DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 30 de setembro de 2024 Páx. 52781

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 17 de setembro de 2024 pola que se establecen os domingos e festivos en que se autoriza a apertura de establecementos comerciais durante o ano 2025.

A Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia (DOG do 28 de decembro), modificada pola Lei 1/2013, do 13 de febreiro (DOG do 14 de febreiro), determina no artigo 5 que os domingos e días festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público serán, como máximo, dez ao ano.

O artigo 6 do mesmo texto legal sinala que os domingos e festivos de apertura serán determinados para cada período anual mediante orde da consellería que posúa as competencias en materia de comercio, que se publicará no Diario Oficial de Galicia antes do 15 de outubro do ano anterior ao da súa aplicación, logo da consulta ás asociacións de consumidores máis representativas con implantación en toda a Comunidade, ao Consello Galego de Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e Navegación de Galicia e ás demais organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas de Galicia.

Con independencia do establecido no parágrafo anterior, e co obxectivo de protexer os intereses comerciais nos diferentes concellos, unha vez publicadas no Diario Oficial de Galicia as datas as que fai referencia este artigo, calquera concello poderá solicitar da consellería competente en materia de comercio a modificación de dúas datas para o seu termo municipal. Esta solicitude deberá ser motivada e realizarse antes do 15 de novembro, e terá que se presentar acompañada dos informes emitidos pola Cámara de Comercio, Industria e Navegación da zona e polas organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas. A consellería resolverá no prazo de quince (15) días, contados desde a presentación da solicitude. De transcorrer o dito prazo sen resolución expresa, considerarase estimada a petición. Con anterioridade ao 15 de decembro, serán publicados no Diario Oficial de Galicia os cambios que se aprobasen.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten competencia en materia de comercio, de acordo co disposto no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG núm. 101, do 27 de maio).

En aplicación dos citados preceptos, logo de consulta efectuada aos axentes socioeconómicos determinados pola lei, e tendo en conta o interese xeral do comercio e dos consumidores, procédese á fixación dos dez (10) domingos e festivos que, para os efectos do exercicio da actividade comercial, terán a condición de hábiles durante o ano 2025.

Polo tanto, en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Os domingos e festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público durante o ano 2025 son:

– 7 de xaneiro

– 12 de xaneiro

– 17 de abril

– 29 de xuño

– 30 de novembro

– 6 de decembro

– 8 de decembro

– 14 de decembro

– 21 de decembro

– 28 de decembro

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2024

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración