aaeTipology_WAR_aae_id=2443

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2024

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual
número 6 do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas

O Concello de San Cibrao das Viñas, conforme o disposto no artigo 60.13 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e no 144.13 do seu regulamento (RLSG), remite novamente o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva.

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de San Cibrao das Viñas dispón de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado definitivamente o 30.12.2004, con catro modificacións puntuais.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual (MP) foi a seguinte:

• O 15.12.2021 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático ditou resolución (DOG do 4 de xaneiro de 2022) de non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria a modificación puntual, xuntando os informes das consultas previas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do Instituto de Estudos do Territorio e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

• Constan informes técnicos municipais, do 16.8.2022 e do 22.3.2023, e informe xurídico municipal, do 22.3.2023.

• O Concello Pleno do 30.3.2023 aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios no xornal La Región o 13.4.2023; o 21.4.2023, o 28.4.2023 e o 4.5.2023 (correccións de erros), e no DOG do 17.4.2023 e do 25.4.2023 (corrección de erros). Presentouse unha alegación.

• Deuse audiencia aos municipios limítrofes de Barbadás, A Merca, Ourense, Paderne de Allariz, O Pereiro de Aguiar e Taboadela. Constan só informes, sen observacións, do 27.7.2023, de Amoeiro, e do 1.8.2023, do Pereiro de Aguiar.

• Constan notificacións a titulares catastrais e a publicación no BOE da aprobación inicial da modificación puntual os días 18.5.2023 e 5.6.2023.

• Constan informes sectoriais:

– Favorable condicionado, do 28.9.2022, da Dirección Xeral de Planificación e Avaliación da Rede Ferroviaria do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

– Favorable, do 24.10.2022, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

– Favorables, do 13.1.2023 e do 17.7.2023, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

– Favorable, do 25.5.2023, da Secretaría Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

– Favorable, do 25.5.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

– Favorable, do 30.5.2023, do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural.

– Favorable, do 5.6.2023, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

– Favorable, do 5.6.2023, da Deputación Provincial de Ourense.

– Sen obxeccións, do 26.6.2023, do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

– Do 27.6.2023, da Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia, de non ter incidencia nas propiedades afectas á Defensa Nacional, no Inventario de bens e dereitos do Estado, nin nas entidades xestoras da Seguridade Social.

– Favorable con condicións, do 4.7.2023, do Instituto de Estudos do Territorio (IET).

– Do 5.7.2023, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

– Desfavorable, do 18.7.2023, e favorable, do 20.9.2023, da Axencia Galega de Infraestruturas, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

– Favorable condicionado, do 29.8.2023, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

– Do 30.8.2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, co resultado do trámite do artigo 60.7 da LSG.

• Consta solicitude de informe a Augas de Galicia, sen que conste contestación.

• Informes municipais, técnicos do 9.10.2023 e do 24.10.2023, e xurídico do 17.10.2023.

• O Pleno Municipal, en sesión ordinaria do 31.10.2023, acordou estimar a alegación presentada e aprobar provisionalmente a modificación puntual.

• Consta Orde do 19.2.2024, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de non outorgar a aprobación definitiva da modificación puntual número 6 do PXOM de San Cibrao das Viñas.

• Constan novos informes municipais: técnico, do 16.4.2024, e xurídico, do 24.4.2024.

• O Pleno Municipal do 30.4.2024 aprobou de novo provisionalmente a modificación puntual, coas correccións efectuadas no documento.

II. Análise da modificación puntual e consideracións.

II.1. O ámbito da modificación puntual foi modificado nas diferentes fases de tramitación:

– No borrador abarcaba tres subámbitos: ámbito 1, no Piñeiral para a ampliación da depuradora; ámbito 2, entre Reboredo e o polígono industrial, para a creación de novos sistemas xerais de espazos libres e de equipamentos, e ámbito 3, no solo urbanizable SUR-I1, lindeiro co anterior e co polígono industrial de San Cibrao (Finsa-Orember). Neses ámbitos existen afectacións de augas, estradas, patrimonio cultural, gasoduto e liñas eléctricas, así como do Plan sectorial de rede viaria da Ourense e área de influencia.

