De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte resolución de modificación de encomenda coas seguintes características:
– Resolución do 25 de setembro de 2024, do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, pola que se modifica a Resolución do 18 de abril de 2023 pola que se encomendaba á Axencia Galega de Infraestruturas a preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas ditas obras.
– Actividade:
Ás actuacións encomendadas á SPI Galicia, S.A. na condición segunda da encomenda que se modifica engádense as seguintes:
1. A xestión das diversas actuacións de carácter técnico en relación cos traballos de supervisión da documentación relativa ás instalacións do proxecto do novo CHUAC e da elaboración dun modelo de funcionamento do edificio en caso de incendio, así como actuar como órgano de contratación na contratación dos servizos que sexan necesarios para cumprir o obxectivo da encomenda.
2. O asesoramento en relación coa normativa vixente exixible tanto técnica como de contratos relativo á documentación das instalacións do proxecto do novo CHUAC.
3. A redacción dun informe inicial de análise e propostas de revisión relativas á documentación das instalacións do proxecto do novo CHUAC.
4. A revisión final do proxecto e documentos relacionados coas instalacións do proxecto do novo CHUAC.
5. A redacción do informe final de aprobación das instalacións contidas no proxecto do novo CHUAC.
– Natureza e alcance das funcións encomendadas: o encargo ten natureza de encomenda intersubxectiva a medio propio, segundo o disposto no artigo 13.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e nos artigos 9 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao ter a Axencia Galega de Infraestruturas e a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a consideración de medios propios e servizos técnicos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
– Financiamento: a realización das actividades e/ou actos e negocios xurídicos necesarios para a execución desta encomenda de xestión por parte da Axencia Galega de Infraestruturas e a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. efectuarase a título gratuíto, sen que exista retribución ou tarifa.
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2024
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
