Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado, relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 147/2024, do 20 de maio, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, esta consellería asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.
Corresponde, pois, á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, para o exercicio orzamentario 2024, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo no marco da Estratexia española de apoio activo ao emprego 2021-2024 (Real decreto 1069/2021, do 4 de decembro). Os principios inspiradores son os seguintes:
1º. A modernización das políticas activas de emprego e o acompañamento personalizado ás persoas e ás empresas.
2º. Compromiso co traballo decente, a calidade e a estabilidade no emprego.
3º. Personalización dos servizos dirixidos tanto a persoas como a empresas, a través do acompañamento ao longo de todo o proceso laboral.
4º. Concibir as políticas activas de emprego como panca de transformación produtiva, para o especial fortalecemento da transición ecolóxica e a transformación dixital.
Por outra banda, a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego ten como obxectivos formar os traballadores para unha economía en transformación, a través de itinerarios modulares e competencias transversais; reforzar a implicación dos axentes públicos e privados, e mellorar a eficiencia do emparellamento entre a demanda e a oferta de emprego.
Tendo en conta o anterior, e coa finalidade de poder cumprir cos obxectivos de estabilidade orzamentaria da Facenda da Comunidade Autónoma, ao tempo de proseguir na senda iniciada na regulación dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, esta consellería adopta medidas de apoio a aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción, especialmente a persoas con discapacidade. En consecuencia, nesta convocatoria recóllense de maneira única e exclusiva aquelas liñas de axuda que teñen por obxecto a dinamización do emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da subvención para a contratación ou prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio por parte das entidades sen ánimo de lucro de carácter social que, en execución das políticas activas de emprego, establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos, para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, persoas con especiais dificultades de inserción sociolaboral, como un programa autonómico. Esta regulamentación autonómica diríxese, así mesmo, ao cumprimento dos obxectivos que se establezan no Plan anual para o fomento do emprego digno (PAFED) de cada ano (Resolución do 15 de xullo de 2024, da Secretaria de Estado de Traballo), requisitos e condicións que se cumpren neste caso.
As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación 44.04.322C.481.8 polo importe global de 1.200.085,44 euros, contida na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 (DOG núm. 246, do 29 de decembro).
En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos sociais sinaladas no artigo 3, a través da concesión de axudas e subvencións para a contratación nesta convocatoria do ano 2024, ou prórroga da contratación concedida na convocatoria do ano 2023, de axentes de emprego e unidades de apoio (código de procedemento TR352B).
As persoas contratadas ao abeiro destas axudas colaborarán na implantación das políticas activas de emprego e na realización de funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego no ámbito das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, consonte os colectivos indicados no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.
2. Para o adecuado exercicio das funcións e actividades das persoas contratadas como axentes de emprego, poderán contar coa axuda e asistencia de unidades de apoio de carácter administrativo, que serán coordinadas por aqueles.
3. A concesión e o desfrute destas axudas para a contratación de axentes de emprego ou unidades de apoio non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.
Artigo 2. Financiamento
1. O financiamento destas axudas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024 a través dos créditos consignados na aplicación 44.04.322C.481.8 (código de proxecto 2015 00522), polo importe global de 1.200.085,44 euros.
2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos
1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde as entidades sen ánimo de lucro que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, e que estean a desenvolver actividades de promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa promoción do emprego, o autoemprego e o desenvolvemento local.
As ditas entidades, para poderen ser beneficiarias destas axudas, necesariamente deben estar adheridas á Rede Xatemprego para o uso da aplicación web na xestión de actividades vinculadas á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa promoción do emprego, o autoemprego e o desenvolvemento local (https://xatemprego.gal/), na cal deberán rexistrar todas as actividades e proxectos desenvolvidos ao abeiro destas axudas.
Para as entidades que, a raíz desta convocatoria, obteñan por primeira vez contratacións subvencionadas de axentes de emprego e/ou unidades de apoio, o período temporal para solicitar a súa adhesión á Rede Xatemprego remata no prazo máximo dun (1) mes desde a notificación da resolución de concesión da subvención.
2. Para seren beneficiarias, ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.
b) Dispor de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.
c) En todo caso, as entidades beneficiarias deberán acreditar que as persoas contratadas no marco deste réxime de axudas non están afectas ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria, tal como exixe a alínea h) do artigo 21 desta orde.