– No documento aprobado inicialmente, incorporáronse tres novos subámbitos: ámbito 4, área do planeamento incorporado de Reboredo API-PEID-02-P6.1; ámbito 5, solo urbano consolidado industrial lindeiro co SUR-I1, no cal se localiza Finsa-Orember, e ámbito 6, sistema xeral existente de espazos libres e zonas verdes SE-P6. O ámbito 1 da depuradora ampliouse incorporando toda a área de repartición AR-28. Ademais, modificáronse nos artigos 10 e 11 as normas urbanísticas de todo o PXOM.

– No documento aprobado provisionalmente o 31.10.2023 desprazouse lixeiramente ao norte o acceso leste ao espazo libre SE-P6.

– No documento aprobado provisionalmente o 30.4.2024 excluíuse o ámbito 5 de solo urbano consolidado, pasando o ámbito 6 a ser o novo ámbito 5. A zona do ámbito 2 situada ao norte do sector urbanizable e ao oeste do equipamento deportivo existente incorporouse como solo urbanizable ao ámbito 3, e a parte sur do equipamento deportivo engadiuse ao novo ámbito 5. Ademais, modificouse a ordenanza O-7 do PXOM, cun novo grao 0 que afecta a totalidade do solo industrial do termo municipal.

II.2. Tras esa aprobación provisional do 30.4.2024, a clasificación urbanística é a seguinte:

No ámbito 1, para ampliación da depuradora, no SUR-T1 solo urbanizable; no resto da AR-28 solo rústico de especial protección de augas e de especial protección paisaxística, cualificado como sistema xeral de infraestruturas de redes de servizos SN-IS1 ou sistema xeral de espazos libres e zonas verdes SN-P5 (sistema xeral novos parques); unha pequena parte ao sur do SN-P5, solo rústico de protección de infraestruturas, coa cualificación de sistema xeral de infraestruturas de comunicacións SN-V1.

No ámbito 2, solo rústico de especial protección de augas e de protección agropecuaria na súa maior parte, excepto no inicio, en contacto con Reboredo, como solo urbano consolidado coa cualificación en parte como sistema local de espazos libres DE-AJ4 (12 e 13) (dotación local existente, área de xogo) e parte sen asignación de cualificación polo PXOM actual (11), e na súa parte final solo urbano consolidado incluíndo a maior parte do SE-D3 (1) (sistema xeral existente de equipamento deportivo).

No ámbito 3, inclúe a totalidade do SUR I1 (área de repartición AR-32), –solo urbanizable de uso característico industrial–, unha mínima parte de solo rústico de especial protección de augas e de protección agropecuaria ao noroeste, e dúas mínimas partes de solo urbano consolidado correspondente ao sistema xeral de equipamento deportivo SE-D3 e de solo urbano consolidado industrial con ordenanza 7). Na zona situada ao norte no novo SUR-I1A, incorpórase ao solo urbanizable o sistema xeral de espazos libres e zonas verdes SN-P 10_1, o sistema xeral de equipamento deportivo SN-D2 e o sistema xeral de infraestruturas de redes de servizos SN-IS2.

No ámbito 4, API-PEID-02-P6.1, solo urbano non consolidado, coas cualificacións de sistema xeral de espazos libres SN-P2, sistema xeral de equipamentos SN-SU1 e sistema local viario.

No ámbito 5, SE-P6, incluído o SE-P6_4, procedente do ámbito 2, solo urbano consolidado, sendo a maior parte sistema xeral existente de espazos libres e zonas verdes, e unha mínima parte solo urbano consolidado industrial con ordenanza O-7.

