Mediante a Resolución do presidente do Servizo Galego de Saúde, do 9 de maio de 2023, encomendouse á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción dun novo centro de saúde no concello de Noia (A Coruña). A dita resolución foi obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia núm. 96, do 23 de maio.
Mediante o escrito do 12 de xullo de 2024, da Axencia Galega de Infraestruturas, esta comunicou a desistencia da dita encomenda xa que, debido á carga de traballo na Área de contratación da Axencia, non foi posible proceder á licitación dos contratos de servizo para a redacción do proxecto e dirección da obra.
Estas circunstancias sobrevidas determinan a necesidade de que todas as actuacións inicialmente encomendadas á Axencia Galega de Infraestruturas sexan asumidas directamente polo Servizo Galego de Saúde.
De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, por medio da presente dáse publicidade á Resolución do presidente do Servizo Galego de Saúde, do 16 de setembro de 2024, pola que se revoga e deixa sen efecto a encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas da xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción dun novo centro de saúde no concello de Noia (A Coruña).
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