3. Para os efectos do disposto na alínea b) do parágrafo anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:
a) Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgasen a escritura de constitución e/ou dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.
b) Que teñan conexión telemática.
c) Que contratasen por conta allea, por máis de seis (6) meses, algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar as persoas contratadas, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.
Artigo 4. Funcións das persoas contratadas como axentes de emprego e/ou unidades de apoio
1. As persoas contratadas como axentes de emprego, na súa colaboración na implantación das políticas activas de emprego, realizarán, entre outras, as seguintes funcións:
a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles persoas emprendedoras.
b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre as persoas desempregadas con especiais dificultades de inserción laboral e, en especial, as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, co fin de mellorar a súa empregabilidade.
c) Desenvolvemento, avaliación e execución de programas de acción encamiñados a favorecer a igualdade de oportunidades e a discriminación positiva dos colectivos de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.
d) Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira destes.
e) Apoio ás persoas promotoras de empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoas tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados, para contribuír á boa marcha das empresas creadas.
f) Calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa creación de emprego, a actividade empresarial e a inserción laboral dos colectivos de persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.
2. As persoas contratadas como unidades de apoio colaborarán cos axentes de emprego no desenvolvemento das súas funcións.
Artigo 5. Subvención: contía
1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias consistirá nunha contía calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas axentes de emprego e unidades de apoio que se van contratar nos termos previstos no parágrafo seguinte.
2. A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses e polo importe do módulo C no caso de axentes de emprego, e do módulo B para as unidades de apoio, conforme a seguinte escala:
Módulo C: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias –por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM– e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 2 ao 1, ambos incluídos. A contía máxima da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos sexan a tempo parcial.
Módulo B: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias –por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM– e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 8 ao 3, ambos incluídos. A contía máxima da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos sexan a tempo parcial.
Para calcular a contía correspondente aos custos de Seguridade Social, o tipo de cotización aplicable será o que se corresponda coa ocupación A.
3. O salario que percibirán as persoas contratadas como axentes de emprego ou unidades de apoio será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será segundo a súa categoría profesional e titulación.
4. A subvención prevista nesta orde será incompatible con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.
5. As subvencións previstas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere os custos totais da contratación.
As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a obtención doutras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.
6. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.
Artigo 6. Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Esta obriga de presentación electrónica mantense durante toda a tramitación do expediente.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de persoa usuaria e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados pola persoa con representación legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.
Só se poderá presentar unha solicitude por cada entidade. No caso da presentación de varias solicitudes, só se terá en conta a última, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.
3. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicionada destas bases reguladoras.
5. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nesta e que fai constar os aspectos seguintes:
a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
b) A ausencia de ánimo de lucro.
c) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.
d) O cumprimento dos requisitos previstos para obter a condición de entidade beneficiaria da subvención a que se refire o artigo 3 da convocatoria, relativos á súa capacidade técnica e de xestión.
e) A veracidade da titularidade da conta bancaria da entidade solicitante onde se deba efectuar o pagamento da subvención.
f) Que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, logo de petición desta, a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a declaración responsable.
g) Que as copias dos documentos sinalados nas alíneas a) e b) do número 1 deste artigo coinciden cos orixinais e se poñen á disposición da Administración actuante para achegalos cando sexan requiridos.
h) Que a entidade solicitante dispón de financiamento suficiente para sufragar os custos do proxecto que, de ser o caso, deban ser asumidos pola dita entidade.
i) Que a entidade non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
j) Que a partir da data de publicación desta orde, ningunha das persoas que ocupan funcións directivas na entidade, nin as súas cónxuxes, ascendentes, descendentes ou demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao incluído, van a ser contratadas ao abeiro desta convocatoria de subvencións.
k) Que a entidade está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
l) A aceptación do financiamento implica a aceptación da súa inclusión na lista de beneficiarios publicada por medios electrónicos ou por outros medios, así como a publicación dos nomes das operacións e da cantidade de fondos públicos asignada aos beneficiarios.
m) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
Artigo 7. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación que deberá anexarse electronicamente, salvo nos casos recollidos no número 3 deste artigo, en que poderá identificar a entidade solicitante como información accesible, de xeito que a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada pola entidade solicitante:
a) Acreditación da condición de representante da entidade da persoa que asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido pola persoa secretaria ou acta, onde se determine a dita representación.