II.3. O obxecto da modificación puntual é viabilizar a ampliación da actual depuradora, recualificando parte so sistema xeral de espazos libres e zonas verdes SN-P5 como sistema xeral de infraestruturas SN-IS1; reorganizar os sistemas xerais no ámbito, creando unha grande infraestrutura verde a carón do regato de Pazos e do regato que atravesa o polígono, cun paseo fluvial que conecta o PEID P.6_1 de Reboredo co polígono industrial (parque SE-P6 e equipamento deportivo SN-D3), que favoreza a mobilidade peonil e ciclista entre o núcleo residencial e o polígono industrial; obter unha maior cantidade de solo dotacional (incluído o novo sistema xeral de espazos libres e zonas verdes SN-P10_1 e o novo sistema xeral de equipamento deportivo SN-D2), que se adscribe a unha parte do solo urbanizable industrial SUR-I1 (o novo sector SUR-I1A); dividir o sector de solo urbanizable industrial SUR-I1 en dous sectores (SUR-I1A, que se ordena detalladamente, e SUR-I1B), para facilitar a obtención de dotacións no novo sector SUR-I1A e posibilitar o crecemento da grande industria situada ao sur deste novo sector; fomentar o crecemento ordenado da grande industria Finsa-Orember mediante unha ordenación integrada da súa implantación en solo urbano consolidado (ordenanza 12) e do seu crecemento previsto no SUR-I1A, e mellorar o acceso leste ao sistema xeral de espazos libres e zonas verdes SE-PE_6.3.

II.4. O alcance da modificación en cada un dos ámbitos é o seguinte:

Ámbito 1: corríxese a superficie do SUR-T1, de 62.726 m2 a 50.966 m2. Na área de repartición 28, a que pertence o SUR-T1 redúcese o sistema xeral de espazos libres e zonas verdes SN-P5, pasando de 60.500 m2 a 25.012 m2, e recualifícase o resto como sistema xeral de infraestruturas SN-IS1, de 38.933 m2, para a ampliación da EDAR existente, e 859 m2 como sistema xeral de infraestruturas de servizos (parte de SN-V1).

Ámbito 2: redúcese o sistema local de espazos libres DE-AJ4 de 1.365 m2 a 369 m2, recualificando o resto como sistema xeral de espazos libres e zonas verdes do SN-P10_2, en solo urbano consolidado. O restante solo urbano, que forma parte da zona de protección da canle do río, recualifícase como sistema xeral de espazos libres e zonas verdes do SN-P10_2, como solo urbano consolidado. O tramo seguinte arredor da canle, augas arriba, clasificado como solo rústico de especial protección de augas e protección agropecuaria, recualifícase como sistema xeral de espazos libres e zonas verdes do SN-P10_2. A superficie total do SN-P10_2 é de 31.495 m2 (solo urbano/solo rústico). O sistema xeral de equipamento deportivo (SE-D3) do ámbito 2 redúcese a 21.134 m2.

Ámbito 3: o sector SUR-I1, incluído na área de repartición 32, amplíase de 96.457 m2 a 121.972 m2, ao incorporar ao solo urbanizable parte de solo rústico de especial protección de augas e de protección agropecuaria ao noroeste e a zona do ámbito 2 comprendida entre o SN-P10_2 e o solo urbanizable industrial SUR-I1, tamén clasificada como solo rústico de especial protección de augas e protección agropecuaria. Esta última zona recualifícase como sistema xeral de espazos libres e zonas verdes (SN-P10_1) de 14.657 m2, sistema xeral de infraestruturas e servizos (SN-IS2) de 1.824 m2 e sistema xeral de equipamento deportivo (SN-D2) de 8.311 m2. O solo urbanizable subdivídese nos sectores SUR-I1A, de 91.194 m2, e SUR-I1B, de 30.778 m2, incluíndo no primeiro os sistemas xerais SN-P10_1, SN-D2 e SN-IS2, procedentes do ámbito 2. Así mesmo, inclúese a ordenación detallada do SUR-I1A. No novo sector SUR-I1A inclúense partes procedentes do antigo equipamento deportivo SN-D3 (campo de fútbol) e do solo urbano consolidado con ordenanza O-7. No SUR-I1B inclúese a parte antes clasificada como solo rústico de protección de augas e agropecuaria.

