Outorgada a declaración de utilidade pública que leva implícita a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica denominada recuamento LMT SMR-712/SMR-713, rúa Instituto, no concello de Ferrol (expediente IN407A 2015/169-1), pola Resolución deste departamento territorial, do 1 de marzo de 2016, a favor da entidade beneficiaria Unión Fenosa Distribución, S.A. (na actualidade UFD Distribución Electricidad, S.A.), con enderezo na avenida de Arteixo, 171, 15008 A Coruña.
Este departamento territorial, de conformidade co disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa e 56 do seu regulamento, acordou sinalar o día 23 de xuño de 2016 para efectuar o levantamento da acta previa á ocupación do predio número 1, único afectado neste procedemento expropiatorio e que resultou de titularidade descoñecida. O dito acto foi sometido á preceptiva información pública e anuncio de notificación individual mediante a publicación correspondente no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado.
O procedemento expropiatorio desenvolveuse en todos os seus trámites e concluíu coa resolución de fixación do prezo xusto polo Xurado de Expropiación de Galicia e a consignación na Caixa de Depósitos da Consellería de Facenda dese prezo xusto máis os xuros legais; está consignación, igualmente, foi obxecto de anuncio no TEU.
O 26 de febreiro de 2024, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a convocatoria dun acto de levantamento dunha acta de ocupación complementaria ao terse advertido un desvío no trazado da instalación autorizada no único predio afectado. Este desvío non supón ningunha alteración da superficie afectada, da cal xa se deixara constancia na acta previa á ocupación formulada o 23 de xuño de 2016, nin tampouco provoca novas afeccións a terceiros.
De conformidade co anterior, este departamento territorial acorda convocar un acto de levantamento de acta de ocupación complementaria, que terá lugar no propio predio o vindeiro día 25 de outubro de 2024, ás 10.20 horas, e con posterior desprazamento ás dependencias da Concellería de Urbanismo do Concello de Ferrol para a redacción definitiva da dita acta, na cal se reflectirá esa variación do trazado para a súa constancia no expediente. Igualmente, ordénase a notificación individual desta convocatoria a todas as persoas titulares de bens e dereitos afectados.
A Coruña, 4 de setembro de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
