DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 2 de outubro de 2024 Páx. 53204

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2024, da Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de persoal licenciado sanitario de xefe/a de Unidade de Tarde do Servizo de Atención Primaria de Vilagarcía de Arousa.

Mediante a Resolución do 5 de xuño de 2024, da Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés (DOG núm. 116, do 17 de xuño), convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de persoal licenciado sanitario da Xefatura de Unidade de Tarde do Servizo de Atención Primaria de Vilagarcía de Arousa.

En virtude das competencias atribuídas polo Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 204, do 25 de outubro), esta xerencia

RESOLVE:

Primeiro. Declarar resolta a convocatoria e adxudicar o posto da Xefatura de Unidade de Tarde do Servizo de Atención Primaria de Vilagarcía de Arousa, que se relaciona no anexo I.

Segundo. Os/as aspirantes deberán cesar na praza que desempeñen dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.

A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos dous días hábiles seguintes ao do cesamento.

Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada do/da interesado/a, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.

O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a condición de servizo activo, e percibiranse os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular, e será declarado/a nesa situación polo órgano competente, quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.

Terceiro. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, segundo o establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Pontevedra, 19 de setembro de 2024

José Manuel Flores Arias
Xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

ANEXO I

Adxudicación da praza

Apelidos e nome

DNI

Denominación da praza

Servizo/unidade

González Martínez, María Susana

***1573**

Xefe/a da Unidade de Tarde de Atención Primaria

Atención Primaria de Vilagarcía de Arousa