b) Escritura pública e/ou estatutos de constitución vixentes da entidade solicitante, en que resulte acreditada a ausencia de ánimo de lucro e os fins sociais segundo o disposto no artigo 3.1.
c) Memoria en que se fundamente a solicitude, segundo o modelo que se publica como anexo II, incluíndo unha descrición dos obxectivos perseguidos coa contratación, as accións e actividades que teña que desempeñar a persoa contratada como axente de emprego e as unidades de apoio administrativas, de ser o caso, así como, se é o caso, un breve resumo comprensivo dos obxectivos acadados polas persoas contratadas como axentes con cargo ás axudas do exercicio anterior, en relación coas iniciativas empresariais xeradas e coa inserción laboral das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, como consecuencia da súa actuación.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. Se do exame da documentación presentada se comproba que non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, de acordo co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se considerará por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución que se deberá ditar nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– NIF da entidade solicitante.
– NIF da entidade representante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridad Social.
– Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
– Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
– Consulta de concesión de subvencións e axudas.
– Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 10. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración
1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.
2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas de Cooperación da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
3. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á Comisión de Valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as propostas de resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.
Para estes efectos, a Comisión de Valoración estará composta pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Emprego, que a presidirá e, como vogais, pola persoa responsable da Xefatura do Servizo de Programas de Cooperación e unha persoa adscrita ao dito servizo, que realizará as funcións de secretaría. Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.
Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.
4. Dos proxectos presentados polas entidades de atención de colectivos de discapacidade e en risco de exclusión social que cumpran os requisitos sinalados no artigo 3 farase unha avaliación para o outorgamento da correspondente subvención, tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:
a) As solicitudes de axudas concedidas no exercicio 2023 para a prórroga da contratación: ata 15 puntos.
b) Os proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral das persoas axentes de emprego e unidades de apoio, mediante a súa contratación indefinida: ata 10 puntos.
– Contratación indefinida: 10 puntos.
– Contratación temporal: 5 puntos.
c) Os proxectos que teñan un ámbito de actuación superior ao municipal: ata 5 puntos.
– Ámbito de actuación autonómico: 5 puntos.
– Ámbito de actuación pluriprovincial: 4 puntos.
– Ámbito de actuación provincial: 3 puntos.
– Ámbito de actuación comarcal: 2 puntos.
– Ámbito de actuación municipal: 1 punto.
d) A acreditación de ter apoiado máis dun proxecto empresarial que se consolidasen en empresas, e/ou permitisen a inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social: ata 10 puntos.
e) A antigüidade de constitución da entidade en máis de tres (3) anos na data de publicación desta convocatoria: 5 puntos.
f) A eficacia na xestión e execución dos proxectos daquelas entidades que participaron en convocatorias anteriores: 5 puntos, puntuando negativamente unha mala xestión por parte da entidade, para o cal se terán en conta as incidencias na verificación de axudas anteriores producidas por causas imputables á entidade.
No caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia as solicitudes segundo a orde cronolóxica de entrada na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 50 puntos co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración anteriores e adxudicar, dentro do crédito dispoñible sinalado no parágrafo primeiro do artigo 2, a aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios.
Artigo 12. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Resolución
1. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución á persoa responsable da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada por delegación da persoa responsable da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
2. O prazo de resolución e notificación será de tres (3) meses, contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, entre outras cuestións, a denominación do proxecto aprobado, a data límite de inicio e realización de todas as contratacións, a duración, a contía da subvención que se vai outorgar e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento.
4. A resolución que, se é o caso, aprobe a concesión da prórroga terá efectos retroactivos, sempre que non se interrompa a contratación, así como a prestación de servizos.
5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que contra elas se poderá interpor recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun (1) mes computado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, a teor do disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
7. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 14. Selección e contratación de axentes de emprego e de unidades de apoio
1. A selección de axentes de emprego e de unidades administrativas de apoio corresponderalle á entidade beneficiaria da subvención.
No caso das persoas axentes de emprego, deberán, necesariamente, ter superado con éxito os estudos universitarios e valoraranse a experiencia profesional, así como os coñecementos extraacadémicos adquiridos en cursos monográficos ou proxectos de emprego.
2. Non será preciso realizar ningún proceso de selección cando a persoa que se contrate estea a prestar servizos na entidade beneficiaria da subvención (no suposto de prórroga da contratación) e cumpra cos requisitos establecidos no parágrafo anterior.
