BDNS (Identif.): 785896.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Entidades sen ánimo de lucro que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, e que estean a desenvolver actividades de promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa promoción do emprego, o autoemprego e o desenvolvemento local.
Segundo. Obxecto
Financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos sociais, a través da concesión de axudas e subvencións para a contratación nesta convocatoria do ano 2024, ou prórroga da contratación concedida na convocatoria do ano 2023, de axentes de emprego e unidades de apoio (procedemento TR352B), que colaborarán na implantación das políticas activas de emprego e na realización de funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego no ámbito das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 11 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR352B).
Cuarto. Importe
Para a concesión destas axudas destínanse 1.200.085,44 euros.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2024
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