Ámbito 4: no API-PEID-02-P6.1, de 29.175 m2, modifícase a ordenación detallada, diminuíndo os sistemas xerais de espazos libres e de equipamentos en 1.887 m2 e 1.001 m2, respectivamente, que pasan ao sistema local viario, quedando o sistema xeral de espazos libres e zonas verdes (SN-P 2) de 14.563 m2, o sistema xeral de equipamentos (SN-SU 1) de 9.912 m2 e o sistema local viario de 4.700 m2.

Ámbito 5: no SE-P6 do sistema xeral existente de espazos libres e zonas verdes, o SE-P6_2 redúcese 881 m2 para crear ao norte o SE-IS 3, consistente nunha franxa de 5 m en contacto coa vía 5B do polígono industrial para facilitar as conexións externas das redes de servizos dos sectores SUR-I1A e SUR-I1B, manténdose a clasificación como solo urbano consolidado. No SE-PE_3 trasládase o acceso leste cara ao norte a unha zona que garante o cumprimento das condicións de accesibilidade e os corredores peonís do PXOM. Para posibilitar a conexión do SN-P10_1 coas vías do polígono industrial redúcese o sistema xeral de equipamento deportivo SE-D3 (campo de fútbol) en 5.877 m2 para recualificar 4.075 m2 como sistema xeral de espazos libres e zonas verdes SN-P6_4, mantendo a súa clasificación como solo urbano e poder conectar cun corredor verde os sistemas xerais do núcleo de Reboredo cos do polígono industrial. O resto incorpórase ao SUR-I1 no ámbito 3.

Ámbito municipal: a modificación puntual no artigo 10 das normas urbanísticas modifica o artigo 161 do PXOM, relativo ás normas reguladoras do sistema de espazos libres e zonas verdes públicas, e no artigo 11 establece directrices para as dotacións nos contornos fluviais e nos solos rústicos de protección de augas. Ambos os artigos afectan a totalidade do municipio. Ademais, o artigo 14 das normas urbanísticas da modificación puntual modifica o artigo 176 do PXOM que contén a ordenanza 7 (O-7) (edificación de uso industrial-terciario) introducindo un grao 0 –grande industria para uso exclusivo industrial en parcelas de superficie non inferior a 30.000 m2– que afecta a totalidade do solo industrial do termo municipal.

II.5. O documento corrixido da modificación puntual suprime a ordenanza O-12 proposta anteriormente, reducindo o ámbito da modificación puntual, incorporando no artigo 14 das normas urbanísticas un novo grao 0 –grande industria– dentro da ordenanza O-7 para uso exclusivo industrial en parcelas de máis de 30.000 m2, que afecta todo o solo industrial do termo municipal. Os sistemas xerais adscritos ao sector SUR-I1A (SN-P10_1, SN-D2, SN_IS2 e SN-V8) pasan a incluírse no solo urbanizable, excepto o SN-V8, que deixa de ser sistema xeral. Xustifican así que a obriga de urbanizar se traslada da esfera pública á privada. Ademais, mantense o aproveitamento tipo do PXOM para a área de repartición AR-32 (que incluía o SUR-I1) de 0,50 UA m2/m2 e redúcese a edificabilidade anterior (0,67164 m2/m2) do sector SUR_I1A a menos de 0,50 m2/m2 (0,48373 m2/m2).

En consecuencia, e analizada a documentación achegada, aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 30.4.2024, en relación coas deficiencias sinaladas na anterior Orde do 19.2.2024 de non aprobación da modificación puntual, púidose comprobar que se deu cumprimento a estas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 6 do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio o PXOM no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polo artigo 92 da Lei 9/2002 e no 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.