De ser necesario realizar algún proceso de selección, este será efectuado pola entidade beneficiaria mediante o procedemento que considere máis apropiado, sempre que se garanta a idoneidade para o posto, o cumprimento do disposto no parágrafo primeiro deste artigo e se trate de persoas demandantes de emprego, ocupadas ou non, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (Emprego Galicia).
Se a entidade decide optar pola presentación dunha oferta na oficina de emprego correspondente ao seu domicilio, esta terá a consideración de oferta de emprego ordinaria.
A selección deberá realizarse tendo en conta a data límite para remitir a documentación xustificativa establecida na resolución de concesión da subvención.
3. As persoas axentes de emprego ou unidades de apoio, seleccionadas de conformidade co procedemento establecido, serán contratadas pola entidade beneficiaria, mediante a modalidade de contrato de traballo coas cláusulas específicas de contratos vinculados a programas de políticas activas de emprego, nos prazos expresados na resolución de concesión, o que se deberá comunicar á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través do aplicativo Contrat@.
4. Os contratos subvencionados por esta orde serán incompatibles co exercicio de funcións directivas na entidade beneficiaria, consonte o establecido no punto 10º da declaración responsable recollida na solicitude (anexo I). Esta limitación é extensible aos/ás seus/súas cónxuxes, ascendentes, descendentes ou demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao incluído.
Artigo 15. Substitución das persoas traballadoras
1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo restante, sempre que a contratación se produza dentro dos trinta (30) días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.
2. No suposto de baixas temporais por causas que se prevexa que sexan de longa duración, superior a trinta (30) días, a substitución só será posible logo de autorización expresa da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais despois de solicitude fundamentada da entidade contratante.
3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, indicando a causa da baixa, nun prazo máximo de quince (15) días desde a correspondente contratación, e achegando a seguinte documentación:
a) Parte de baixa na Seguridade Social da persoa traballadora substituída.
b) Parte de alta na Seguridade Social da persoa traballadora substituta.
c) Contrato de traballo mediante a modalidade contractual coas cláusulas específicas de contratos vinculados a programas de políticas activas de emprego.
d) Certificado de selección da persoa traballadora substituta, no modelo publicado na web institucional da Xunta de Galicia, agás que se trate dunha persoa candidata que quedase en lista de espera na primeira selección.
4. Tanto no caso de extinción como de substitución por suspensión do contrato, a selección da nova persoa traballadora deberá levarse a cabo de acordo cos requisitos e o procedemento establecidos no artigo 14.
Artigo 16. Coordinación da Rede de persoas técnicas de emprego de Galicia
A coordinación da Rede de persoas técnicas de emprego de Galicia, integrada polas persoas axentes de emprego e polas persoas axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL), levarase a cabo desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
A entidade beneficiaria debe comunicarlle á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola canle e no prazo establecidos por esta no artigo 3.1 desta orde, a incorporación destas persoas para efectos de dalas de alta, en tempo e en forma, na aplicación Xatemprego.
Artigo 17. Actualización permanente da formación de axentes de emprego
1. As entidades beneficiarias garantirán a adaptación das persoas técnicas contratadas aos seus postos de traballo, facilitándolles o acceso á metodoloxía e cantas técnicas sexan necesarias para o mellor desenvolvemento das súas funcións, pondo á súa disposición os equipamentos e medios materiais adecuados, tales como equipos informáticos precisos, así como acceso á internet e ao correo electrónico, ademais do acceso á formación que se estableza.
2. Co fin de garantir a adecuada coordinación, formación e actualización permanente destas persoas técnicas, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, en colaboración con outros departamentos e/ou entidades públicas da Xunta de Galicia, organizará, con medios propios ou alleos, cantas actuacións considere convenientes, a través de reunións de coordinación, cursos ou xornadas de traballo, facilitando a aquelas regularmente información sobre normativa, desenvolvemento de plans e outras cuestións que se consideren de interese. En todo caso, priorizarase o seu desenvolvemento a través das ferramentas dispoñibles na aplicación xatemprego.gal, así como a súa colaboración coa Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
3. A asistencia e participación nestas actividades de formación, coordinación, divulgación e actualización será obrigatoria, polo que as entidades beneficiarias da subvención deberán facilitar a participación das persoas técnicas nas citadas actuacións durante o horario de traballo.
