DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 17 de setembro de 2024 Páx. 51011

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 5 de setembro de 2024 pola que se resolve a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería, convocado pola Orde do 7 de xuño de 2024.

Mediante a Orde do 7 de xuño de 2024, publicada no Diario Oficial de Galicia número 120, do 21 de xuño, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante na Consellería de Política Social e Igualdade.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nos artigos 5 a 8 e 25 a 28 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Resolver a convocatoria e adxudicarlle destino ao funcionario cuxos datos se sinalan no anexo desta orde, seleccionado conforme o establecido nas bases da convocatoria realizada mediante a Orde da Consellería de Política Social e Igualdade do 7 de xuño de 2024, no posto de traballo que se indica no mesmo anexo.

Segundo. O cesamento no actual destino do funcionario que obtivo praza producirase no prazo de tres días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Se na data en que debe cesar no seu destino o funcionario está desfrutando un período de licenza, vacacións ou permiso, o prazo para efectualo empezará a contar a partir do día seguinte ao da súa incorporación.

A toma de posesión da praza adxudicada deberase realizar no prazo dos tres días seguintes ao do cesamento, se non implica cambio de residencia; no prazo de sete días hábiles, se comporta cambio de residencia, ou dun mes, se comporta o reingreso ao servizo activo, conforme o establecido no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.

Terceiro. A xefatura de persoal do centro onde cause baixa o funcionario, así como a daquel en que obteña destino, consignarán no título administrativo, dentro do prazo sinalado no punto anterior, as correspondentes dilixencias de cesamento e toma de posesión.

Cuarto. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade

ANEXO

Apelidos e nome: Martín Lancharro, Pablo.

NRP: ****201646 A993A.

Grupo: A1.

Corpo/escala: persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Denominación do posto: subdirector/a xeral de Atención Sociosanitaria e Innovación Asistencial.

Código: PS.C06.00.002.15770.001.

Nivel: 30.

Dependencia: Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.

Localidade: Santiago de Compostela.