Artigo 18. Avaliación das actividades levadas a cabo polas persoas axentes de emprego
1. Co obxecto de ofrecer unha información detallada sobre a xestión e os resultados acadados para cada unha das actuacións e servizos promovidos polas persoas técnicas subvencionadas, estableceuse un sistema electrónico de elaboración, rexistro e xestión da memoria de actividades que permita avaliar, en tempo real, as actuacións que están levando a cabo aquelas (https://xatemprego.gal/).
2. Os datos e a información sobre os servizos e actuacións en que as persoas contratadas como axentes de emprego tomen parte deberán ser subministrados en tempo real, de xeito que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poida, en calquera momento, ter coñecemento das distintas actuacións que están a levar a cabo as persoas axentes.
Artigo 19. Publicidade
1. Para os efectos de difusión pública, no lugar onde se realice o servizo deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, no modelo normalizado establecido no Manual de identidade corporativa da Rede de persoas técnicas de emprego de Galicia, publicado na web institucional da Xunta de Galicia https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0043.html, en que constará expresamente que se financiarán con cargo aos fondos recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal.
2. Para os efectos de ofrecer unha imaxe unificada e global da Rede de persoas técnicas de emprego de Galicia, cara ás persoas usuarias dos seus servizos en toda a Comunidade Autónoma, que permita unha mellor e máis rápida identificación destes, deberá utilizarse o conxunto de normas gráficas recollidas no Manual de identidade corporativa da Rede de persoas técnicas de emprego de Galicia, para a utilización do logotipo da rede, nos distintos elementos de comunicación, o que redundará nunha maior calidade das prestacións desenvolvidas polas persoas axentes.
3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b), 18.2 e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 20. Xustificación e pagamento
1. O aboamento da subvención para a contratación de axentes de emprego e/ou unidades de apoio farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación electrónica da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión e, en todo caso, antes do 20 de decembro de 2024:
a) Contratos de traballo coas cláusulas específicas de contratos vinculados a programas de políticas activas de emprego, formalizados e debidamente comunicados, e dos partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC), se é o caso.
b) Certificado ou declaración responsable onde conste, se é o caso, que foi acordada a prórroga da contratación da persoa contratada como axente de emprego e/ou unidade de apoio para o cal se solicita subvención.
c) Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, relativo ao procedemento de selección da persoa axente de emprego e/ou unidade de apoio, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0042.html, se é o caso.
d) Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0042.html, en que consten as retribucións salariais brutas das persoas traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotizacións empresariais á Seguridade Social, indicando, se é o caso, as cantidades achegadas pola entidade.
e) Unha declaración responsable da entidade solicitante do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes, no modelo que se publica como anexo III.
f) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 19.
g) O documento de consentimento de cesión de datos da persoa contratada como axente de emprego, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0042.html
h) A declaración responsable de que a actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas como axentes de emprego e/ou unidades de apoio está destinada á promoción e implantación de políticas activas de emprego relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego e inserción laboral das persoas con especiais dificultades de inserción sociolaboral, en entidades prestadoras de servizos sociais que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0042.html
2. A comprobación da permanencia en alta na Seguridade Social, no caso das prórrogas, realizarase polo Servizo de Programas de Cooperación a través das correspondentes aplicacións informáticas.
3. Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego
4. A comprobación das actividades e proxectos executados polo persoal contratado en relación coas funcións previstas no artigo 4 desta orde realizarase directamente a través da consulta dos rexistros gravados por aquel na aplicación https://xatemprego.gal/ para o exercicio correspondente.
5. Unha vez recibidos os fondos, a entidade beneficiaria deberá remitir á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais unha certificación acreditativa da súa recepción. Para estes efectos, deberá presentar o extracto bancario xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.
Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias
1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:
a) Aceptación da subvención no prazo de dez (10) días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.
b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
c) Aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e de acordo coa súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.
d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer no momento do seu vencemento, mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.
e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, e, así mesmo, facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada, e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo a lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.
f) Comunicarlle á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.
g) Comunicarlle á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a obtención doutras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.
h) Presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo establecido na resolución concedente da subvención, unha declaración responsable de que a actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas como axentes de emprego e/ou unidades de apoio está destinada á promoción e implantación de políticas activas de emprego relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego e inserción laboral das persoas con especiais dificultades de inserción sociolaboral, en entidades prestadoras de servizos sociais que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
i) As entidades beneficiarias deberán proporcionarlles ás persoas axentes de emprego e unidades de apoio as correspondentes tarxetas identificativas, que deberán levar en todo momento, no modelo que estableza a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais e que se publicará na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0043.html, en que constará a colaboración da Consellería.
2. Co fin de que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración efectúe un seguimento adecuado da execución dos proxectos, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:
a) Darlle publicidade á actuación, así como a utilización do logotipo da Rede de persoas técnicas de emprego de Galicia, nos distintos elementos de comunicación, segundo establece o artigo 19. Os modelos de publicidade e linguaxe inclusiva deben ser respectuosos e non sexistas.
b) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
c) Presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo de dous (2) meses, unha vez que finalizase a súa execución, a seguinte documentación:
• Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0042.html
• Nóminas aboadas ás persoas traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e modelo de relación nominal de traballadores ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias necesariamente no caso das nóminas) e o modelo 190 (en concreto, os certificados individuais das retencións e ingresos á conta do IRPF das persoas traballadoras subvencionadas).
d) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, realice persoal técnico da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
e) Comunicarlle, no prazo de dez (10) días, á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración:
• As subvencións ou axudas solicitadas e/ou obtidas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.
• Aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que van desenvolver as persoas técnicas contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.
f) Utilizar as ferramentas informáticas postas á disposición das persoas técnicas, especialmente o sistema electrónico de elaboración e xestión da memoria de actividades (Xatemprego) que permita avaliar as actuacións levadas a cabo por aquelas.
g) Cumprir as demais obrigas que poidan derivar desta orde ou das resolucións e instrucións que, se é o caso, se diten para o seu desenvolvemento e execución.
3. En virtude do disposto no artigo 4.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no 10.2 desta orde de convocatoria, no suposto de que o requirimento de información non sexa atendido en prazo, imporanse multas coercitivas de 100,00 a 1.000,00 euros, reiteradas por períodos mensuais ata o seu cumprimento. O total da multa non poderá exceder o 5 % do importe da subvención.
Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento e reintegro
Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que haxa que reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:
a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.
b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.
c) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 20.1: procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención. No caso de que o atraso sexa de ata o 30 % do prazo establecido, suporá unha perda do dereito ao cobramento do 2 % sobre o gasto subvencionado; cando o atraso sexa entre o 31 % e o 100 % do prazo establecido, a perda do dereito ao cobramento será do 10 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de que o atraso supere o 100 % do prazo establecido, procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.
d) Incumprimento da obriga de presentación de documentación exixida no artigo 21.2.c): no caso de que non se presente ningunha documentación, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e, no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se deberá reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.
e) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobramento da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial mensualmente: cando o importe salarial aboado fóra de prazo sexa inferior ao 50 % do gasto subvencionado, o importe que se reintegrará será equivalente ao importe aboado fóra do prazo establecido, e, no suposto de que o importe salarial aboado fóra de prazo sexa igual ou superior ao 50 %, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.
f) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 19: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.
g) A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.
Disposición adicional primeira
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que se teña declarada a abstención ou recusación da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, segundo establece o Decreto 147/2024, do 20 de maio.
Disposición adicional segunda
As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición adicional terceira
Para o adecuado desenvolvemento das súas funcións, os datos de carácter identificativo (DNI, nome e apelidos, sinatura), así como os académicos e profesionais das persoas contratadas como axentes de emprego, serán públicos e deberán estar á disposición de quen requira dos seus servizos como tales, polo que deberán prestar o seu consentimento por escrito segundo o formulario que estableza a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, que serán tratados só e exclusivamente para o correcto desenvolvemento das finalidades previstas nesta orde e que en ningún caso se utilizarán para outro fin.
As entidades beneficiarias das axudas para a contratación das persoas axentes de emprego cumprirán co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, e no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, respecto ao rexistro de actividades do tratamento.
A entidade beneficiaria comunicaralle á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración os datos necesarios para o seguimento, control e supervisión das accións citadas, e solicitaralle previamente ao/á interesado/a o seu consentimento sobre a cesión dos datos de carácter identificativo (DNI, nome e apelidos, sinatura), así como os académicos e profesionais. A Consellería comprométese a utilizar os ditos datos exclusivamente para a finalidade mencionada.
En todo caso, aplicaranse sobre os datos de carácter persoal obxecto de tratamento as medidas de seguridade establecidas no artigo 21.3 desta orde, así como no Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Disposición derradeira primeira
Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2024
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
